Rueda e o galego, trece anos e tres meses despois

Alfonso Rueda, ante a bandeira galega no Pazo de Raxoi, este 16 de maio, no acto de toma de posesión dos membros do seu primeiro Goberno CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A casualidade e, sobre todo, o calendario marcado por Alberto Núñez Feijóo para a remuda na Xunta, propiciaron que o primeiro acto oficial do presidente da Xunta á marxe da súa toma de posesión e das dos seus conselleiros sexan as celebracións do Día das Letras Galegas. Así, Alfonso Rueda viaxa a Valdeorras para presidir no Barco o acto institucional do Goberno galego polo 17 de maio e despois, en Córgomo (Vilamartín), acude á sesión extraordinaria da da Real Academia Galega en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán.

A casualidade e o calendario marcado por Feijóo para a súa remuda propiciaron que o primeiro acto oficial de Rueda como presidente tras as tomas de posesión sexa a celebración do Día das Letras Galegas

A RAG, precisamente, fora albo dos receos públicos de Rueda en 2010 cando, nos primeiros tempos de mandato de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, a institución académica discrepara pública e abertamente da derrogación do decreto que fixaba un mínimo do 50% das materias escolares en galego. No seu lugar, o novo Executivo do PP impulsara o denominado decreto do plurilingüismo, actualmente vixente, pero que na súa redacción inicial ademais de modificar ese limiar de presenza do idioma propio nas aulas, abría a porta a que o uso das linguas no ensino fose determinado polas preferencias de cada familia, aspecto que frearan os tribunais.

Alfonso Rueda, nunha reunión como conselleiro co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, en 2017 CC-BY-SA Xunta

O agora presidente da Xunta laiárase da posición da RAG a respecto daquel decreto na dupla condición que ostentaba, a de conselleiro da Presidencia e secretario xeral do PPdeG. En 2009, como número dous do PP de Galicia e xefe da campaña de Feijóo, o propio Rueda fora quen encabezara a comitiva do partido na manifestación organizada polo colectivo denominado Galicia Bilingüe contra o Goberno de PSdeG e BNG en vésperas electorais. O obxectivo da protesta era caricaturizar o país como unha caste de ditadura lingüística por mor dunha suposta "imposición" do galego en Galicia, a cal atribuían á Xunta.

Transcorreron 13 anos dende que Rueda se manifestara contra unha suposta ausencia de liberdade en Galicia pola "imposición" do idioma ou dende que, como conselleiro, impulsara a reforma que eliminou a obriga de realizar cando menos un exame en galego en cada proceso selectivo da Xunta

Naquela mobilización, Rueda afirmara que boa parte da cúpula do PPdeG -Feijóo estaba de viaxe preelectoral na Arxentina- acudira porque cría "na liberdade" e porque cumpría organizar o ensino "sobre a base da liberdade" e "sen impoñer unha lingua ou outra". En días previos, o propio Rueda e outros cargos populares insinuaran ligazóns entre quen se opuxese a aquela mobilización e a violencia. 

Transcorreron xa máis de 13 anos daqueles feitos. Tamén dende que, como conselleiro, impulsara unha reforma da lei da función pública para derrogar a norma que, dende 2008, establecía que cando menos unha das probas de cada proceso selectivo para traballar na Xunta fose realizada en galego. No seu lugar, estableceu a obriga dun exame de lingua galega para quen non acredite o coñecemento do idioma mediante un certificado oficial. 

Alfonso Rueda recibe os parabéns de Feijóo tras tomar posesión como presidente da Xunta, o 14 de maio de 2022 no Parlamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Agora, xa como presidente, a cuestión do idioma pasou a un papel colateral nos argumentos e discursos de Rueda. Así, por exemplo, no seu discurso de investidura ante o Parlamento afirmou que "os galegos estamos mellor conectados entre nós e co resto do mundo, tamén grazas ao idioma e a cultura galega". Mantivo, ao tempo, que o seu Goberno vai "pular" por "unha lingua que non levante novas fronteiras, senón que sirva para tender pontes" e, "por iso estreitamos lazos coa lusofonía e traballaremos coas grandes empresas tecnolóxicas para que os asistentes de voz falen galego".

Na súa investidura, Rueda afirmou que "os galegos estamos mellor conectados entre nós e co resto do mundo, tamén grazas ao idioma e á cultura galega". O BNG anímao a afastarse da "foto da vergoña" de 2009 cun regreso "ao consenso lingüístico"

Na súa toma de posesión Rueda limitouse a considerar que "a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa tradición e o noso xeito de ser non se definen, nin se van definir nunca, por colisión con outros elementos ou con outras sociedades". Porque en Galicia, dixo, "elaboramos a nosa identidade a través da suma, nunca da resta nin da división".

Este 17 de maio, trece anos e tres meses despois da devandita manifestación, Alfonso Rueda terá que pronunciar o seu primeiro discurso como presidente da Xunta nun Día das Letras Galegas. Resta saber se o centrará nun eloxio máis ou menos xenérico sobre o autor homenaxeado ou se tamén expresará algunha consideración a respecto da política lingüística do Goberno que agora preside. 

Un xesto en materia lingüística é, precisamente, o que en vésperas do Día das Letras reclamou o BNG ao xefe do Goberno galego. A vicevoceira parlamentaria da formación, Olalla Rodil, amosou a "preocupación" da primeira forza da oposición a respecto de "cal vai ser a política lingüística de Rueda como presidente, tendo en conta que encabezou o principal ataque aos dereitos lingüísticos e á lingua común" na que denomina como "foto da vergoña que precedeu ao decretazo do 2010". 

Aquela imaxe, di a parlamentaria, "aliñou o actual presidente cos sectores máis ultras, reaccionarios e antigalegos da sociedade española". Ao seu xuízo, un "cambio" en positivo por parte de Rueda sería promover que a Xunta volva "ao consenso lingüístico do Estatuto de 1981, da Lei Normalización Lingüística do 83 e do Plan Xeral de Normalización lingüística de 2004".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.