A mobilización por un cambio de modelo nas residencias chega a Santiago esixindo servizos sociais públicos e de calidade

Manifestación en Compostela por uns servizos sociais públicos e de calidade © Marea Atlántica

Colectivos como o Movemento en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN), a Federación Galega de Usuarias e Familiares de Usuarias nas Residencias e na Dependencia (REDE) ou Traballadoras de Residencias de Galicia (Trega) levaban anos denunciando a situación que se vive nas residencias de maiores galegas, de xestión privada na súa inmensa maioría e que sofren -denuncian- importantes eivas que derivan nun servizo deficiente aos seus usuarios e usuarias.

Porén, foi finalmente a crise do coronavirus, e o gran número de casos e de mortes rexistradas nestes centros o que puxo finalmente a xestión destes establecementos baixo o foco da actualidade. Este mércores centos de persoas manifestáronse en Compostela, convocadas por Modepen e Trega, "por uns servizos sociais 100% públicos, universais e de calidade", lembrando que o modelo actual de residencias está "ferozmente privatizado en mans de empresas ou sociedades usureiras, moitas delas fondos de inversión ligados aos paraísos fiscais".

Manifestación en Compostela por uns servizos sociais públicos e de calidade © Modepen

Os colectivos convocantes sinalan, así mesmo, que "existen claras evidencias ou indicios de que esa privatización xogou un papel determinante na elevada mortalidade ocorrida nas residencias galegas". E afirman que "a probabilidade de morte das persoas que vivían nas residencias de xestión privada foi 24 veces máis elevada da existente entre as persoas que vivían en residencias de titularidade e xestión plenamente públicas".

Manifestación en Compostela por uns servizos sociais públicos e de calidade © Modepen

Unha das empresas sobre as que dirixen máis críticas é DomusVi, que nos seus centros de Cangas, Compostela e Vigo rexistrou máis de medio cento de falecementos. Precisamente a residencia de DomusVi en Cangas é escenario todos os domingos de protestas dos familiares dos usuarios e usuarias do centro. E, igualmente, a residencia de DomusVi en Santiago situouse nos últimos días no centro da polémica polas denuncias da súa directora á Xunta, á que acusa de ter impedido a hospitalización de anciáns infectados polo coronavirus.

Manifestación en Compostela por uns servizos sociais públicos e de calidade © Marea de Vigo

Unha das principais denuncias que se escoitaron este mércores na manifestación foi a da "connivencia" da Xunta coas empresas propietarias das residencias, comezando por DomusVi, sinalando o Goberno galego pola falta de controis e por permitir ratios de persoal inferiores ao legalmente establecido e ao recomendado.

A mobilización deste mércores en Compostela dá continuidade ás que tiveron lugar nos últimos días noutras cidades, e que seguirán este xoves en Lugo e Cariño. Na marcha participaron representantes na maior parte das forzas políticas da oposición, dende Galicia en Común e Marea Galeguista a BNG e PSdeG-PSOE.

Manifestación en Compostela por uns servizos sociais públicos e de calidade © Modepen

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.