DomusVi ofrece unha prima económica ao seu persoal que deixa fóra as traballadoras infectadas polo coronavirus

Mobilización de TReGa diante da sede de DomusVi, en Vigo © Vellez Digna

DomusVi continúa no centro das críticas que traballadoras e familias polo funcionamento das súas residencias da terceira idade en Galicia, unhas eivas que levaban anos sendo denunciadas por entidades como Vellez Digna, a Federación REDE (composta por asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia) e, sobre todo, Trega (Traballador@s de Residencias de Galicia). Con todo, non foi ata a chegada da pandemia do coronavirus -con centos de persoas infectadas e 274 mortes nas residencias- que os focos apuntaron á xestión destes centros. 

"Seguen sen pagarnos os festivos ou a noctunidade como deberían. Ademais, é mentira que reforzasen o persoal, como asegura a empresa", afirma Sonia Jalda

E DomusVi, que posúe en Galicia 18 residencias privadas máis outras 12 de titularidade pública pero con xestión privatizada (e un total de 200 centros en todo o Estado), está a recibir as maiores críticas, xustificadas en que foron algunhas das súas instalacións (en Vigo, Compostela, Cangas ou A Coruña) as que rexistraron as maiores cifras de contaxios e de falecementos, obrigando á Xunta a intervir as residencias de Barreiro e Aldán.

Xa antes da crise do coronavirus estes colectivos de traballadoras e usuarios alertaban nas súas críticas que centros de DomusVi incumprían as ratios de persoal fixadas pola lei e tamén algúns aspectos do convenio colectivo relativos ao pagamento e compensación de festivos, do traballo nocturno ou nos descansos garantidos entre quenda e quenda de traballo. Aspectos moitas veces denunciados e ante os que o Goberno galego "sempre mirou para outro lado", destacaba nesta entrevista Sonia Jalda, voceira de Trega. A finais de maio unha sentenza do TSXG acreditou que residencias privadas de maiores incumprían o descanso do persoal previsto no convenio.

Protesta dos familiares dos usuarios de DomusVi Aldán ante as portas das residencias © Vellez Digna

"É unha discriminación laboral en toda regra, que afecta precisamente a estas traballadoras que me solucionaron o problema da pandemia naquelas residencias nas que a Covid-19 entrou con máis forza"

Cando a terrible situación xerada polo coronavirus semella controlada nas residencias (esta semana, por primeira vez dende marzo non hai positivos entre os usuarios, e só hai un caso dun traballador na Coruña), o colectivo das Traballador@s de Residencias de Galicia volve denunciar que "a situación volve ser a que había antes". "Seguen sen pagarnos os festivos ou a noctunidade como deberían. Ademais, é mentira que reforzasen o persoal, como asegura a empresa", afirma Sonia Jalda en conversa con Praza.gal. 

"Durante unhas semanas, grazas a que estaba o Sergas, fixéronse as cousas como hai que facelas, pero xa volvemos á situación anterior: a encher as residencias de xente, a sobrecargar de traballo ao persoal... Coma se aquí non houbese unha pandemia, centos de casos e decenas de mortes na empresa", di. TReGa reclama reforzos de persoal co obxectivo de que as traballadoras que loitaron "en primeira liña" contra o coronavirus se poidan recuperar de catro meses de "constante shock emocional".

"Con este complemento non che están pagando nada, non che están dando nada que che roubaran antes. Róubanche no salario, róubanche na nocturnidade e nos domingos..."

Nos últimos días, ademais, coñeceuse que DomusVi está a ofrecer unha prima económica ás empregadas das súas residencias, unha decisión que tamén recibiu as críticas do colectivo de traballadoras, sobre todo por deixar fóra a unha parte importante do persoal, precisamente aquel se se viu máis afectado polo coronavirus. Este pagamento, de algo máis de 500 euros, só poderá ser cobrado por aquelas empregadas que traballaran cando menos o 80% do tempo durante o estado de alarma, ao redor de 70 días. Isto excluiría a aquelas persoas que se infectaran por coronavirus e que polo tanto tiveron que ficar nas súas casas ata superar a enfermidade.

"Isto é unha mostra de como fai as cousas DomusVi, isto é o seu modus operandi", di Sonia Jalda. "É unha discriminación laboral en toda regra, que afecta precisamente a estas traballadoras que me solucionaron o problema da pandemia naquelas residencias nas que a Covid-19 entrou con máis forza", denuncia. "Mesmo hai algún caso de persoas que traballaron durante toda a pandemia, sen interrupción, que non enfermaron pero que quedan sen o complemento porque nalgún momento lles dixeron que tiñan que ficar na casa mentres non lles facían unha PCR", engade.

Concentración de protesta contra DomusVi, hai uns meses © REDE

"Vimos denunciando esta situación desde o ano 2012. Pero non foi ata agora que a xente se deu conta de todo o que estaba a pasar nas residencias"

En calquera caso, máis aló de que a prima chegue ou non a todo o persoal, Sonia Jalda é crítica coa propia concepción deste complemento. "Non teñen que pagar primas, o que teñen é que cumprir o convenio", subliña. "A empresa non está pagando a nocturnidade ou os festivos de acordo co convenio, segue contabilizando como vacacións os descansos que está obrigada a proporcionar...", enumera. "Polo tanto, con este complemento non che están pagando nada, non che están dando nada que che roubaran antes. Róubanche no salario, róubanche na nocturnidade e nos domingos... O que me dan agora é o que me roubaron antes", denuncia.

"É unha empresa que só busca o lucro, só busca gañar diñeiro, sen importarlle o servizo que presta aos anciáns ou as condicións dos traballadores", conclúe Jalda, que lembra que "vimos denunciando esta situación desde o ano 2012. Pero non foi ata agora que a xente se deu conta de todo o que estaba a pasar nas residencias, do servizo precario que se estaba prestando aos usuarios e das malas condicións laborais das traballadoras". 

Estas críticas chegan xusto na semana en que coñeceu que DomusVi finalizou o ano 2019 cuns beneficios antes de impostos de 19,5 millóns de euros

Estas críticas chegan xusto na semana en que coñeceu que DomusVi finalizou o ano 2019 cuns beneficios antes de impostos de 19,5 millóns de euros, algo menos que no ano 2018 (22,3 millóns). Tralo pagamento do imposto de sociedades, a empresa ficará cun beneficio neto de máis de dez millóns de euros. Nas súas contas, aprobadas o pasado 31 de marzo, como detalla Economía Digital, apenas hai referencias á crise do coronavirus, sinalando unicamente que "non é posible realizar unha estimación dos impactos presentes e futuros que puidesen xerarse dentro do grupo derivados desta crise" e destacando que "non foi necesaria a interrupción da actividade do grupo dado que os centros de atención a persoas maiores e discapacitados deben seguir operando con normalidade, e extremando as medidas de seguridade para os seus usuarios e traballadores".

TReGa, que este martes levou a cabo unha concentración ante a sede central de DomusVi en Vigo, prepara unha nova mobilización para o remate do mes de xullo. Estas protestas únense as familias dos usuarios veñen realizando todos os domingos en Cangas ante a residencia de DomusVi en Aldán ou ás manifestacións que Modepén, REDE e TReGa están a levar a cabo en todas as cidades galegas, apostando por un cambio no modelo de residencias en Galicia. Ademais, a finais de maio usuarios das residencias de DomusVi iniciaron unha demanda colectiva contra a empresa pola súa xestión na pandemia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.