A Xunta di que Ourense "duplica" a incidencia da COVID-19 en Galicia pero non concreta cal é

Panorámica da cidade de Ourense CC-BY-SA Turismo de Galicia

O Goberno galego aumenta as restricións na cidade sinalando que os abrochos familiares “están a provocar a aparición de casos en colexios”

A Xunta volveu aumentar este xoves as restricións fronte ao coronavirus na cidade de Ourense, na que non se permiten reunións de máis de cinco persoas, entre outras medidas anunciadas este mércores. Faino, novamente e a diferenza da maioría do resto de comunidades autónomas, sen facer público en que datos epidemiolóxicos se basea máis alá de vagas referencias. Desta volta, Sanidade resume no Diario Oficial de Galicia, citando novamente informes epidemiolóxicos que non fai públicos, que a taxa de incidencia do virus na cidade nos últimos sete días “duplica a taxa do conxunto de Galicia calculada para estes mesmos sete días”, un dato, o do conxunto do país, que a Xunta non divulga

Hai que recorrer aos datos do Ministerio de Sanidade para comprobar que a taxa de incidencia do covonavirus nos últimos sete días en Galicia, con datos deste mércores día 30 de setembro, mesma data empregada pola Xunta, é de 41,53 casos por 100.000 habitantes. Unha cifra que o Goberno galego non fai pública, como tampouco o fai coa incidencia a 14 días ou a 3 días, as outras dúas que vén esgrimindo para xustificar as súas decisións e que só no caso dos 14 días, como no dos 7, pode ser consultada para o conxunto de Galicia nos datos que divulga o Estado, que non inclúen a incidencia a 3 días.

Sanidade vén facendo referencia ás taxas acumuladas a 14, 7 e 3 días a nivel local, comarcal ou galego pero sen ofrecer datos concretos, que só se poden coñecer, para o conxunto de Galicia e só a 7 e 14 días, a través do ministerio

Esas taxas de incidencia acumulada son empregadas pola Xunta para xustificar as novas decisión sobre restricións tomadas este mércores, como sucede tamén no de Lugo, onde se manteñen as medidas argumentando que a taxa “a 3, 7 e 14 días” na comarca descendeu pero aínda con “valores superiores aos estimados para o total de Galicia”, que non ofrece. Tamén sinala que no caso da cidade hai unha taxa acumulada a 14 días que é “1,15 veces a da total da comarca e 1,65 veces a da total de Galicia”, evidenciando así que a Xunta dispón de datos comarcais que tampouco fai públicos.

No caso de Ourense a Xunta tamén sinala no DOG que os casos que se veñen detectando na cidade “son fundamentalmente debidos a abrochos familiares, que ademais están a provocar a aparición de casos en colexios. O Goberno galego engade que “a incidencia segue a aumentar e hai un alto número de ingresos” e que “os grupos de maior idade están moi afectados, o que pode implicar un serio risco para estas persoas”.

Na Coruña levántanse as restricións específicas porque as taxas acumuladas "están xa por debaixo da taxa acumulada total de Galicia a 3-7-14 días", que non se comunica

O DOG extraordinario deste mércores pola tarde tamén detalla que na Coruña levántanse as restricións específicas que había nalgúns barrios e se igualan coas do resto de Galicia porque “as taxas acumuladas a 3-7-14 días baixan a respecto das dúas semanas anteriores e acadan ademais valores que están xa por debaixo da taxa acumulada total de Galicia a 3-7-14 días”.

Tamén se levantan as restricións en Lalín e Silleda sinalando que “en Lalín obsérvase unha taxa a 7 días menor e a 14 días practicamente a mesma que a estimada para o conxunto de Galicia” mentres que “en Silleda obsérvase unha taxa a 7 días menor que a estimada para o conxunto de Galicia e unha taxa a 14 días tan só 1,3 veces a estimada para o conxunto de Galicia”.

Vilaboa é o cuarto concello no que se levantan restricións coa única indicación de que “presentou unha baixada importante no número de casos”. Pola contra, na mesma comarca os concellos de Pontevedra e Poio manteñen as restricións porque, entre outras cuestións, “as taxas acumuladas a 7 e 14 días amosan valores moito máis altos ca os acadados no conxunto de Galicia” e neles “os grupos de idade de 20 a 24 anos e de 25 a 29 anos son os que amosan as taxas de peticións de probas PCR máis elevadas, a porcentaxe de positividade máis elevada e os grupos coas maiores taxas. Novamente, mentres outras comunidades ofrecen información da evolución da pandemia segundo grupos de idade, a Xunta oculta eses datos.

Vista de Sanxenxo © Turgalicia

En Sanxenxo a Xunta apunta a "abrochos familiares que levan acumulándose desde finais de agosto” mentres que liga o caso de Meis ao da industria cárnica que xa afectaba a Vilagarcía e Vilanova

No resto da área de Pontevedra-O Salnés mantéñense as restricións en Vilagarcía e Vilanova de Arousa e amplíanse a Meis e Sanxenxo sinalando que no primeiro caso os seus casos se deben ao abrocho localizado nunha industria cárnica mentres no segundo “é a conta de abrochos familiares que levan acumulándose desde finais de agosto”.

Por último, dítanse restricións para O Barco de Valdeorras indicando novamente que “a taxa a 3, 7 e 14 días foi más alta que a do conxunto da comarca e do conxunto de Galicia, xunto ao feito de que neste concello están activos varios abrochos na actualidade e que os indicadores de risco da comarca amosan algunha característica de alto risco, tales como a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado, e algunha característica de risco medio, tal como a porcentaxe de novos casos previamente en corentena”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.