"Un novo futuro para a lingua". É o lema baixo o que a plataforma Queremos Galego anima a manifestarse en Santiago o vindeiro Día das Letras. Acompañados por representantes do sector audiovisual, integrantes da plataforma impulsada dende A Mesa pola Normalización Lingüística presentaron este 28 de abril unha mobilización que, di, pretende "evidenciar que a situación do galego non é irreversíbel" porque "hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa".
A presenza do audiovisual no pórtico desta mobilización, explican dende Queremos Galego, débese aos "avances que se conseguiron" nos últimos meses para o idioma neste eido "pola perseverancia e esforzo do pobo". Neste sentido, cita Marcos Maceira, voceiro do colectivo, cómpre destacar "a incorporación ao galego ao catálogo de Netflix", en referencia á ampliación de títulos dobrados ou subtitulados.
Fitos coma este, sinalan, fortalecen a reivindicación de poder "vivir en galego, agora e sempre" e a necesidade de facer viables as "solucións que propón a sociedade galega", tales como "a iniciativa polo audiovisual galego" impulsada baixo o nome do Xabarín Club. "Para que frutifiquen, cómpre que os gobernos galego e español abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza e dispoñibilidade en todo e para todo", subliñan.
A plataforma sinala que logros como unha maior presenza do galego nas plataformas audiovisuais dixitais fortalecen a reivindicación de "poder vivir en galego, agora e sempre" e a esixencia de que a Xunta "exerza as súas responsabilidades na defensa da lingua"
Neste sentido, agregan, o vindeiro 17 de maio a plataforma tamén reiterará que "a sociedade galega está soa, sen institucións que a amparen na defensa da lingua". Neste sentido, salientarán que "é hora de que isto mude e de que os poderes públicos, comezando polo novo presidente da Xunta", en referencia a Alfonso Rueda, "abandonen a súa política de agresión sistemática ao galego e comecen a exercer a súa responsabilidade na defensa dos intereses de Galiza e da súa lingua".
Ademais de Maceira e outros representantes de Queremos Galego, na presentación da mobilización participaron integrantes de diferentes colectivos do sector audiovisual, tales como Andrés Bellas, da asociación de dobraxe APRADOGA, Xosé Lois Ledo, da Asociación Galega de produtoras Independentes (AGAPI) ou Toni Salgado e Xosé Barato, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Como en anteriores edicións desta mobilización, avanzan, Queremos Galego habilitará un servizo de autobuses para o traslado a Santiago, cuxos horarios e percorridos serán divulgados no sitio web da plataforma.