Cada ano son moitos os recursos e materiais que se publican ao redor da figura homenaxeada no Día das Letras. Tamén nesta ocasión podemos atopar na rede un gran número de pezas audiovisuais e outros elementos a través dos que podemos saber máis sobre a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán.
Como é habitual nos últimos anos, unha parte importante destes contidos vén impulsado pola propia Real Academia Galega, que nos últimos meses presentou un gran número de actividades e recursos. Entre eles desta a serie 'Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda', composta por cinco vídeos, un proxecto audiovisual desenvolvido pola produtora Miramemira e a guionista e directora da revista VINTE María Yáñez, que nos permite achegarnos dunha maneira moi próxima ao escritor.
O proxecto Primavera das Letras nos últimos meses foi achegando contidos didácticos e informativos sobre Florencio Delgado Gurriarán á comunidade educativa
Así mesmo, destaca o proxecto Primavera das Letras, que nos últimos meses foi achegando contidos didácticos e informativos sobre Florencio Delgado Gurriarán á comunidade educativa, pensados especialmente para nenos, nenas e adolescentes. Na web pódese descargar unha biografía de Florencio dirixida ao público infantil que asina Ledicia Costas e ilustra Blanca Millán. Costas destacou que “a vida de Florencio foi case unha especie de aventura e decidín que fose el mesmo quen a contase desde a visión infantil”-
Primavera das Letras ofrece ademais fichas para colorear a vida do Florencio neno creado pola escritora e a ilustradora, actividades interactivas e vídeos con homenaxes ao poeta de alumnado da comarca de Valdeorras.
A RAG produce ademais a serie de micropezas audiovisuais Polos vieiros de Florencio, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra; difunde a través das redes sociais contidos como Palabras de Florencio, onde une a divulgación da poesía do homenaxeado coa difusión do léxico galego.
A RAG produce ademais a serie de micropezas audiovisuais Polos vieiros de Florencio, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra
A Real Academia Galega publicará proximamente unha edición galega, ao coidado e anotada por Ricardo Gurriarán, da entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán, unha longa conversa mantida na cidade mexicana de Guadalajara no ano 1979 e conservada polo Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México no marco do proxecto de historia oral dos refuxiados españois. O historiador, biógrafo e sobriño do homenaxeado, tamén se fará cargo dun volume que recollerá correspondencia de Delgado Gurriarán con persoeiros da cultura galega. Xa no outono, como é habitual nos últimos anos, a institución reunirá voces especialistas no simposio académico dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas deste ano.
A web As Letras de Florencio vén publicando un podcast que en doce capítulos se achega ao homenaxeado
Tamén se pode atopar unha interesante compilación de recursos na web As Letras de Florencio, lanzada pola asociación do mesmo nome, composta por distintos colectivos, os municipios da comarca de Valdeorras e a Deputación de Ourense, que uniron esforzos hai anos para visibilizar o legado do seu poeta e reivindicar para el o Día das Letras Galegas.
Destaca entre eles o documental 'Florencio Delgado Gurriarán. Falando en corto'. Coa música e interpretación de Anxo Rei sobre poemas de Florencio, aparecen nel Víctor Freixanes, Lucio Santalla Quiroga, Camilo Valdehorras, Chus Delgado, Luis Manuel Gurriarán, Ricardo Gurriarán, Paco Campos, Josefa Álvarez e Xesús Alonso Montero.
A web vén recollendo tamén un podcast dedicado á figura do homenaxeado que ao longo de doce capítulos (ata agora publicáronse catro) de entre 20 e 30 minutos vai debullando os distintos aspectos da súa traxectoria vital, pensando sobre todo en achegalo ás novas xeracións. Creado e conducido polo escritor valdeorrés Jorge Moral, os restantes oito capítulos iranse publicando o último domingo de cada mes ata o remate do ano.
Música
Raúl Diz, integrante de Os Amigos dos Músicos, vén de publicar 'De Córgomo a Fair Oaks', un álbum de cinco versións de poemas do homenaxeado
Tamén son varias as versións musicadas de poemas de Florencio Gurriarán. Entre elas destaca sobre todo as realizadas por Raúl Diz, integrante de Os Amigos dos Músicos, e mestre de música nun colexio de Primaria. Díz vén de publicar 'De Córgomo a Fair Oaks', un álbum de cinco versións de poemas do homenaxeado ás que lle aplicou un estilo folk e country.
Tamén hai que salientar a versión realizada pola banda viguesa de metal Dioivo, que veñen de publicar “Hai Sede na Nova Galicia"
Tamén hai que salientar a versión realizada pola banda viguesa de metal Dioivo, que veñen de publicar “Hai Sede na Nova Galicia”, escrita por Delgado Gurriarán. Este poema describe a saudade que o escritor valdeorrés sentía pola súa terra mentres estaba exiliado en México logo da Guerra Civil, e pertence a unha das súas principais obras, Galicia Infinda, editada por Galaxia en 1963. Para completar a homenaxe, o grupo acompañou a canción dun videoclip realizado por YOD Multimedia.
Esta non é a primeira vez que Dioivo emprega a literatura galega na súa música, xa que o ano pasado conmemoraron o 50 aniversario da mítica novela Retorno a Tagen Ata cunha adaptación musical da mesma na que contaron con narracións do propio autor, Xosé Luís Méndez Ferrín. De feito, o grupo naceu poñendo música a Rosalía de Castro e ao seu poema “Sempre pola Morte Esperas”, para participar nun concurso organizado polo Concello de Vigo en febreiro de 2016.
Centros de ensino
Nos centros de ensino son moitas as iniciativas lanzadas nos últimos meses, como as realizadas no CEIP do Carballal de Marín, no CEIP Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras e no Colexio San Pío X de Ourense
E, por suposto, nos centros de ensino son moitas as iniciativas lanzadas nos últimos meses. Podemos destacar tres, comezando por 'Autoxenreira', o vídeo protagonizado polo alumnado do CEIP do Carballal de Marín e realizado polo equipo de biblioteca e de Dinamización Lingüística. O segundo é a versión do poema 'Aí vén o maio', de Delgado Gurriarán (incluído no seu primeiro libro, 'Bebedeira', de 1934), cantada por seis alumnas e alumnos do CEIP Julio Gurriarán (O Barco de Valdeorras).
O terceiro é o traballo colaborativo realizado entre o Colexio San Pío X de Ourense, o ilustrador Carlos Gallego Domínguez e mais o Seminario Galán. Nas voces están os alumnos e alumnas de 5º de Primaria do colexio, un centro que leva varios anos facendo vídeos semellantes.