As celebracións das Letras Galegas ao redor da figura de Florencio Delgado Gurriarán comezaron esta semana e fixérono, como non podía ser doutro xeito, en Vilamartín de Valdeorras, o lugar onde o poeta e intelectual naceu en 1903. O colexio de Vilamartín de Valdeorras acolleu este martes a presentación dunha nova edición do proxecto Primavera das Letras, que nos vindeiros meses achegará contidos didácticos e informativos sobre Florencio Delgado Gurriarán á comunidade educativa.
O colexio de Vilamartín de Valdeorras acolleu este martes a presentación dunha nova edición do proxecto Primavera das Letras, que nos vindeiros meses achegará contidos didácticos e informativos sobre Florencio Delgado Gurriarán á comunidade educativa
Ledicia Costas asina a biografía do poeta valdeorrés, xa dispoñible na web, que inclúe as ilustracións de Blanca Millán. Este ano, ademais, a Academia contará con escritoras e escritores de literatura infantil para lle dar a coñecer á xente miúda a vida e obra da persoa protagonista do Día das Letras Galegas, explicou a directora do proxecto, Fina Casalderrey.
A proposta, que conta co financiamento da Deputación da Coruña, seguirá ademais a ofrecer actividades interactivas e o concurso Contádenos o voso Día das Letras, e estreará proximamente unha nova sección para, alén da celebración das Letras, ofrecer outros contidos divulgativos da lingua e da literatura galegas e favorecer o diálogo cos centros escolares.
Os verdadeiros protagonistas desta primeira homenaxe da RAG a Delgado Gurriarán na súa terra foron os nenos e nenas da única escola deste concello, que conta con vinte e cinco menores matriculados
Achegar a Florencio Delgado Gurriarán aos nenos e nenas
Os verdadeiros protagonistas desta primeira homenaxe da RAG a Delgado Gurriarán na súa terra foron os nenos e nenas da única escola deste concello, que conta con vinte e cinco menores matriculados, varios deles veciños e veciñas de Córgomo, a parroquia onde naceu o homenaxeado. Parte do alumnado interpretou en directo a adaptación musical do poema “Vente, ventiño do norte” realizada polo mestre de música, Jaime Díaz Paradelo, e podemos ver un vídeo no que participa boa parte do alumnado do colexio dramatizando e recitando outras composicións do poeta de Valdeorras.
“Sentímonos moi orgullosos de que o noso Corgomófilo sexa a figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio. A súa elección significa para nós o recoñecemento da cultura valdeorresa"
No acto destacouse a importancia de achegar ás crianzas a figura homenaxeada. “Ledicia, coa maxia do seu talento literario, conseguiu traer o Florencio neno do Máis Alá, non podía ser doutro xeito, para que el mesmo, en primeira persoa, nos relate a súa infancia en Córgomo e convídanos a subir canda el nese barco que cruzou o océano dende Bordeos ata Veracruz. Dos seus medos, das emocións, dos libros que escribiu, das revistas que puxo a andar... de todo iso nos fala”, subliñou Fina Casalderrey.
O director do CEIP Xosé Manuel Folla Respino destacou así mesmo a oportunidade que significan as Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán para o fomento da lingua galega entre as xeracións máis novas. “Sentímonos moi orgullosos de que o noso Corgomófilo sexa a figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio. A súa elección significa para nós o recoñecemento da cultura valdeorresa, e desexamos que sexa un referente para as futuras xeracións desta comarca e que axude a fomentar o uso do galego entre elas”, dixo.

A sesión plenaria extraordinaria do 17 de maio terá lugar en Córgomo, a aldea onde naceu no ano 1903 e da que tomou un dos seus alcumes, Corgomófilo
Celebración en Valdeorras
Nesta ocasión a comarca de Valdeorras será o centro dos actos da Academia ao redor das Letras Galegas. A sesión plenaria extraordinaria do 17 de maio terá lugar en Córgomo, a aldea onde naceu no ano 1903 e da que tomou un dos seus alcumes, Corgomófilo. Os discursos correrán a cargo da académica Rosario Álvarez e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero.
Ademais da Primavera das Letras, a RAG ten en marcha outros contidos relacionados do autor. Na web da Academia xa se pode ler a biografía do poeta asinada por Ricardo Gurriarán e tamén se comparten os primeiros episodios da serie de micropezas Polos vieiros de Florencio, da que se estreará cada semana un novo capítulo. A serie permitiralle ao público ir achegándose, da man de distintas voces, a aspectos relacionados coa vida e coa obra do autor
As celebracións porán o foco no labor da intelectualidade galega no exilio, especialmente en México
Así mesmo, o Portal das Palabras, a páxina web da RAG e a Fundación Barrié, presentou hai unhas semanas a súa sección das Letras Galegas 2022, onde xa están dispoñibles os primeiros contidos: tres xogos interactivos sobre o rico vocabulario da poesía de Florencio Delgado Gurriarán e un ‘Allos con bugallos’ sobre o léxico dos seus poemas mexicanos.

"Arredor do Padroado da Cultura Galega de México houbo un momento de actividade extraordinaria na que Florencio Delgado Gurriarán tivo unha presenza activa moi importante, xunto a Luís Soto, Carlos Velo ou os irmáns Bilbatúa”
O labor do exilio galego en México
Ademais, as celebracións do Ano da Letras porán o foco no labor da intelectualidade galega no exilio, especialmente en México, moito menos coñecido que o do Río da Prata, por exemplo. En México Florencio Delgado Gurriarán colaborou na posta en marcha da revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, o Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia.
"Arredor do Padroado da Cultura Galega de México, houbo un momento de actividade extraordinaria na que Florencio Delgado Gurriarán tivo unha presenza activa moi importante, xunto a outras figuras como o xornalista Luís Soto, o cineasta Carlos Velo ou os irmáns Bilbatúa”, destacou o presidente da RAG, Víctor Freixanes. "O exilio en México levou a cabo un labor fundamental en todas as áreas creativas, dende a literatura ao cinema e a defensa da cultura e da identidade galega", destacaba nesta entrevista Ricardo Gurriarán.
Esta semana, ademais, Galaxia presentou unha Antoloxía poética do autor, que pon o ramo final á súa publicación editorial arredor do homenaxeado
Antoloxía poética, da man de Galaxia
Esta semana, ademais, Galaxia presentou unha Antoloxía poética do autor, que pon o ramo final á súa publicación editorial arredor do homenaxeado. A obra, en edición de Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro, "xorde pola necesidade de dar a coñecer un feixe de poemas, quizais os menos coñecidos, e non por iso menos importantes". O libro pretende ofrecer unha mostra do máis significativo da súa obra, ordenada cronoloxicamente, desde os cánticos iniciais do seu universo valdeorrés ata a poesía comprometida, satírica e de loita, fiel co seu pensar, que realizou desde o exilio.
Nos últimos meses Galaxia publicou os tres poemarios de Florencio Delgado Gurriarán: Bebedeira, Galicia infinda e O soño do Guieiro. E tamén as biografías Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero e Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán, publicado orixinalmente en 1999 e agora recuperado.