Feijóo elude calquera referencia á efeméride e na sesión de control á Xunta preséntase como defensor dos intereses de Galicia fronte á “confrontación” e “fariseísmo” que atribúe a socialistas e nacionalistas
O 90 aniversario da proclamación da II República Española o 14 de abril de 1931 foi lembrado este mércores no Parlamento de Galicia por nacionalistas e socialistas entre a indiferenza ou risas do PP. Na sesión de control ao Goberno galego dos mércores a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comezaron as súas intervencións salientando a importancia daquel cambio do anterior réxime monárquico á democracia como clave para impulsar o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 grazas ao cal en 1981 o país puido dotarse antes do actual como nacionalidade histórica, como vén de lembrar o Parlamento.
"Viva a República e vivan os valores republicanos", dixo Caballero, o que suscitou risos nos escanos do PP e silencio de Feijóo
A sesión de control abriuna Caballero lembrando que a República “apostou pola democracia, a igualdade, a liberdade” e puxo en valor ás “mulleres e homes que desde Galicia” traballaron para a súa consecución como “vía estatutaria para o autogoberno. “Viva a República e vivan os valores republicanos”, sentenciou Caballero, o que propiciou risas e comentarios nos escanos do PP aos que o socialista contestou pedindo “respecto” para alcaldes republicanos posteriormente asasinados tras o golpe de Estado franquista como o vigués Emilio Martínez Garrido ou o santiagués Ánxel Casal.
Pontón lembrou a "Castelao e todos os que naquela altura impulsaron o Estatuto" de 1936 e lamentou que Sánchez se negue agora a investigar á monarquía
Na súa intervención posterior, Pontón fixo igualmente unha “lembranza de Castelao e todos os que naquela altura impulsaron o Estatuto” de 1936. Porén, engadiu que lamenta escoitar ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, “defender os valores republicanos nun Congreso no que veta unha investigación do Rei emérito e da monarquía”.
Nin as verbas de Caballero nin as de Pontón foron contestadas polo presidente Feijóo nas súas réplicas aos dous, nas que se centrou nas preguntas formais que lle realizaran sobre o dispositivo de vacinación en Galicia ou as xestións da Xunta para reclamar máis fondos europeos de recuperación.
Sobre a reclamación de máis fondos europeos, Feijóo dixo á vez que é “o representante do Estado en Galicia” e “só me debo aos galegos”, para defender que actúa con “lealdade e denuncia en caso de incumprimento” pero non con “confrontación”, como lle atribuíu ao PSOE, nin “fariseísmo”, do que acusou ao BNG por “gobernar cos socialistas” en varias administracións.
Sobre a vacinación, Feijóo agradeceu á cidadanía por “acudir a vacinarse a pesar das dúbidas que xeran algunhas autoridades, centrais e europeas”, e censurou que Caballero lle criticase a súa xestión da pandemia. “Unha cousa é que lea vostede os parágrafos que lle mandan de Ferraz [sede do PSOE estatal] e outra que sexa un deputado inútil para a defensa dos intereses de Galicia”, dixo o presidente ao socialista.