A Academia estrea a serie 'Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda' para achegar o homenaxeado nas Letras aos nosos días

Florencio Delgado Gurriarán © Ricardo Gurriarán

A guionista da serie documental, María Yáñez, explica que fai "un percorrido pola traxectoria de Florencio Delgado Gurriarán deténdose nos diversos aspectos que compoñen o seu perfil, marcado polas inquedanzas literarias, lingüísticas e políticas"

Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda é a serie sobre o homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas que vén de estrear a Real Academia Galega (RAG). Un proxecto audiovisual desenvolvido pola produtora Miramemira e a guionista e directora da revista VINTE María Yáñez, que nos permite achegarnos dunha maneira moi próxima ao escritor namorado da terra de Valdeorras que escribiu o groso da súa obra no exilio mexicano. 

"Meu Córgomo de Valdeorras", o verso co que Florencio Delgado Gurriarán arrinca un dos poemas dedicado á súa vila natal, dálle título ao primeiro dos cinco episodios desta serie web documental que se pode ver na páxina web da Academia e na canle de Youtube da institución. Despois da Semana Santa, cada xoves se estreará un novo episodio ata chegar aos días previos ao 17 de maio.

“A Academia pretende achegar a todo o público unha figura destacada do labor literario e do activismo cultural da diáspora”, salienta Freixanes 

"Con este relato audiovisual a Academia pretende achegar a todo o público unha figura destacada do labor literario e do activismo cultural da diáspora coa que trasladamos, por primeira vez dende 1963, o Día das Letras Galegas ás terras valdeorresas e mais ao exilio mexicano", manifesta o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

Este proxecto audiovisual, que repiten despois do éxito da serie Xela Arias. A palabra esgazada, conta co apoio económico da Xunta e do Ministerio de Ciencia e Innovación. "Os cinco capítulos trazan un percorrido pola traxectoria de Florencio Delgado Gurriarán deténdose nos diversos aspectos que compoñen o seu perfil, marcado polas inquedanzas literarias, lingüísticas e políticas, e mais por un forte amor a Galicia, de maneira especial, por Valdeorras, a terra que o viu nacer no ano 1903”, resume María Yáñez.

A comarca ourensá é o escenario do primeiro capítulo, centrado na faciana máis persoal de Florencio e na súa relación particular coa súa vila natal, o Córgomo de Valdeorras. "Os seus familiares retrátano como unha persoa moi sensible e comprometida pero tamén moi alegre, que gustaba do canto, do baile e do viño. A propia familia Delgado Gurriarán dedicábase á viticultura, actividade fundamental nesta comarca, e a outros labores agrícolas", sinala a guionista.

Neste primeiro petisco sobre a figura do Gurriarán máis pegado á súa terra, obsérvase como a súa infancia marcou profundamente toda a súa obra. O poeta que titulou o seu primeiro poemario Bebedeira (1934). Pero é que a comarca de Valdeorras influíu tamén na lingua que empregou, rica en trazos propios da zona, e nos versos que escribiu cunha marcada crítica sociolingüística. A súa especial relación co galego protagonizará o episodio fina da serie documental. 

Nesta viaxe na que as persoas que o trataron ou puideron estudar a súa obra van relatando os aspectos diferenciais do poeta, abordaráse a súa relación co galeguismo, a súa implicación política durante a República e o seu periplo por España, Portugal e Francia durante a Guerra Civil antes de se exiliar á outra beira do Atlántico. 

Haberá un capítulo dedicado ao seu exilio en México, onde foi un comprometido activista cultural e membro destacado de iniciativas como as revistas Vieiros e Saudade. Din del que era unha persoa alegre, e como poeta cantoulle ao amor, ao erotismo e ás cepeiras; aínda que tamén cultivou poesía de combate e sátira política.

No primeiro episodio que se presentou este xoves interveñen o historiador e biógrafo do autor Ricardo Gurriarán; Elva e Teresa Delgado e Lucio Santalla, tamén familiares do poeta; Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto As Letras de Florencio; Margarida Pizcueta, filóloga e concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras; e o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. 

Nos sucesivos capítulos participarán voces como a da cineasta Margarita Ledo, o historiador Ramón Villares, o filólogo Xesús Alonso Montero, e o director do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, entre outras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.