Florencio Delgado Gurriarán será a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 2022. Así o acordou este venres o Pleno da Real Academia Galega, nunha sesión na que debía escoller entre esta candidatura e as de Fiz Vergara Vilariño e Ánxel Casal e Federico García Lorca. O recoñecemento para o autor valdeorrés será tamén unha homenaxe á intelectualidade galega no exilio, especialmente a que foi acollida por México, como Delgado Gurriarán.
Foi promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros, da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto
Florencio Delgado Gurriarán naceu en Vilamarín de Valdeorras en 1903 e formouse como avogado. Membro activo do Partido Galeguista e colaborador das Irmandades da Fala ou o Seminario de Estudos Galegos, tivo que exiliarse en 1939 para fuxir da represión franquista. Foi quen de fuxir a México a través de Francia, cruzando o Atlántico a bordo do Ipanema, un dos barcos que levaron os refuxiados españois a América e no que fuxiron tamén, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro ou Elixio Rodríguez.
Tivo que exiliarse en 1939 para fuxir da represión franquista. Foi quen de fuxir a México a través de Francia, cruzando o Atlántico a bordo do Ipanema
Xa en México desenvolveu un importante labor como activista cultural. Foi promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros –da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto–, a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e de varias publicacións de carácter político e cultural.
Durante a época de conformación de Vieiros, o protagonista do Día das Letras Galegas 2022 mantivo unha especialmente proficua relación con intelectuais do exilio interior como o académico Francisco Fernández del Riego ou Valentín Paz-Andrade e estivo en contacto cos mozos do Grupo Brais Pinto.
Delgado Gurriarán foi un "home ponte" entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, "capaz de tecer asemade vínculos coa intelectualidade doutras orixes"
A través da súa figura tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México, país onde o propio Delgado Gurriarán e outros colegas desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un referente obrigado da nosa historia contemporánea. Pódese dicir que Delgado Gurriarán foi un "home ponte" entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, "capaz de tecer asemade vínculos coa intelectualidade doutras orixes", destaca a RAG.
A Academia salienta, igualmente, que a homenaxe ao autor supón un recoñecemento merecido á Galicia do exilio republicano en México, "cuantitativamente menor có arxentino pero dunha importancia igualmente capital". Del tamén formaron parte figuras como o cineasta Carlos Velo, o músico Xesús Bal y Gay, o xornalista Ramón Cabanillas fillo, o arquitecto Xosé Caridad Mateo ou Elixio Rodríguez.
A homenaxe ao autor supón un recoñecemento merecido á Galicia do exilio republicano en México, "cuantitativamente menor có arxentino pero dunha importancia igualmente capital"
Delgado Gurriarán foi ademais poeta, publicando numerosas composicións en revistas, xornais e libros. O seu primeiro poemario, Bebedeira (Editorial Nós, 1934) é unha obra próxima ao hilozoísmo de Amado Carballo coa que participou na renovación da estética da poesía galega. Destaca, igualmente, a colectánea poética Cancioneiro da loita galega (1943), primeira publicación do Partido Galeguista en México e da que Delgado Gurriarán foi responsable intelectual e principal colaborador. Publicou tamén Galicia infinda (Galaxia, 1963), Cantarenas (Ediciós do Castro, 1981) e O soño do guieiro (Ediciós do Castro, 1986).
Faleceu en 1987 aos 83 anos de idade cando se atopaba na casa dun dos seus fillos, en California
Foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega no ano 1981 en recoñecemento ao seu labor como escritor e activista cultural dende a diáspora. Faleceu en 1987 aos 83 anos de idade cando se atopaba na casa dun dos seus fillos, en California. A súa figura foi reivindicada por Ricardo Gurriarán, que xa en 1999 publicou a obra Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista (Ediciós do Castro).