O proceso de aprobación da nova lei audiovisual do Estado, o seu cruzamento na tramitación dos Orzamentos estatais de 2022 e, como pano de fondo, accións sociais como a Iniciativa Xabarín para lograr máis contidos audiovisuais en galego dirixidos á rapazada alimentaron nos últimos meses a reivindicación de gañar novos espazos neste eido para o idioma propio de Galicia. Mentres a lexislación estatal encarreira a súa recta final, este martes chegaban boas novas neste sentido da banda dun dos xigantes do sector, Netflix.
A plataforma disponse a incorporar unhas 200 horas de contido subtitulado ao galego e outras 20 de dobraxe para filmes e series "para público infantil e familiar"
Segundo adiantou a propia empresa a varias axencias de noticias e confirmou a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, Netflix incorporará o galego a uns 70 títulos internacionais do seu catálogo durante este 2022. "É posible -di Política Lingüística- despois de varias conversas que o Goberno galego mantivo con representantes da compañía estadounidense en España na procura do obxectivo común de levar a lingua galega ata o mundo da televisión á carta".
Segundo a información adiantada pola compañía e confirmada pola SXPL, a operación atinxe ás tres linguas cooficiais do Estado diferentes do castelán. Durante 2022 incorporaranse á plataforma "unhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas" e arredor de 60 horas "de contido para o público infantil e familiar dobradas ao galego", isto é, 200 horas de subtítulos e unhas 20 de dobraxe para o galego.
A Mesa aplaude o anuncio de Netflix e Política Lingüística e agarda que a futura lei audiovisual do Estado "camiñe no mesmo sentido"
"Os títulos -especifica- non se publicarán todos á vez, senón á medida que vaian estando dispoñibles no servizo" e eses arredor de 70 filmes e series "estarán listo para finais do 2022". Quedarán por tempo indefinido no catálogo de Netflix, "mentres a película ou serie se manteña" nel. Entre os títulos que fan parte desta decisión, adianta, inclúense series como Emily in Paris ou estreas inminentes, caso de The Mother, The Sandman, Garra ou a versión de Pinocho realizada por Guillermo del Toro.
A noticia foi ben acollida n'A Mesa pola Normalización Lingüística, que vén impulsando diversas campañas nos últimos meses a prol de incorporar novos contidos en galego a estas plataformas, coa reforma da lei audiovisual como contexto. Para o presidente desta entidade, accións como a Iniciativa Xabarín e a unanimidade ao seu redor no Parlamento foron "o motor dun acordo útil para o galego e útil para todas as linguas do Estado", o cal demostra que "a unidade pola lingua é o mellor axente normalizador".
Revela A Mesa que este acordo terá a forma de convenio -non transcendeu, polo momento, a súa dotación orzamentaria, caso de tela- e subliña que "o acordo da Xunta e Netflix chega en pleno debate sobre a lei audiovisual". O colectivo agarda que esa norma "camiñe tamén no sentido" deste pacto ou da disposición da TVG a "dispoñibilizar a súa plataforma audiovisual coa canle Xabarín neste ano".