Feijóo nomea o xornalista Carlos Herrera quinto Embaixador do Camiño, tras Rajoy, os reis e Vicente Del Bosque

O xornalista da COPE Carlos Herrera nunha imaxe divulgada por el mesmo nunha das ocasións en que realizou un dos camiños de Santiago © @carlosherreracr

A Xunta confirma a discriminación das mulleres neste galardón xa que só poderá outorgar outros tres recoñecementos similares, que o ex-presidente popular aínda non recolleu máis de sete anos despois

En 2013 a Xunta creou o título de Embaixador do Camiño como recoñecemento a persoas que divulgan a peregrinación a Santiago. Segundo o decreto que o regula, só poden darse un total de oito títulos de carácter persoal e oito de tipo institucional, tantos como as oito rutas de peregrinación oficiais hai recoñecidas a Santiago. 

Ata agora a Xunta xa outorgara catro, pero este xoves, no último Consello ordinario de Feijóo, e sen que un dos galardoados anteriormente recollese aínda o seu título, o Goberno galego decidiu entregar o quinto título ao xornalista da Cadena COPE Carlos Herrera. Segundo Feijóo, o recoñecemento chégalle a Herrerapola súa promoción do camiño” polo seu propio “papel como peregrino”, xa que lembrou que fai un recorrido “todos os anos”.

A elección de Herrera supón, por outra parte, que a Xunta confirma a discriminación por sexo nun galardón que ata agora só recibiron cinco homes e do que só pode outorgar outros tres títulos, o que xa impide a paridade aínda que os tres pendentes vaian todos a mulleres.

Entrega do título de Embaixador do Camiño ao daquela príncipe Felipe, Vicente del Bosque e o Rei emérito CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O primeiro embaixador do camiño designado pola Xunta, aos dous meses de crear o galardón, foi o daquela príncipe Felipe, que obtivo o recoñecemento en decembro de 2013 e recolleríao dous anos despois, en outubro de 2015, sendo xa rei. O segundo galardón outorgoullo a Xunta ao seleccionador de fútbol Vicente del Bosque en xuño de 2014, xusto ao comezar o Mundial de Brasil, e a entrega produciuse en outubro de 2016. Dous meses despois de outorgar esa segunda distinción, en agosto de 2014, tras a reunión en Santiago da chanceler alemá Angela Merkel con Mariano Rajoy, e malia as protestas sociais que suscitou aquel encontro, Feijóo avanzou a súa intención de dar ao presidente do Goberno central o terceiro título de embaixador do camiño, algo que non se concretaría ata última reunión da Xunta daquel ano. Porén, sete anos despois, Rajoy aínda non recolleu o seu galardón.

Rajoy aínda non recolleu o seu título sete anos despois e de Herrera Feijóo salienta a súa promoción do camiño e que "todos os anos" fai un recorrido

Sen entregar aínda ese terceiro título de embaixador do camiño, a Xunta outorgou o cuarto ao Rei emérito Juan Carlos en novembro de 2017. Residente daquela en Sanxenxo antes de deixar España dous anos máis tarde, o monarca foi o que menos tempo tardou en recoller o título, en marzo de 2018. Desde aquela a Xunta só outorgou un título máis, o único a título institucional, en novembro de 2019 ao Consello de Europa.

Mariano Rajoy e Angela Merkel en agosto de 2014 en Santiago Dominio Público Goberno de España

O título de embaixador veu sumarse á lista de distincións que outorga a Xunta, desde a máis elevada que supoñen as Medallas de Galicia -galardón tamén cunha minoría histórica de mulleres-, pasando polas Medallas Castelao á obra artística ou intelectual de personalidades galegas, ata as agora hai tempo esquecidas medallas ao mérito turístico, que en parte comparten co título de Embaixador do Camiño un obxectivo de promoción turística de Galicia replicado tamén coa creación, hai dous anos, da figura do Comendador da Gastronomía de Galicia, posteriormente aparcada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.