Valdeorras centra as celebracións das Letras Galegas en homenaxe a Florencio Delgado e ao exilio mexicano

Florencio Delgado Gurriarán, nunha imaxe difundida pola Deputación de Pontevedra © Deputación de Pontevedra

Córgomo, onde o intelectual naceu en 1903, acolle o acto principal da RAG, co tradicional pleno extraordinario dedicado ao homenaxeado, que se completará cun encontro coa poboación da parroquia

A comarca de Valdeorras e moi especialmente a parroquia de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, vai protagonizar os actos centrais da Letras Galegas dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán. Córgomo, onde o intelectual naceu en 1903, acollerá este martes 17 de maio o acto principal da Real Academia Galega, co tradicional pleno extraordinario dedicado ao homenaxeado, que se completará cun encontro popular cos corgomeses e corgomesas, unha celebración que adoptou o nome de "Florenciada". Viaxarán para a ocasión dende América tres fillas e netos do poeta. 

A sesión plenaria comezará ás 12:30 horas na Aira dos Bolos de Córgomo -un espazo cargado de simbolismo, lugar de encontro dos corgomeses para xogaren aos birlos, como retratou nos seus versos Florencio- e poderá seguirse en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG. No acto cobrará protagonismo o exilio galego en México, que conforma un dos eixes do discurso do historiador Ramón Villares, que abrirá a quenda de intervencións académicas sobre o homenaxeado.

Florencio Delgado Gurriarán, á esquerda, paseando co seu irmán Edmundo no ano 1936 © RAG / Ricardo Gurriarán

Da parte literaria ocuparase Xesús Alonso Montero, que xunto a Carlos Casares foi o primeiro académico en reivindicar un Día das Letras Galegas para Delgado Gurriarán a comezos deste século

O poeta valdeorrés recoñecía no seu discurso de recepción na Academia como membro correspondente (1981) que na posguerra Bos Aires era a capital cultural de Galicia, pero reivindicaba tamén o papel dos homes e mulleres que, coma el, contribuíron dende México a “escorrentar as tebras culturais”.

A sesión plenaria continuará coa intervención da directora da Sección de Lingua da RAG, Rosario Álvarez, que afondará na contribución de Delgado Gurriarán á construción dun modelo de galego supradialectal escrito moderno. Da parte literaria ocuparase Xesús Alonso Montero, que xunto a Carlos Casares foi o primeiro académico en reivindicar un Día das Letras Galegas para Delgado Gurriarán a comezos deste século.

Unha festa na comarca de Valdeorras

"Vai ser moi difícil que Valdeorras volva vivir unha ocasión coma esta na que seremos a capital da Galicia Infinda, destacou esta semana a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta

O acto do día 17 únese a unha ampla programación de actividades organizadas pola asociación As Letras de Florencio, composta por distintos colectivos, os municipios da zona e a Deputación de Ourense, que uniron esforzos hai anos para visibilizar o legado do seu poeta e reivindicar para el o Día das Letras Galegas. "Vai ser moi difícil que Valdeorras volva vivir unha ocasión coma esta na que seremos a capital da Galicia Infinda, destacou esta semana a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.

Estes actos comezarán o sábado 14 no Barco de Valdeorras cun obradoiro de xogos tradicionais e un serán poético. O domingo A Rúa acollerá un concerto e O Barco unha sesión de contacontos. O luns haberá dous concertos no Barco, que precederán a unha cea de recepción aos familiares de Florencio Delgado chegados de América e aos propios representantes da RAG. 

Programación de actos na comarca de Valdeorras ao redor de Florencio Delgado Gurriarán © Asletrasdeflorencio

O martes 17, ademais do acto da RAG en Córgomo, a Xunta de Galicia celebra o seu acto principal no Barco (ás 11 horas no Teatro Lauro Olmo, seguido dun concerto de Roi Casal). Ademais, a capital comarcal acolle un maratón de lectura organizado pola Asociación Vagalume e mais unha sesión de títeres a cargo de Fantoches Baj co título de 'Tras os vieiros de Florencio'. Así mesmo, en Petín actuará o grupo Acordeireta.

A Xunta celebra o seu acto principal no Barco de Valdeorras o martes 17

As celebracións continuarán nos días seguintes, coa actuación de Soledad Felloza no Barco o xoves 19, baixo o título de 'Vendimando versos'. E tamén coa exposición que ata final de mes acollerá Vilamartín de Valdeorras, baixo o título de 'Compromiso na distancia'.

Tamén en Ourense, a revista “Raigame” dedicou o seu último número á figura de Delgado Gurriarán. Editada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense, a publicación afonda tanto na vida como na obra do poeta de Córgomo, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2022. A revista estará acompañada dunha unidade didáctica para alumnos de ESO e Bacharelato

 

As Letras, no resto de Galicia

O Museo do Pobo Galego realiza unha mostra bibliográfica sobre o autor homenaxeado

Con todo, as Letras celébranse en todo o país, con actos en vilas e cidades organizados por institucións públicas e tamén por entidades culturais e sociais. Dende hai días, por exemplo, a Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura acolle a exposición Florencio Delgado Gurriarán. De igual xeito, a Universidade de Santiago levou a cabo este venres o seu habitual acto institucional das Letras Galegas. Xesús Alonso Montero pronunciou a conferencia ‘Da singular biografía lingüística de Florencio Delgado Gurriarán’ nun acto que incluíu tamén a presentación do libro Florencio Delgado Gurriarán. O soño dunha Galicia infinda, editado pola USC.

Tamén en Compostela o Museo do Pobo Galego realiza unha mostra bibliográfica sobre o autor homenaxeado, recollendo toda a produción escrita de Florencio Delgado. A mostra, que se pode visitar no claustro do Museo, abriu o 7 de maio e estará aberta ao público até o domingo 26 de xuño.

Na Coruña, a AELG, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o grupo Valdeorras Infinda celebran as Letras Galegas coa lectura pública da obra de Florencio Delgado Gurriarán. Será o domingo 15 ás 12 horas diante do Teatro Rosalía de Castro

Pola súa banda, o Concello da Coruña organiza unha ampla serie de actividades ata finais do mes de maio, entre as que destaca, por exemplo o sábado 21 unha nova quenda dos percorridos ‘Paseos pola Coruña literaria’, con Susana S. Aríns á fronte e centrado nun ‘Paseo imaxinario pola vida e obra de Luz Garza’. Tamén o día 21, ás 21 horas no Ágora, terá lugar o peche da primeira edición do Festival Primaletras. O grupo de folk coruñés Luar na Lubre, gañador de dous discos de ouro na súa traxectoria, despedirá o certame cultural-literario interpretando os seus temas máis coñecidos nun concerto de balde.

Tamén na Coruña a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o grupo Valdeorras Infinda celebran as Letras Galegas coa lectura pública da obra de Florencio Delgado Gurriarán. Será o domingo 15 ás 12 horas diante do Teatro Rosalía de Castro.

En Lugo a área de Cultura do Concello agasallará o 17 de maio un libro en galego a todas as persoas que se acheguen á praza Maior. As actividades do Día das Letras comezan o sábado 14, cunha sesión de contacontos no Vello Cárcere, que organizará obradoiros infantís entre o 16 e o 22 de marzo. Ademais, Lugo acollerá a Feira do Libro entre o 17 e o 22 de maio.

O Instituto de Estudos Ulloáns organiza o martes 17 un acto no castelo de Pambre (Palas de Rei) que dará protagonismo aos poetas no exilio, cunha intervención de Francisco Pardo e unha lectura de poemas de Florencio Delgado e de Lorenzo Varela. O acto finalizará coa actuación musical de 'Cantos da Ulloa'. Así mesmo, a Asociación Cultural Barbantia organiza a XI Romaría das Letras no Barbanza, que se vai celebrar no Pazo de Goiáns, do Concello de Boiro ,o 17 de maio.

As celebracións mesmo se estenderon fóra de Galicia e este venres 13 de maio o Centro Galego 'Xuventude de Galicia' de Lisboa organizou na capital lusa unha conferencia ao redor da figura de Delgado Gurriarán, impartida polo investigador e escritor Mario Regueira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.