Tras dous anos condicionada polas restricións da COVID, Queremos Galego recuperou neste Día das Letras o formato das súas mobilizacións a prol do uso normal do idioma que viña sendo máis habitual dende o ano 2009, cando o colectivo botou a andar para rexeitar os recortes legais á protección da lingua promovidos polo daquela novo Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Neste 2022, no primeiro 17 de maio con Alfonso Rueda na presidencia da Xunta, a plataforma volveuse manifestar á procura dun "novo futuro para a lingua".
Dende a Alameda de Santiago, nunha xornada condicionada pola chuvia e o vento, Queremos Galego e as organizacións que a conforman -encabezadas pol'A Mesa pola Normalización Lingüística- sacaron á rúa un manifesto no que quixeron advertir de que "a tendencia negativa da lingua galega non é irreversíbel". O texto, lido na concentración final por Elsa Quintas, avogada e vicepresidenta d'A Mesa, Esther Martínez (ANPAS Galegas) e mais Mónica García e Arantza Vilar, en representación do audiovisual, pon precisamente este sector como exemplo de que "a situación pode mudar".
No acto, conducido por Xurxo Souto, Queremos Galego lembrou como "a mobilización conseguiu" que Netflix "anunciase a incorporación de versións á nosa lingua no seu catálogo". Unha "implicación" cidadá, resaltan, que tamén "está na orixe da sentenza que obriga a Axencia Tributaria a respectar os nosos dereitos lingüísticos".
A plataforma lamenta que aos avances para o idioma logrados pola mobilización social non vaian acompañados do "esforzo" da Xunta por "garantir a posibilidade de uso do galego en todo e para todo"
"Centos de colectivos que actúan día a día para garantir o futuro de Galiza e do seu idioma, as miles de persoas que reclaman atención en galego ou respecto pola legalidade na toponimia, as familias que se esforzan en transmitir a lingua malia non poderen contar con espazos fundamentais coma o ensino, os concellos de todas as cores que se organizan para promoveren conxuntamente a normalización lingüística". Todos estes, resaltan, son exemplos de que "un novo futuro para o noso idioma é posíbel". Así o subliñou tamén o presidente d'A Mesa e voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira.
Con estes puntos de partida, sinalaron ao remate da manifestación, o que falta é o "acompañamento e o esforzo" dos gobernos, especialmente do Goberno galego. "Ademais da obriga moral de defenderen os nosos intereses colectivos, teñen a obriga legal de promoveren e garantiren a posibilidade de uso do galego en todo e para todo". "Precisamos xa un goberno -conclúen- que actúe en todos os ámbitos e contribúa xunto á sociedade" a lograr ese "novo futuro", para "podermos vivir en galego agora e sempre".
Pontón e Formoso, á fronte das comitivas do BNG e do PSdeG
Á responsabilidade da Xunta na protección e garantías para o uso normal do galego aludiron tamén na manifestación os líderes de BNG e PSdeG. Para a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, "lamentablemente, temos un Goberno do PP que rema en contra do galego" e mostra disto, coida, é que "converteu a escola nunha máquina desgaleguizadora" na que a infancia "entra pola porta falando galego e sae falando castelán".
Pontón sinala que a "nova oportunidade á lingua" debe comezar por "derrogar o decreto da vergoña"
Sinala Pontón que a aposta do BNG parte da necesidade de dar "unha nova oportunidade á lingua, dende o amor polo propio" pero tamén dende a convicción de que o galego é "unha fortaleza" non só en termos de identidade, tamén económicos. Por iso, sinala, a reivindicación da formación que encabeza parte da "derrogación do decreto da vergoña" e da redacción "dun novo que garanta que os nenos e nenas coñezan tamén a lingua galega". Xunto a isto, bosquexa, medidas de "aposta polo audiovisual" e "avance da normalización lingüística en todo os ámbitos", dos medios de comunicación á xustiza ou á sanidade, porque "en galego, temos futuro".
Formoso chama a "abordar o reto de que o galego sexa transmitido para ser usado pola mocidade"
Para o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, cabe darlle unha certa "marxe" a Rueda neste eido, pero sen gran "esperanza de cambio", toda vez que "leva trece anos" nun Goberno que "adoece do vicio de non crer no país" e baixo cuxo mandato "a aposta non foi o galego". A Xunta, sinala, debe "abordar o reto de que o galego sexa transmitido para ser usado pola nosa mocidade" e para iso debe ser "promovido polo goberno dun país que ten unha identidade propia". "Adoece de falta de espazo no ámbito educativo, na mocidade, na tecnoloxía" ou na Xustiza, resalta. Se a Xunta decide "impulsalo" neses eidos, conclúe, o PSdeG apoiarao.