Máis do 50% da poboación que é audiencia habitual da televisión, da radio e de xornais impresos e dixitais di desexar máis contidos en galego
Case catro décadas despois de que o Estatuto de Autonomía encomendase aos poderes públicos de Galicia "potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa", a lingua galega é minoría absoluta nos medios de comunicación. O galego só é o idioma de uso habitual, alén da CRTVG, nuns poucos xornais e publicacións periódicas, así como nalgunhas emisoras de radio.
Así o acreditan os datos que vén de divulgar o Instituto Galego de Estatística (IGE) referentes ao ano 2018. Así e todo, a oficina estatística pública tamén revela outro dato: máis da metade audiencia dos medios de comunicación desexa máis contidos en galego, mesmo en maior proporción que hai media década, primeira vez que o IGE realizou esta pregunta.
Máis do 50% da poboación que é audiencia habitual da televisión, da radio, da prensa impresa e dos medios dixitais, así como lectora de libros, responde afirmativamente á pregunta de se desexaría máis contidos en galego. No caso da televisión esta proporción supera ao 60%, cifra á que se achega a radio. A respecto da prensa impresa, dos medios en internet e dos libros a incidencia é superior ao 55%.
A maior proporción de consumo de contidos en galego dáse na televisión, segundo o IGE, e non chega nin ao 20% da audiencia
Pero neste, como en tantos outros casos, desexos e realidade non cadran nin de lonxe. O castelán é maioritario na consulta habitual de información en todos os soportes, especialmente na información en internet e nos xornais impresos. A maior proporción de consumo de contidos en galego dáse na televisión, segundo o IGE, e non chega nin ao 20% da audiencia.
A respecto da anterior edición do estudo, en 2013, o único indicador que mellora para o galego é o da consulta de internet, onde aumenta a proporción de poboación que di facelo sempre ou maioritariamente en galego. Así e todo, a suma destes dous indicadores é absolutamente minoritaria e entre ambos apenas superan o 5%.