Hai agora sete anos a Xunta outorgou ao ex-presidente un recoñecemento que xa recolleron as outras tres persoas galardoadas antes e despois e que só pode recaer noutras catro persoas máis
Xusto dous anos despois de presentar en Santiago o seu anterior libro, Una España mejor, o ex-presidente do Goberno central Mariano Rajoy volve este venres á cidade na que naceu cunha nova obra, Política para adultos. Faino tamén xusto sete anos despois de que o Goberno galego aprobase, na súa última reunión de 2014, outorgarlle o título de Embaixador de Honra do Camiño de Santiago, que aínda non lle entregou.
Rajoy foi o terceiro en recibir esa distinción creada un ano antes que xa lle fora outorgada ao daquela príncipe Felipe e ao seleccionador Vicente del Bosque, e que posteriormente tamén recibiría o Rei emérito Juan Carlos. Todos eles recolleron xa o seu galardón simbólico en Santiago agás Rajoy, que sete anos despois segue a agardar por el. Praza.gal preguntou este xoves ao Goberno galego polos motivos polos que aínda non se lle entregou o título a Rajoy e que previsión ten para entregarllo no futuro pero aínda non houbo resposta.
O título de Embaixador do Camiño foi creado pola Xunta en outubro de 2013 a través dun decreto que establece que a única limitación do Goberno galego para outorgarllo a calquera persoa ou institución é a de que en toda a súa historia só poderán darse un total de oito de carácter persoal e oito de tipo institucional, tantos como as oito rutas de peregrinación oficiais hai recoñecidas a Santiago.
O galardón veu sumarse á lista de distincións que outorga a Xunta, desde a máis elevada que supoñen as Medallas de Galicia, pasando polas Medallas Castelao á obra artística ou intelectual de personalidades galegas, ata as agora hai tempo esquecidas medallas ao mérito turístico, que en parte comparten co título de Embaixador do Camiño un obxectivo de promoción turística de Galicia replicado tamén coa creación, hai dous anos, da figura do Comendador da Gastronomía de Galicia, posteriormente aparcada. Unhas distincións nas que as mulleres son minoría, ao igual que ocorre coa de Embaixador do Camiño na que os catro premiados ata agora a título persoal, dos oito galardóns que poden outorgarse, son só homes.
A Xunta só pode outorgar oito títulos de embaixador do Camiño a título persoal, e os catro que xa concedeu foron todos para homes
Aos dous meses de crearse o novo galardón, o Goberno galego outorgábao por primeira vez en decembro de 2013 ao daquela príncipe Felipe, que o recollería dous anos despois, en outubro de 2015, sendo xa rei. O segundo galardón outorgoullo a Xunta ao seleccionador de fútbol Vicente del Bosque en xuño de 2014, xusto ao comezar o Mundial de Brasil, e a entrega produciuse en outubro de 2016. Dous meses despois de outorgar esa segunda distinción, en agosto de 2014, tras a reunión en Santiago da chanceler alemá Angela Merkel con Mariano Rajoy, e malia as protestas sociais que suscitou aquel encontro, Feijóo avanzou a súa intención de dar ao presidente do Goberno central o terceiro título de Embaixador do Camiño, algo que non se concretaría ata a última reunión da Xunta daquel ano.
Sete anos despois, Rajoy aínda non recolleu o galardón. Segundo argumentaba a Xunta hai tres anos, fora por problemas de axenda para axustar o acto en datas que non puidesen dar pé a interpretalo como electoralista. Porque tras o acordo co que se outorgou a distinción en decembro de 2014 houbo que entregar primeiro os galardóns dos dous distinguidos previamente, o príncipe Felipe e Del Bosque, e despois sucedéronse as eleccións xerais de decembro de 2015, as posteriores dificultades para formar goberno e os novos comicios xerais de xuño de 2016, seguidos en setembro dese ano polas autonómicas galegas.
Porén, tampouco houbo sorte para Rajoy en 2017, antes de que comezase a crise do caso Gürtel para o PP en 2018 coa posterior moción de censura que o afastou do Goberno e da política activa. Sen entregar aínda ese terceiro título de Embaixador do Camiño, a Xunta outorgou o cuarto, e ata agora último título a nivel persoal, ao Rei emérito Juan Carlos en novembro de 2017. Residente daquela en Sanxenxo antes de deixar España dous anos máis tarde, o monarca foi o que menos tempo tardou en recoller o título, en marzo de 2018. Desde aquela a Xunta só outorgou un título máis, o único a título institucional, en novembro de 2019 ao Consello de Europa.