Unha curva máis baixa que na primeira vaga e, no canto dun ascenso disparado ata un forte pico, un cumio menos elevado pero máis prolongado. É o perfil que vai trazando en Galicia a segunda vaga da epidemia do coronavirus que, tras comezar a ascender con forza dende mediados de agosto e manterse na contorna dos 250 novos casos diarios durante practicamente todo setembro, finaliza este mes no que semella o inicio dunha fase descendente.
Tras manterse na contorna dos 250 casos novos ao día durante boa parte de setembro, Galicia remata o mes encadeando tres días con menos de douscentos positivos por primeira vez dende agosto
Os datos divulgados pola Consellería de Sanidade no seu comunicado deste 30 de setembro, correspondentes ao día anterior, permiten calcular que os novos casos da COVID-19 que agromaron nas últimas vinte e catro horas foron 163. Son apenas catro máis que o día anterior, pero tamén unha cifra que supón encadear menos de 200 positivos por xornada durante tres días por primeira vez dende agosto e ademais, baixar a media semanal de casos diarios ata os 207, o que tamén é o valor máis baixo dende finais de agosto.
Os falecementos son xa 740 tras outras catro mortes, tres delas na área ourensá
As cifras deste mércores é posible calculalas a partir dos indicadores que a Xunta continúa expresando en termos de "positivos activos", foto fixa que queda en 4.251 casos tras a suma de 205 novas "curacións", ata 18.949. Tamén tras o cómputo de catro falecementos máis, ata 740. Son catro persoas de avanzada idade das que tres estaban ingresadas no hospital de Ourense: dous homes de 86 e 81 anos e unha muller de 86. O Sergas tamén deu conta da morte dun paciente de 83 anos no Clínico de Santiago.
As PCR aumentan máis que os novos casos
Que os datos deste 30 de setembro manteñan a liña descendente resulta máis relevante que nas xornadas previas porque, segundo a Consellería de Sanidade, durante o pasado martes recuperouse un alto ritmo na realización de probas PCR, volvendo a superar as 5.000 e mesmo a achegarse ás 6.000 nun só día. Foron, concretamente, 5.889 fronte ás algo menos de 4.400 dos dous días previos sen que este incremento se traducise nun forte incremento de casos detectados.
O Ministerio de Sanidade sitúa Galicia por baixo do 5% de probas PCR que a OMS indica como referencia para dar por controlada a epidemia nun territorio
Isto supón, daquela, que segundo os datos deste 30 de setembro, os 163 novos casos detectados equivalen ao 2,77% das probas PCR realizadas, lonxe do 5% que a Organización Mundial da Saúde fixa como límite para o control da epidemia nun territorio. Este dato, non obstante, debe ser tomado con cautela porque a Xunta tamén suma nos seus partes os positivos en test de anticorpos de persoas sen síntomas e, ao non publicar datos abertos nin series completas da evolución da pandemia en Galicia -malia dispoñer delas-, non é posible saber cantos casos son detectados con cada tipo de test.
Alén desta distorsión motivada pola negativa da Xunta a divulgar os seus datos en aberto, a información do Ministerio de Sanidade -que chega con algúns días de demora- tamén apunta a unha baixada na "positividade" en Galicia. Segundo o parte divulgado polo departamento estatal o pasado martes, Galicia estaba o pasado día 26 nun 4,7% de positividade, por baixo tamén do devandito 5%.
Segue a estabilidade nos hospitais
A outra principal diferenza entre a primeira e a segunda vaga da pandemia, cando menos ata o momento, está no impacto da doenza nos hospitais. As cifras de persoas hospitalizadas seguen tendendo á estabilidade tras tocar a mediados de setembro o que, de momento, é o teito desta segunda fase. O número de ingresos de persoas con test positivo é agora de 237 (-3), das que 27 (-1) están en unidades de coidados intensivos.
A Xunta continúa sen ofrecer información sobre o número de novas hospitalizacións, pero os datos do Ministerio de Sanidade permiten deducir que as altas (se unha persoa con test positivo pasa a dar negativo e continúa ingresada, desaparece da estatística da COVID-19) continúan compensando os novos ingresos. O departamento estatal indicaba o martes que nos sete días previos Galicia rexistrara 130 hospitalizacións vinculadas á pandemia e, no día previo, 29 ingresos e 22 altas hospitalarias destes pacientes.
Ourense segue sumando "activos"
A maior proporción entre casos activos e habitantes segue en Pontevedra-O Salnés, pero con tendencia á moderación
Por áreas sanitarias, único nivel territorial sobre o que informa a Xunta -que mantén a negativa a divulgar datos por concellos- e só en termos de positivos activos, a única que sobe este indicador este mércores é a de Ourense, con 9 máis. Isto non quere dicir que só houbese nove positivos novos nesa área, que rexistrou varios brotes na última xornada, senón que a diferenza entre novos casos e altas é só de 9 casos para un total de 765 activos.
A maior proporción entre casos e activos e habitantes segue polo momento na área de Pontevedra-O Salnés (268), se ben nos últimos días semella que o rebrote comeza a estar controlado. Os casos activos nesa área son agora 7 menos.