'De Córgomo a Fair Oaks', a viaxe de Galicia a América do Florencio Delgado máis popular e folk convertida en canción

Raúl Diz ©

Raúl Diz, integrante de Os Amigos dos Músicos, vén de publicar un disco no que versiona algúns dos poemas de Florencio Delgado, dotándoos dun estilo country e campeiro moi acaido para o intelectual que percorreu o mundo, de Galicia a América

Florencio Delgado Gurriarán naceu en Córgomo, parroquia de Vilamartín de Valdeorras, en 1903. 84 anos despois finou na localidade californiana de Fair Oaks, onde se atopaba visitando un dos seus fillos. Nesas máis de oito décadas o homenaxeado nas Letras Galegas sufriu unha Guerra Civil, fuxiu da represión franquista, pasou por un exilio, instalouse en México, onde desenvolveu numerosas ocupacións e levou a cabo un inxente traballo cultural. E tamén escribiu un gran número de poemas, algúns anteriores á guerra e outros xa no seu exilio mexicano, pero mantendo neles a lingua galega.

Agora, coincidindo coa celebración do Día das Letras Raúl Diz (Xinzo de Limia, 1981), integrante de Os Amigos dos Músicos, vén de publicar un disco no que versiona algúns destes poemas, dotándoos dun estilo country e campeiro moi acaido para o intelectual que percorreu o mundo, de Galicia a América, De Córgomo a Fair Oaks. Así se titula o álbum, editado por Todomedre e que forma parte do catálogo da plataforma de difusión cultural galega A Regueifa 2.0.

"Ao reiseñor" é un poema de 1923 que permaneceu inédito ata 1999. Os outros catro poemas adaptados pertencen á obra Bebedeira, publicada pola Editorial Nós en 1934

"Ao reiseñor", a canción que abre o álbum, é un poema de 1923 que permaneceu inédito ata 1999. Os outros catro poemas adaptados: "Liorta", "Miudezas. Matanza", "Dores do agro" e "Aí vén o maio", pertencen á obra Bebedeira, publicada pola Editorial Nós en 1934. Carvalho Calero describiu este poemario, vinculado ao hilozoísmo de Luís Amado Carballo, como "unha turbulenta visión da dionisíaca terra de Valdeorras". "É unha descrición poética de forte alento xeórxico, dun ruralismo moi animista e sanguíneo", escribiu o intelectual ferrolán.

"A poesía de Florencio Delgado Gurriarán é moi variada e decidín escoller poemas curtos, que fosen amenos para aprendelos rápido, que tivesen un vocabulario non moi complexo e que permitisen xerar melodías recoñecibles e cantables", explica Raúi Diz

Diz, que ademais de músico e compositor é mestre no ensino público, conta que comezou este proxecto como un traballo para a escola. “O que quería era ter unha canción por nivel educativo, de maneira que o alumnado puidese aprender, interpretar e xogar un pouco cos poemas mediante a música", explica. De feito, dado que en Primaria hai seis cursos, en realidade son seis as cancións que conforman o proxecto, pero a versión de "A Malla" non chegou a tempo para ser incluída no disco. 

"A poesía de Florencio Delgado Gurriarán é moi variada e decidín escoller poemas curtos, que fosen amenos para aprendelos rápido, que tivesen un vocabulario non moi complexo e que permitisen xerar melodías recoñecibles e cantables. De aí a escolma, que ten un carácter moi popular, no que aparecen elementos da natureza ou dos traballos do agro”, comenta o músico.

Portada do disco 'De Córgomo a Fair Oaks' ©

Diz, que ademais de músico é mestre no ensino público, comezou este proxecto como un traballo para a escola: “O que quería era ter unha canción por nivel educativo, de maneira que o alumnado puidese aprender, interpretar e xogar un pouco cos poemas mediante a música"

Arcadio Nóvoa, responsable da discográfica Todomedre e integrante de Os Amigos dos Músicos, destaca neste senso que "Raúl, ao ter un gran coñecemento dos códigos harmónicos e melódicos da música folk norteamericana, de referentes como Dylan e outros mesmo anteriores, e tamén dos códigos da música tradicional galega, colleu os poemas máis vinculados á natureza, á terra, aos traballos do campo, que encaixan moi ben con esas tradicións". "Esta é a literalidade coa que te atopas en primeira instancia no poema, aínda que despois os textos agachan moito máis, como sucede en moitas das composicións da música folk estadounidense e tamén na música popular galega, que debaixo da súa literalidade esconden outros temas e mensaxes de maior profundidade", comenta.

Raúl Diz "trata de facer unhas composicións que sexan cantables e permitan ser rapidamente memorizables, pero esta é unha característica que ten toda a música popular, dende a canción tradicional en Galicia ata a música popular contemporánea: os Beatles ou Rosalía", sinala Arcadio Nóvoa. O resultado son unhas "pequenas cancións folk e populares que podes agarrar con moita facilidade", destaca, engadindo que "chegar a algo sinxelo non implica renunciar á complexidade. Non é o mesmo algo sinxelo que algo simple".

O resultado son "pequenas cancións folk e populares que podes agarrar con moita facilidade", destaca, pero "chegar a algo sinxelo non implica renunciar á complexidade. Non é o mesmo algo sinxelo que algo simple"

Diz gravou as cancións na súa casa nun período de dous días, completando un proceso de tres semanas nos que compuxo, arranxou, gravou e mesturou as cancións. “Levo moitos anos gravando na casa, tanto maquetas para preparar gravacións como outras cousas que vou arquivando", comenta, nun traballo que en moitas ocasións realizaba co seu amigo Jaime Mateo, fundador de Os Amigos dos Músicos e ideólogo de Todomedre, e que faleceu o pasado mes de decembro. Diz destaca que "sentiu moi preto" a Jaime Mateo no proceso de composición e gravación do álbum.

As cancións poderán escoitarse no festival de final de curso do colexio onde Raúl Diz dá clase. Alí, o alumnado dos distintos cursos amosará o traballo realizado con cada un dos temas, que cantarán e aos que lle engadirán outros instrumentos

Precisamente foron os seus compañeiros de Os Amigos dos Músicos quen o animaron a publicar as cancións do proxecto, para que non ficasen unicamente no ámbito escolar. Nese momento tamén resultou importante o interese de Noel Feáns, impulsor de A Regueifa 2.0, e tamén a colaboración de Tomás Ageitos, quen nun tempo récord masterizou as cancións para a súa publicación dixital.

As cancións poderán escoitarse no festival de final de curso do colexio onde Raúl Diz dá clase. Alí, o alumnado dos distintos cursos amosará o traballo realizado con cada un dos temas, que cantarán e aos que lle engadirán outros instrumentos. Neste senso Arcadio Nóvoa explica que Raúl Diz "quería que a nivel de instrumentación as cancións fosen o máis sinxelas e austeras, para que os rapaces puidesen tocar outros instrumentos por riba: metalófonos, xilófonos, ukeleles, melódicas, un arranxo de percusión...".

Soarán estes temas nalgún outro lugar? "Estamos xa recibindo algunha mensaxe de centros de ensino, interesados en que Raúl vaia ao seu colexio para tocar as cancións", di Arcadio Nóvoa

Soarán estes temas nalgún outro lugar? De momento, Arcadio explica que non hai plans pechados para facelo, pois o proxecto naceu hai apenas unhas semanas. "Non estaba preparado de antes e non temos pensado nada", di. "En función da resposta e do interese que haxa, pensaremos en facer algo. Estamos xa recibindo algunha mensaxe de centros de ensino, interesados en que Raúl vaia ao seu colexio para tocar as cancións. E, se se dá o caso, pode que o acompañemos algún integrante de Os Músicos para facer unha segunda guitarra ou unha segunda voz. Pero xa iremos vendo", remata.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.