Unha das diferenzas entre a primeira e a segunda vaga da pandemia está vinculada ao incremento na capacidade de diagnóstico, tamén en Galicia. Cando menos, no que atinxe ás probas PCR, as que continúan sendo principal referencia para detectar casos da COVID-19 e únicas sobre as que ofrece datos a Xunta, toda vez que o Servizo Galego de Saúde tamén dispón doutro tipo de test -como os de anticorpos e, en breve, os de antíxenos- sobre os que non ofrece información.
Este 30 de setembro foron procesadas en Galicia máis de 6.800 PCR; o día con máis probas na primeira vaga non chegou ás 4.200
Segundo os datos divulgados nos comunicados da Consellería de Sanidade, o día con máis probas PCR da primeira vaga foi o 24 de abril, con 4.171 comunicadas na xornada seguinte, o 25. O pasado xullo, no comezo do brote da Mariña, a xornada con máis PCR quedou un chisco por riba das 3.600. Atendendo ao parte deste 1 de outubro, o 30 de setembro foron procesadas 6.809 probas, un novo récord nunha soa xornada e, por cuarta vez, máis de 6.000 nun só dia.
Este dato resulta especialmente relevante por varios motivos. Un, porque permite concluír que quedan menos positivos fóra do rádar dos servizos sanitarios. Outro, porque neste momento concreto o forte incremento de probas non implican que os casos novos detectados se disparen. Os datos deste xoves indican que os novos positivos foron 195 en Galicia. Isto equivalería ao 2,9% das probas PCR feitas, por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde fixa como limiar para dar por controlada a epidemia nun territorio.
Non obstante, en Galicia resulta arriscado realizar mecanicamente este cálculo. A razón é que o Sergas non informa sobre cantos casos foron detectados mediante PCR e cantos outros, a través doutros test.
Liña descendente na media de casos novos, pero sete mortes
Eses 195 casos novos nas últimas vinte e catro horas supoñen un ascenso en termos absolutos por terceiro día consecutivo, pero tamén son tres as xornadas nas que medra o número de probas PCR e catro, os días nos que os novos casos detectados son menos de 200, o cal non sucedía dende agosto. É por iso que a media semanal de novos casos diarios segue en descenso e chega a baixar tamén dos douscentos positivos por primeira vez dende o 23 de agosto.
A media semanal de casos novos descende dos 200 ao día por primeira vez dende finais de agosto; o Sergas destaca que un dos pacientes falecidos non tiña ningunha "patoloxía previa"
Estes trazos descendentes teñen un contraste menos positivo nas cifras de falecementos. O Servizo Galego de Saúde comunicou sete correspondentes ás últimas vinte e catro horas, ata un total de 747. Isto converte o 30 de setembro no segundo día con máis mortes ligadas á COVID-19 dende o comezo da segunda vaga da pandemia. O primeiro foi o 14 de setembro, con oito.
Dúas destas persoas viviran en residencias de maiores: unha muller de 90 anos procedente do centro Santa María de Verín e outra muller de 86 que vivira no centro DomusVi de Outeiro de Rei. Os restantes falecementos comunicados foron unha muller de 89 anos no hospital de Pontevedra, dous homes de 66 e 87 anos no CHUAC da Coruña e un home de 76 anos no hospital de Ourense. Tamén outro paciente de 89 anos que permanecía hospitalizado no hospital privado HM Modelo Belén da Coruña, do que o Sergas destaca que non presentaba "patoloxías previas" á COVID-19.
A hospitalización mantense estable, pero aumentan os pacientes na UCI: 33 de 237
Estes datos rexístranse nun día no que as cifras de hospitalización de persoas con test positivo do coronavirus seguen tendendo á estabilidade, con 237 persoas ingresadas (unha menos), aínda que con maior carga nas unidades de coidados intensivos ao pasar de 27 a 33 as persoas infectadas co virus que precisan asistencia deste tipo. Segundo o Ministerio de Sanidade -a Xunta non informa deste dato-, o pasado día 29 ingresaron 31 persoas en Galicia a causa da COVID-19, que supuña un 2,91% de ocupación de camas hospitalarias e un 4,20% das camas de UCI galegas.
A peor evolución, en Ourense
Por áreas sanitarias, único ámbito territorial sobre o que informa a Xunta -e só en termos de positivos activos-, a peor evolución volve estar na provincia de Ourense. Nesta área sanitaria rexístrase o maior incremento de casos activos (+34) que, segundo puido confirmar o xornal La Región, son o resultado de compensar con altas -e falecementos- un total de 67 novos casos. Tamén aumenta, pero menos, os casos activos na área de Vigo (+11) e na de Pontevedra (+9), con 14 positivos novos confirmados por Pontevedra Viva.