O Goberno central aprobou este martes o proxecto de Lei Xeral de Comunicacion Audiovisual, logo do acordo alcanzado con ERC na negociación dos Orzamentos, e que inclúe unha cota do 6% do contido do catálogo das plataformas en linguas cooficiais alén do castelán (galego, éuscaro e catalán), aínda que só poderá ser aplicado a empresas con sede fiscal en España, polo que Netflix, HBO ou Amazon Prime non estarían afectadas.
A cota do 6% do contido do catálogo das plataformas para o galego, vasco ou catalán só atinxe as empresas con sede en España
Si afectaría a cota a plataformas como Movistar +, Filmin, FlixOlé, Atresplayer ou Mitele pero non ao resto de multinacionais do sector de fóra de España, tal e como aclararon fontes do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a varios medios.
E non é posible porque así o impón a Comisión Europea, xa que a directiva comunitaria que ampara esta cota recolle o principio do Estado de orixe. Xa que logo, ás plataformas aféctalles a lexislación de alí onde teñan a súa sede, polo que o 6% só obrigará aos prestadores de servizos radicados en España.
A norma, que agora pasará ao Congreso para iniciar o trámite parlamentario, recibirá as emendas de ERC, que xa advertiu do seu desacordo con que a cota non afecte a todas as plataformas. Nadia Calviño, ministra e vicepresidenta económica, aclarou en rolda de prensa que o proxecto poderá incorporar "melloras" e "axustes" logo do seu paso pola Cámara Baixa.
"Logramos un bo equilibrio entre o impulso á produción nacional, a emisión en linguas cooficiais e o forte apoio ao sector audiovisual e a atracción de investimentos e talento ao noso país", dixo.
O texto incorpora ao Dereito español a Directiva euruopea de Servizos de Comunicación Audiovisual e o propio Executivo aclara que as plataformas audiovisuais "deberán reservar un 30% do seu catálogo a obras europeas". "A metade (15%) deberán ser obras en linguas cooficiais en España e, desa subcota, o 40% deberán ser obras audiovisuais nalgunha das linguas oficiais das comunidades autónomas", di, sen aclarar aínda como será a repartición entre galego, vasco e catalán.
Ademais, o texto tamén establece que aquelas comunidades con lingua oficial "poderán regular obrigas adicionais para os prestadores de servizo público de comunicación audiovisual nos seus correspondentes ámbitos autonómicos". Tamén se aclara que se prevé "a posibilidade de establecer programas de axudas ao subtitulado ou dobraxe de obras audiovisuais" en galego, éuscaro e catalán.
A Mesa lamenta que a norma "non recolla a petición unánime de equidade expresada en múltiples ocasións polas forzas políticas galegas"
Pola súa banda, desde A Mesa pola Normalización Lingüística lamentan que o acordo acadado "non recolla a petición unánime de equidade expresada en múltiples ocasións polas forzas políticas galegas", logo de afirmaren que "ningún acordo en Madrid sobre o audiovisual será suficiente se non se chega ao solicitado en maio polo Parlamento galego”.
"Fronte ao actual 0,1% de producións en galego nos catálogos das grandes plataformas audiovisuais baixo demanda", recoñece o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "calquera posíbel inclusión do galego nas cotas de emisión, aínda que sexa diluído no conxunto máis amplo das denominadas linguas cooficiais diferentes do castelán, é un avance". "Porén", matiza, "é preciso lembrar como se foi reducindo desde 1985 (data de creación da CRTVG) a porcentaxe global de contidos de televisión en galego". Pasamos do 33% de 1985, ao 20% de 1992 ao 0,05% de 2021, de ter en conta a irrupción das plataformas que ademais aumentan e actualizan continuamente o seu catálogo.
"Co 6% de cota fixada para galego, éuscaro e catalán", advirte Maceira, "a equidade no tratamento das linguas ficaría moi lonxe e mesmo pode ficar en nada se non garantiren condicións equitativas de acceso ao financiamento, polo momento só garantido para as producións en castelán". "Existe ademais", explica, "o perigo de pretender encher ese 6% exclusivamente con contidos xa producidos, o que engadido ao anterior, limitaría o acceso á cota fixada a novas producións".
"Se non se introducir ningunha modificación que garanta o financiamento anticipado para as linguas diferentes do español a través dos artigos 115, 116 e 117 do anteproxecto de Lei é a opción máis probábel", conclúe. Outra das reivindicacións da Mesa é a necesidade de incorporar a dobraxe e da lexendaxe en galego, de xeito inmediato, ás novas producións.
A Mesa lembra que no pasado mes de maio o Parlamento galego aprobou por unanimidade a Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa e avalada por máis de 33.000 sinaturas. Nela solicitábase "que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda". Tamén reclamaba da Corporación de Radio Televisión Española "que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego", nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa app.
Ademais, nas alegacións presentadas sinalábase a necesidade de "garantir a recepción mutua entre Galiza e Portugal", segundo o contemplado na Carta Europea das Linguas e o aprobado polo Congreso o febreiro pasado como punto da PNL pola igualdade promovida pola Mesa e outras entidades de defensa das linguas do Estado.