Cota nas plataformas audiovisuais ou fondos para a dobraxe: o pulo ao galego do pacto ERC-Goberno central

Un usuario dunha plataforma dixital, co mando a distancia CC-BY-SA Glenn Carstens-Peters

ERC anunciou este martes un acordo co Goberno central para establecer que "unha cota do 6% do contido audiovisual nas plataformas audiovisuais", como Netflix, HBO, Filmin ou Prime Video, "sexa en linguas cooficiais" que non sexan o castelán. Así o anunciou o portavoz republicano no Congreso, Gabriel Rufián, e confirmou logo a ministra de Política Territorial e portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez. 

O acordo entre ERC e o Goberno central asegura que "unha cota do 6% do contido audiovisual nas plataformas audiovisuais sexa en linguas cooficiais"

O pacto permite o voto afirmativo de Esquerra aos Orzamentos tras unha "negociación en paralelo" sobre a nova lei audiovisual, que non está incluída nas Contas, pero cuxo debate previo foi clave para a súa futura aprobación e pode selo tamén nalgúns avances para a lingua galega. 

Á espera dos detalles concretos do acordo entre ERC e o Goberno, do texto da nova normativa e da súa tramitación, Rufián aclarou que "de cada 100 películas ofertadas en plataformas, 30, por directiva comunitaria, teñen que ser en lingua europea e destas, a metade teñen que ser en linguas oficiais do Estado". O 40% desas obras en linguas estatais serán en idiomas cooficiais e o 60%, en castelán. 

Gabriel Rufián, nunha rolda de prensa no Congreso dos Deputados CC-BY-SA ERC

"Iso significa que o 20% das películas europeas teñen que ser e serán en catalán, en galego e en éuscaro. O 20% do catálogo europeo ofertado será en linguas cooficiais", insistiu Rufián.

ERC di que o acordo supón que o 20% das obras europeas serán en catalán, galego e éuscaro, pero non aclara como será a distribución neses idiomas

En definitiva, seis de cada cen filmes serán en lingua galega, catalá e vasca, pero falta por saber se a repartición será equitativa ou nesa cota incluirase calquera produción nun idioma cooficial, independentemente da orixe. A distribución concreta ou non dos contidos que se fornecerán en cada unha das linguas será un dos aspectos a debater a partir do anteproxecto da lei que será tramitado no Congreso e que chegará ao Consello de Ministros antes de final de ano. 

ERC aclara tamén que, en canto ao financiamento anticipado de obra independente, a lei preverá por primeira vez destinar á produción en linguas cooficiais un 10% dos fondos que recade o Instituto de Cinematografía de Artes Audiovisuais a través do imposto do 5% que a norma fixa para as plataformas privadas e o 6% para as públicas.

Ademais, garante que o mínimo do 15% da producion de televisión lineal pública do Estado sexa en galego, éuscaro ou galego. 

No que ten que ver co contido dobrado ou subtitulado en galego, catalán ou vasco, Rufián asegurou que "todo, se existe, deberá ser ofertado", destacando a importancia deste acordo porque, aclarou, as plataformas audiovisuais non tiñan esa obriga. 

O 10% dos fondos recadados cos impostos ás plataformas irán á produción en linguas cooficiais e crearase un fondo para promover a dobraxe e os subtítulos

Para logralo, ERC asegura que pactou co Goberno central a creación dun fondo de promoción dos idiomas cooficiais para incluír nas plataformas a dobraxe e a subtitulación existente e para "garantir e promover novas dobraxes e subtitulacións que as plataformas deberán incorporar aos seus catálogos". 

Gabriel Rufián aclarou que o pactado este martes é só "un acordo de mínimos" sobre o que se seguirá traballando porque "todo é mellorable" na futura lei do audiovisual. Con todo, e xa dentro do principio de acordo para a mellora dos Orzamentos do Estado, ERC anunciou que se consigna unha partida para a creacioón dun fondo de ata 10,5 millóns de euros para "incentivar a creación de contidos audiovisuais en linguas cooficiais diferentes do castelán". 

Campaña d'A Mesa pola Normalización pola presenza do galego no audiovisual CC-BY-NC-SA A Mesa pola Normalización Lingüística

O pacto chega menos de dous meses despois de que o Parlamento de Galicia aprobase por unanimidade reclamar que esa nova Lei xeral do audiovisual estatal garanta a presenza do galego e "recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda".

A Mesa recoñece "avances importantes" pero cre que o proxecto "non garante condicións de equidade no tratamento das linguas cooficiais"

Agora, ante o pacto asinado, a Mesa recorda "a petición unánime de equidade expresada en múltiples ocasións polas forzas políticas galegas", tamén en maio pasado, e aclara que "ningún acordo en Madrid sobre o audiovisual será suficiente, se non se chega ao solicitado en maio polo Parlamento galego”.

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, tendo en conta o que se coñece do acordo e malia que "se producisen algúns avances importantes", o proxecto "non garante condicións de equidade no tratamento das linguas cooficiais". “O galego non é o 6%, 10%, ou 90% de lingua que o castelán, é igual de lingua e por tanto debe ser tratado igual”, recorda.

Segundo os cálculos da Mesa, perto de 1.400 producións das seis principais plataformas estarían reservadas ás linguas galega, vasca e catalá

A Mesa aclara que o acordo "non especifica linguas da lexendaxe nen audiodescricións na televisión lineal, a de acceso condicionado ou baixo demanda" ou que ese 6% de cota é, en principio, "para partillar entre galego, éuscaro e catalán" sen maior especificación. 

Segundo os cálculos da entidade en defensa da lingua, e tendo en conta as cotas asignadas, perto de 1.400 producións das seis principais plataformas (Netlfix, Prime, Disney+, HBO, Movistar e Filmin) esterían destinadas ás linguas galega, vasca e catalá

Con todo, a Mesa anuncia que manterá a campaña a favor do audiovisual en galego e dirixirase de novo a todos os deputados e deputadas por Galicia "na procura da introdución de emendas que melloren a proposición de Lei tomando como base o acordo do Parlamento galego".

Menú de acceso a diferentes plataformas audiovisuais CC-BY-SA Nicolas J. Leclercq

No acordo unánime a Cámara solicitaba a "que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda". Tamén reclamaba da Corporación de Radio Televisión Española "que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego", nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa app.

Ademais, nas alegacións presentadas pola Mesa ao Anteproxecto de Lei do Audiovisual sinalábase a necesidade de "garantir a recepción mutua entre Galiza e Portugal", segundo o contemplado na Carta Europea das Linguas e o aprobado polo Congreso o febreiro pasado como punto da PNL pola igualdade promovida pola Mesa e outras entidades de defensa das linguas do Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.