Dous terzos da poboación galega ven insuficiente a oferta audiovisual en galego para a rapazada

Un usuario dunha plataforma dixital, co mando a distancia CC-BY-SA Glenn Carstens-Peters

Dous terzos das persoas consideran insuficiente a oferta en galego en contidos audiovisuais e máis da metade cre que non é dabonda en música ou televisión

Arredor de dous terzos da poboación en Galicia considera insuficiente a oferta en galego para os menores de 16 anos de contidos audiovisuais (o 66,1% das persoas consultadas), de xogos e vídeoxogos (66,2%) e de espectáculos (65%). Ademais, a metade ou máis tamén cre que non é dabondo a oferta que na lingua propia hai para a rapazada na música (54,4%), museos (54,1%) ou televisión (49,6%). 

Estas son algunhas das conclusións do informe Oferta, demanda e prácticas culturais nos menores de 16 anos, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), e presentado en rolda de prensa este venres pola presidenta da institución, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o coordinador do Observatorio, Hakan Casares.

Valentín García, Rosario Álvarez e Hakan Casares, na presentación do informe © CCG

Máis do 75% das persoas consultadas que viven con menores considera insuficiente a oferta en galego en contidos audivisuais, xogos e vídeoxogos

Nas conclusións do informe, que "constata a demanda crecente de produtos culturais en galego", indícase que entre as variables que inflúen na percepción de que a oferta en galego sexa escasa son o grao de equipamento cultural dos fogares e o uso de plataformas dixitais, como no caso de quen ve insuficiente a oferta de cine, televisión, audiovisuais e xogos na lingua propia. Asemade, a idade tamén inflúe, polo que, canto máis novas son as persoas, en maior medida ven escasa a oferta en galego de cine en sala, música, televisión e xogos e videoxogos.

Ademais, o informe conclúe a "importancia" de destacar que, segundo os datos recollidos, as persoas que viven con menores perciben en maior medida como insuficiente a oferta cultural en galego para a rapazada. Así, o 75,1% destas considéraa insuficiente no que ten que ver nos contidos audiovisuais, mentres que o 78% faino en relación á presenza da lingua nos xogos e vídeoxogos. 

Alén disto, "a percepción de que a oferta de produtos culturais en galego para a cativada é escasa tende a aumentar coa presenza do galego na lingua habitual das persoas entrevistadas. Tal é o caso da percepción da oferta en lingua galega de libros, espectáculos, música, museos, exposicións e televisión", destaca o informe, realizado sobre unha mostra de 900 entrevistas telefónicas. 

"O feito de estar en galego non retrae o consumo cultural e canto maior é a oferta, máis se estimula a demanda”, destaca Rosario Álvarez

Por outra banda, a valoración que fai a poboación galega con respecto á oferta cultural en Galicia "atópase por riba do aprobado, e situase nun 6,15” conclúe tamén o estudo, que apunta que naqueles sectores nos que é escasa a oferta cultural en galego, nomeadamente cine e videoxogos, constátase un menor consumo nesta lingua e que constata que a cidadanía demanda máis oferta en practicamente todos os produtos analizados.

“O informe deixa conclusións moi positivas, como que o feito de estar en galego non retrae o consumo e que canto maior e a oferta, máis se estimula a demanda” asegurou Rosario Álvarez, mentres que Valentín García engadiu o feito de que “é de destacar que a demanda en galego medra". "Aínda que tamén vimos que non é igual en todos os sectores, xa que se o do sector do libro está máis equilibrado, a oferta na nosa lingua é escasa no cine en sala e nos videoxogos”, reiterou. 

Sala de cine Numax, en Santiago de Compostela, na reapertura pola pandemia en xuño de 2020 © Numax

A valoración que a poboación fai da oferta cultural galega é dun 6,15, pero a cifra baixa ata os 5,6 nos produtos ddestinados a menores e ao 5 se é en galego

Así,  informe destaca que a valoración que a poboación fai da oferta cultural galega é dun 6,15, pero a cifra baixa ata os 5,56 se eses produtos están destinados a menores de 16 anos e baixa aínda máis, ata 5 puntos, se a oferta está en lingua galega. 

A puntuación varía tamén se lle engadimos outras variables, como a da idade (os máis novos ofrecen as puntuacións máis altas), xeográfica (os datos son peores nas provincias de Lugo e Ourense), os niveis de estudo das persoas enquisadas (cando maiores son os estudos, a valoración máis baixa) e o equipamento cultural nos seus fogares ( se a casa ten libros, smart tv, pc de sobremesa ou portátil, tableta, consola... a oferta é valorada como baixa). Os autores do estudo aseguran que “a oferta é estimada máis negativamente cando esa cidadanía está máis atenta á oferta e maior coñecemento ten dela”

O estudo ve patróns claros que explican que características sociais inciden no consumo de cultura entre a mocidade. A primeira delas é a educación das persoas, que se percibe claramente na lectura de libros, asistencia a museos, exposicións e espectáculos. Pero non é o único, xa que polas cifras pode concluírse que en consumo cultural o exemplo é fundamental. “A tendencia a consumir cultura entre as e os rapaces aumenta se as persoas que conviven con eles tamén consomen cultura”,  conclúe.

O 37% da rapazada di non escoitar música en galego e o 90% asegura non ir nunca ao cine a ver filmes en lingua galega

Outra das tendencias claras que se aprecian dos datos é que “existe un patrón común que afecta a todos os tipos de produtos e servizos culturais analizados, que consiste en que o consumo de produtos en galego é sempre inferior ao consumo en xeral”.  Música, televisión, libros, contidos audiovisuais (cine, series vídeos...) e xogos (nomeadamente videoxogos) son consumidos por practicamente a totalidade da mocidade pero con moita menos intensidade en galego. E achega diferencias significativas. Por exemplo, o 5,2% da cativada non escoita música e esa cifra medra ata o 37,4% cando se pregunta se escoitan música en galego. Pasa tamén nos xogos, o 15,2% dos enquisados aseguran non xogar nunca e a cifra é o 73,1%  no momento en que se pregunta se é en galego. E en ambos casos a explicación é, segundo revela o estudo, por falta de oferta.  

Instalacións do Museo do Videoxogo de Cangas © MUVI

O informe tamén revela que a asistencia o cine é moi baixa en xeral, un 69,9%, e moito máis aínda se as proxeccións filmes están en galego: nove de cada dez aseguran non ir nunca ao cine en galego. Ese dato está directamente relacionado con outro: as salas de cine encabezan o conxunto de prácticas culturais nas que non hai oferta e nas que isto condiciona o seu consumo

O estudo dedica tamén unha epígrafe a analizar a vontade de agasallar en lingua galega, cuxos resultados se avanzaron parcialmente o pasado mes de decembro, tal e como debullou Praza.gal. En termos xerais, os datos obtidos amosan que a poboación galega ten boa disposición a agasallar contidos culturais aos menores (7,9 puntos, nunha escala de 0 a 10), e ese interese sitúase nun 7,6 se falamos de contidos culturais en lingua galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.