Rueda apela á "cordialidade lingüística" que promulgaba Feijóo para deixar atrás "particións ideolóxicas" e "impulsar" o galego

Rueda no acto do Día das Letras dedicado a Delgado Gurriarán no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras CC-BY-SA David Cabezón/Xunta

O presidente da Xunta comeza a súa andaina co Día das Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán no que defende que "a cordialidade de Galicia tamén é lingüística"

"O galego nomea, o galego expresa, o galego emociona e interpreta calquera realidade desde o noso prisma sen máis valados que os da propia creatividade. Non hai razón, pois, para impoñerlle particións ideolóxicas nin estereotipos equivocados. Si, en cambio, hai motivos dabondo para seguir impulsándoo con moita forza en todos os eidos", sostivo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no transcurso do acto conmemorativo con motivo do Día das Letras Galegas dedicado a Florencio Delgado Gurriarán celebrado no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

Rueda lembrou o discurso de ingreso na Real Academia Galega de Delgado Gurriarán e o seu "eloxio a un proceso democrático no que todas as linguas, en lugar de confrontar, converten a España nun 'harmonioso concerto de falas irmás" para defender que "a cordialidade de Galicia tamén é lingüística", como xa ten feito o ex presidente galego Alberto Núñez Feijóo en numerosas ocasións.

Rueda xunto ás fillas do homenaxeado no Día das Letras Galegas na celebración no Barco de Valdeorras CC-BY-SA David Cabezón/Xunta

"O galego, ademais de ser o idioma propio, pode medirse en pé de igualdade co resto de linguas do mundo",  di Rueda

"O galego soa con forza, compleméntase e atrae a falantes e ouvintes, sen considerar o contacto con outros idiomas unha ameaza que a debilite, antes ben ao contrario. Grazas ao labor de figuras como o noso homenaxeado e o traballo infatigable desta institución, o galego, ademais de ser o idioma propio, pode medirse en pé de igualdade co resto de linguas do mundo", debullou Rueda. 

Alfonso Rueda incidiu en que o galego "nos define como pobo e singulariza a nosa pegada no mundo" para trasladar que neste 17 de maio "celebramos unha Galicia libre, orgullosa e cordial que deixa de existir nos soños dos antepasados para ser unha realidade coa que nos comprometemos. Eu, sabendo moi ben o que digo, o primeiro".

Rueda detívose tamén nunha loubanza ás galegas e galegos migrantes que "desde México, Buenos Aires e en tantos outros lugares de Hispanoamérica" ampliaron os horizontes para a lingua e a cultura e fixeron "un labor de resistencia, á espera de que en Galicia amenza por fin a democracia" naqueles anos de ditadura franquista.

"Sen poder pisar Córgomo durante demasiados anos, Florencio Delgado Gurriarán habita tamén esa outra terra mentres segue cultivando unha longa tradición de construtores de Galicia desde fóra de Galicia", afirmou o presidente, para salientar que “os seus versos, os exemplares de Vieiros, o impulso ao Padroado da Cultura Galega en México... Foron –por empregar as propias palabras do autor— 'fachiños para escorrentar as tebras' nas que vivía a nosa cultura durante a posguerra".

O presidente da Xunta e mais o resto de autoridades xunto á familia de Florencio Delgado Gurriarán no acto central do Goberno galego no Día das Letras Galegas CC-BY-SA David Cabezón/Xunta

"A Galicia orgullosa que promoven os emigrantes e as figuras do exilio vai sincronizándose co espertar da Galicia de aquí, nun proceso de recuperación da nosa autoestima cultural, parello á autonomía, no que todos participan, sen exclusións", aseverou Rueda. 

Ademais, o presidente manifestou que lle resulta significativo que "a derradeira visita que o valdeorrés fai a Galicia" fose no ano 1981, coincidindo coa promulgación do Estatuto de Autonomía "que consolida o galego como 'lingua propia' do país".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.