A Real Academia Galega e, con ela, as principais institucións do país, trasladáronse este 17 de maio á Aira dos Bolos de Córgomo, en Vilamartín. A vila de Valdeorras virou neste 2022 en "capital literaria de Galicia, capital universal da lingua galega, esa Galicia infinda" da que, evocou o presidente da RAG, Víctor Freixanes, falaba Florencio Delgado Gurriarán. As súas letras e o seu "compromiso democrático e galeguista" estiveron na cerna do pleno da institución que serviu como acto central para este ano de homenaxe.
Ante Celia, Maruxa e Carmiña Delgado, fillas do autor, e mais na presenza do seu neto, Roberto (todos eles viaxaron de México e dos EUA), a Academia e o seu presidente trazaron o perfil lingüístico, poético, literario e político de Delgado Gurriarán. Tamén o debuxo humano dunha persoa "vital, alegre, amante da música e do baile".
Foron tres os membros da RAG encargados de trazar estes perfís, a comezar por Ramón Villares. O historiador amosou un Delgado Gurriarán "exemplo de coherencia e compromiso" nunha vida "chea de adversidades e algún golpe de sorte", esa vida na que "chegou a ser mediador cos refuxiados", xunto con outros "irmáns galeguistas", tras o golpe fascista de 1936, para poderen ser evacuados dende Francia ata América" tras os anos da "alborada cívica" da II República, nos que apostou con claridade por "unha Galicia con autogoberno" e ligada ás súas "nacionalidades irmás".
O pleno da RAG en homenaxe a Delgado Gurriarán lembra o seu compromiso galeguista na II República, o traballo para "salvar" refuxiados tras o golpe do 36 e a súa aposta por un modelo lingüístico "nacional" e "desacomplexado"
A de Delgado Gurriarán, subliña Villares, foi unha "solidariedade alén das conviccións partidarias" que lle permitiu "salvar moitos paisanos coa axuda de poucas persoas". Xa á outra beira do Atlántico, no exilio mexicano, evocou, traballou a prol do mantemento da lingua e da cultura galegas con publicacións como Vieiros, mas tamén con mediante encontros con persoeiros como Castelao e outros membros do Consello de Galiza.
A perspectiva lingüística e poética de Delgado Gurriarán foi abordada neste pleno solemne por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura galega e directora da Sección e Lingua da RAG. O autor homenaxeado, lembrou, tomou como "punto de partida a fala de Valdeorras" para "sumarse á construción colectiva dun galego culto" e "válido para todos os habitantes da Galicia infinda", un modelo "supradialectal, translocal". Isto é, "nacional" e "desacomplexado", "lingua do pobo" e afastada da "castelanización" ou da "castrapización da toponimia":
Esa lingua ficou plasmada nas composicións poéticas de Delgado Gurriarán, "poeta matriótico e patriótico", en verbas de Xesús Alonso Montero, que pechou a quenda de alocucións poéticas. Alonso Montero comezou polos anos da mocidade de Delgado Gurriarán e os seus poetas "matrióticos" que "cantan e contan as cousas" de Valdeorras. Mais tamén era un tempo no que exercía de "poeta das causas", dende o seu "manifesto político en verso" en Xuntanza ata a Tristura do souto mudo, un "canto aos castiñeiros e á paisaxe valdeorresa no que tamén hai unha mensaxe de denuncia: o efecto da introdución do eucalipto". "Non sei de ningún poeta que denunciase, antes de 1934, a asoballante invasión desta voraz especie", subliña.
No seu primeiro Día das Letras na presidencia da Xunta, Rueda foi interpelado pola Academia para "abrir novas vías de colaboración a prol do idioma que nos ocupa e nos preocupa"
A homenaxe a Delgado Gurriarán centrou un pleno solemne que tamén tivo oco para unha chamada de atención ao presidente da Xunta. No seu primeiro Día das Letras no cargo, Alfonso Rueda foi interpelado directamente por Freixanes, que dende a lembranza da "encomenda institucional de velar pola lingua" que ten a propia institución, fixo "votos para que poidamos abrir novas vías de colaboración a prol do idioma que nos ocupa e que nos preocupa".
"Non son poucos -advertiu a Rueda- os desafíos que os novos tempos presentan" e por iso, "se aceptamos que a lingua é un territorio de unión, modernidade e afectos", así como "marca de identidade por riba das siglas e das diferenzas", cabe agardar que "saibamos atopar novas iniciativas para avanzar no seu desenvolvemento". E para iso, sinalou cara ao titular do Goberno, cómpre "integrar todos os axentes sociais que poidamos sumar".