Na primeira vaga da pandemia as residencias de maiores rexistraron as maiores cifras de mortes, con milleiros de defuncións en todo o Estado. En Galicia a situación foi menos grave que noutras comunidades autónomas, pero mesmo así 272 usuarios e usuarias dos centros da terceira idade morreron despois de contaxiarse co coronavirus. Isto representou o 44% do total de defuncións producidas en Galicia pola Covid-19 ata o mes de xullo.
A práctica totalidade destas mortes tiveron lugar nos centros de xestión privada, destacando a situación vivida nas residencias do grupo DomusVi, que encabezaron as cifras de mortes. O sucedido levou a intensas protestas lideradas polas familias dos usuarios e usuarias destes centros e tamén do persoal destas instalacións. Acusaban a estas empresas privadas de non ter adoptado as medidas necesarias nos primeiros días da pandemia e de arrastrar problemas estruturais de falta de persoal e medios. Ademais, criticábase á Xunta de Galicia a ausencia de control sobre estes centros para garantir o cumprimento da normativa e das mínimas condicións para persoal e residentes.
52 das 127 mortes dos últimos dous meses producíronse nas residencias, o 41%, unha proporción idéntica á que se rexistrara na primavera
A segunda vaga da pandemia está a deixar cifras moi elevadas de contaxios, pero de momento un número diario de mortes máis reducidas. Están a adoptarse máis medidas de prevención que as que había en marzo e, en especial, as residencias de maiores e de atención á discapacidade están sometidas a protocolos de prevención que buscan evitar que o virus entre nesas instalacións, habitadas por persoas pertencentes a grupos de risco.
Mesmo así, dende o pasado 7 de agosto houbo xa 127 mortes en Galicia de persoas infectadas polo coronavirus, segundo os datos comunicados pola Consellaría de Sanidade ata este mércores pola noite. Delas, 52 corresponden a usuarios e usuarias das residencias de maiores, unha proporción do 41% practicamente idéntica á que se dera entre marzo e xullo, próxima ao 44%.
Cómpre salientar, iso si, que nas últimas dúas semanas o número de falecementos de persoas residentes en centros da terceira idade semella estar moderándose, mentres continúan aumentando o resto das defuncións. Entre o 1 de agosto e o 15 de setembro das 75 mortes por coronavirus que se rexistraran en Galicia, 35 correspondían a residentes, o 47% do total. Mentres, nos últimos 15 días, nos que houbo outras 52 mortes, unicamente 17 (o 33%) foron de residentes en centros de maiores.
13 desas defuncións producíronse nas propias residencias e as restantes 38 foron en hospitais ou nas residencias integradas
Segundo as estatísticas facilitadas pola Consellaría de Sanidade, 13 desas defuncións producíronse nas propias residencias e as restantes 38 foron en hospitais ou nas residencias integradas (medicalizadas). Entre os centros que rexistraron falecementos destacan as residencias de DomusVi Lugo (en Outeiro de Rei), a residencia do Incio, a residencia Orpea Coruña (Culleredo) ou a residencia Las Salinas (Ourense), que tamén figuran ente as instalacións que nos últimos dous meses tiveron un maior número de casos de coronavirus entre os seus residentes e persoal.
Este mércores, na última notificación facilitada polo Sergas, as residencias de maiores sumaban 314 casos activos de coronavirus entre os seus usuarios e usuarias e 123 entre o seu persoal
Este mércores, na última notificación facilitada polo Sergas, as residencias de maiores sumaban 314 casos activos de coronavirus entre os seus usuarios e usuarias e 117 entre o seu persoal. A Residencia DomusVi Lugo segue a ser a que acumula un maior número de infeccións, cun total de 156 (132 de usuarios/as e 24 do persoal). A Residencia O Incio suma 83 (48 de residentes e 35 do persoal). A Residencia Nosa Señora do Viso (Lobeira) suma 47 casos de usuarios, a Residencia Ballesol (Oleiros) acumula 36 casos (32 deles de residentes), o Fogar residencial El Pinar (Culleredo) ten 28 (21 de residentes), a Residencia Las Salinas (Ourense) ten 18 (14 de residentes) e a Residencia Santa Marta (Vigo) suma 16 (13 de residentes).
Ademais, os centros de atención á discapacidade notifican nestes momentos 6 casos activos de usuarios e usuarias e 19 de traballadoras e traballadores. Destaca a situación da Residencia Ricardo Baró de Aspronaga (Oleiros), con 18 deses casos.
Esta fin de semana usuarios de residencias de maiores e familias volveron manifestarse en varias cidades galegas, como Santiago e Vigo, como veñen facendo dende a primavera. Xa hai unhas semanas mobilizáranse en protesta pola negativa do PP a permitir a creación dunha comisión de investigación sobre o sucedido nas residencias de maiores, as condicións destes centros e os falecementos e contaxios que neles se produciran.
DomusVi, que tivo o maior número de mortes en Galicia e que tamén nesta segunda vaga rexistrou unha situación de gravidade no seu centro situado en Outeiro de Rei (que obrigou á súa intervención por parte do Goberno galego) vén de presentar a súa Memoria de actividade, na que a súa conselleira delegada, Josefina Fernández, afirma que o seu modelo de atención lles permitiu "facer fronte á pandemia nas mellores condicións posibles".
REDE, a Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarios de Residencias e da Dependencia, reclama unha mudanza no modelo de residencias en Galicia, apostando polos centros de titularidade e xestión pública e por unha mellora nas condicións de usuarios e persoal.