"O exilio en México levou a cabo un labor fundamental en todas as áreas creativas, dende a literatura ao cinema e a defensa da cultura e da identidade galega"
Este venres había poucas persoas tan satisfeitas pola elección de Florencio Delgado Gurriarán como homenaxeado no Día das Letras Galegas como Ricardo Gurriarán. Non só como familiar, senón sobre todo como "parabiógrafo oficial" e unha das persoas que máis traballou nas últimas décadas para dar a coñecer a figura que o vindeiro ano recibirá o recoñecemento da Real Academia Galega.
Un recoñecemento, que como fixo xa este venres a RAG, Ricardo Gurriarán estende "a todas esas persoas que dende a diáspora traballaron pola cultura, especialmente en México, un exilio mexicano "que estaba un pouco esquecido, sobre todo en comparación con outros lugares da outra beira do Atlántico", destaca.
"Destaca do homenaxeado "o seu papel activo na Guerra Civil, o seu compromiso político a través do Partido Galeguista, e tamén a súa poesía de loita publicada nun tempo moi difícil"
"O exilio en México levou a cabo un labor fundamental en todas as áreas creativas, dende a literatura ao cinema e a defensa da cultura e da identidade galega, por exemplo a través de emisións radiofónicas ou publicacións escritas, como Vieiros", sinala, revista da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto. "É moi importante facer un recoñecemento a todas estas persoas que viron truncadas as súas vidas por mor do Golpe de Estado e o triunfo do fascismo, que os obrigou a marchar a outros países", di.
Gurriarán publicou en 1999 a biografía Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista (Edicións do Castro). Ao igual que facía nesa obra, o autor destaca do homenaxeado "o seu papel activo na Guerra Civil, o seu compromiso político a través do Partido Galeguista, e tamén a súa poesía de loita publicada nun tempo moi difícil". Destaca neste senso o Cancioneiro da loita galega, publicado en México en 1943 e que inclúe 16 poemas da súa man, publicados baixo o pseudónimo Nadel.
Gurriarán sinala que este ano se saberá máis sobre "aspectos da súa vida que ata agora foron pouco tratados, como puido ser o seu papel na Guerra Civil, nun organismo case de espionaxe, que traballaba para rescatar persoas que quedaran en territorios ocupados polos golpistas".
Gurriarán sinala que este ano se saberá máis sobre "aspectos da súa vida que ata agora foron pouco tratados, como puido ser o seu papel na Guerra Civil" e tamén sobre a súa achega literaria: "Falta un estudo literario en profundidade"
Tamén cre que nos vindeiros meses se afondará na achega literaria de Florencio Delgado, "cuns valores poéticos moi diversos: unha poesía de loita, unha poesía da estética valdeorresa, unha unión do náhuatl xunto co galego como un elemento de integración na cultura mexicana...". "Falta un estudo literario en profundidade", di. Entre os poemarios publicados, destaca Bebedeira (Editorial Nós, 1934), Galicia infinda (Galaxia, 1963), Cantarenas (Ediciós do Castro, 1981) e O soño do guieiro (Ediciós do Castro, 1986), ademais do xa citado Cancioneiro. Un dos seus poemas foi seleccionado por Xesús Alonso Montero como un dos Cen mellores poemas da lingua galega, unha escolma publicada en 1975 por Edicións Celta.
Florencio Delgado Gurriarán forma parte da "Xeración do 25", tal e como a denominou Xosé Luís Méndez Ferrín, persoas nacidas entre 1895 e 1909 (nace en 1903) e que son unha caste de "fillos da Xeración Nós", como Manuel Antonio, Amado Carballo ou Alexandre Bóveda.
"Dende que era moi pequeno as cartas que chegaban do 'tío Florencio' líanse en comunidade familiar. Para min durante moito tempo era case un personaxe de ficción, do que se sempre se falaba, pero que non coñecemos ata que veu en 1968"
Ricardo Gurriarán destaca tamén que durante os anos da ditadura Florencio Delgado "xogou un papel moi importante na conectividade co interior, coa xente de Galaxia, como Fernández del Riego ou Paz Andrade" e tamén coidou sempre o contacto cos autores galegos exiliados noutros países. Aínda que nunca regresou de forma definitiva a Galicia, si realizou varias visitas e estadías temporais, nos anos 1968, 1976 e 1981. "Cada vez que viña, chegaba cargado de literatura galega feita en México, publicacións moi importantes para os resistentes como un instrumento de loita antifranquista", destaca Gurriarán.
E lembra, xa en clave persoal, que "dende que eu era moi pequeno as cartas que chegaban do 'tío Florencio' líanse en comunidade familiar na nosa casa". "Para min durante moito tempo era case un personaxe de ficción, do que se sempre se falaba, pero que non coñecíamos ata que veu por primeira vez en 1968", engade.