Dende hai unhas semanas, unha vez que o número de casos de coronavirus comezou a descender en Galicia, colectivos de familiares e usuarios de residencias de maiores e do persoal destas instalacións comezou a mobilizarse en recordo das persoas que faleceron pola enfermidade nestes centros e tamén para esixir unha investigación sobre a xestión realizada para conter as infeccións, demandando igualmente unha revisión do actual modelo de residencias en Galicia, dominado polas empresas privadas.
Dende hai tres semanas, todos os domingos os familiares das persoas que viven na residencia de DomusVi en Aldán levan a cabo concentracións ás portas no centro
O pasado xoves 11 de xuño varias 'marchas cívicas' percorreron as rúas das sete cidades galegas, unha protesta que se reproduciu noutros lugares nos días seguintes. Unha das vilas nas que a mobilización para esixir "xustiza" para as persoas falecidas e demandar "servizos públicos e de calidade para a dependencia” está a ser máis intensa é Cangas do Morrazo. Dende hai tres semanas, todos os domingo os familiares das persoas que viven na residencia de DomusVi en Aldán levan a cabo concentracións ás portas no centro.
Nas protestas sinalan que o número de persoas falecidas na residencia foi de 38 e reclaman un incremento das ratios de persoal
Nestas protestas, sinalan que o número de persoas falecidas na residencia foi de 38 e denuncian que a varios dos usuarios e usuarias do centro que estaban enfermas de coronavirus nunha situación grave non foron enviadas ás UCI. Así mesmo, critican a xestión realizada pola residencia e a situación na que se atopaban as persoas que alí vivían e reclaman un incremento do número de traballadores e traballadoras, aumentando a ratio de persoal e afirmando que non se cubriron 11 baixas de auxiliares.
Este grupo de familiares asegura que vai manter as mobilizacións dominicais ata que a súa protesta sexa atendida pola empresa e polo Goberno galego e acusa á Xunta de "consentir" a situación que se vive no centro que, denuncian, ofrece un servizo de atención por debaixo do prometido e das tarifas cobradas.
Nas últimas semanas usuarios das residencias de DomusVi iniciaron unha demanda colectiva contra a empresa pola súa xestión na pandemia
Nas últimas semanas usuarios das residencias de DomusVi iniciaron unha demanda colectiva contra a empresa pola súa xestión na pandemia. A demanda xirará ao redor do "incumprimento substancial dos contratos" entre a empresa e os e as usuarias dos centros. A demanda, advirten, podería estenderse aos responsables políticos da xestión das residencias, no caso galego a Xunta, lembrando o informe do Consello de Contas que sinalou o incumprimento das ratios de persoal nalgúns destes centros. Contas advertía neste documento que a menor ratio de persoal nas residencias de xestión privada podía "repercutir na calidade do servizo".
Dende colectivos como REDE e tamén dende asociacións de traballadoras como Trega leva denunciándose dende hai anos a "conivencia" da Xunta coas grandes empresas privadas do sector das residencias. "As ratios de persoal son irrisorias, están feitas pensando en que as residencias se lucren, pero non en prestar unha boa atención. Pero cando aínda por riba as empresas están por debaixo destas ratios, sen que a Xunta faga nada, os coidados non son nin os mínimos", aseguraba Xose Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario da asociación de usuarios e familiares REDE.
No enreixado da residencia pódense ver algúns carteis que aluden a esas boas relacións entre os dirixentes de DomusVi e o Goberno galego
De feito, no enreixado da residencia, onde as familias levan a cabo as súas protestas, pódense ver algúns carteis que aluden a esas boas relacións entre os dirixentes de DomusVi e o Goberno galego, personificado polo seu presidente, Alberto Núñez Feijóo e pola conselleira de Política Social, Fabiola García.
Aínda o pasado mes de decembro Josefina Fernández, CEO de DomusVi, recibiu de mans de Francisco Conde, conselleiro de Economía, o Premio Galicia Global 2019 pola "internacionalización" da súa compañía. Unhas boas relacións que non impediron que a directora de DomusVi San Lázaro acusara á Xunta de obstaculizar o envío ao hospital de persoas residentes enfermas de coronavirus.
200 persoas manifestáronse o sábado en Cangas
Ademais da protesta ante a residencia de DomusVi en Aldán, este sábado as rúas de Cangas acolleron unha nova marcha organizada polo Movemento en Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), Traballadoras de Residencias de Galicia (TREGA) e a asociación de familiares e usuarios de residencias Vellez Digna. Unhas 200 persoas manifestáronse, gardando a distancia de seguridade demandando uns servizos sociais "100% públicos" e de "calidade" e reverter a privatización das residencias de maiores.
Este 24 de xuño Compostela acollerá unha marcha que esixirá servizos sociais 100% públicos e de calidade
Este mércores 24 de xuño, festivo en toda Galicia, estas tres entidades convocan unha manifestación en Compostela cos mesmos obxectivos. A marcha, que partirá da Alameda ás 12 do mediodía, rematará no Obradoiro. A mobilización, que conta co apoio de partidos políticos (PSdeG-PSOE, Galicia en Común-Anova-Mareas, BNG, Marea Galeguista, Anticapitalistas Galiza) e de sindicatos coma a CUT, lanzou este domingo este vídeo para chamar á participación da cidadanía.