Dez anos do primeiro recorte á protección legal do galego na historia da autonomía

Imaxe da xuntanza do Consello da Xunta do 30 de decembro de 2009 e fragmento do comunicado co que o Goberno galego divulgou as "bases" do decreto CC-BY-NC-SA Praza Pública

Era o penúltimo día do ano e sospeitábase que o novo goberno do PP na Xunta podería aproveitalo para avanzar algo dos seus plans en materia lingüística. E así foi. Aquel 30 de decembro de 2009, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo convocou por sorpresa un Consello en sesión de tarde e nun escenario inédito, a sala do complexo de San Caetano reformada en tempos da coalición de PSdeG e BNG, a mesma que o PP sinala como sinónimo de "luxo asiático" e "sultanato". Estaba en marcha -ou semellaba estalo- o primeiro recorte á protección da lingua galega na historia da autonomía.

Aquel 30 de decembro de 2009 Feijóo convocou por sorpresa o Consello nun escenario inédito para anunciar que Galicia se dispuña a "pasar" do "monolingüismo" e a "imposición" nas aulas á "normalidade", a "cordialidade" e o "trilingüismo"

En realidade, naquela tarde de decembro a Xunta non aprobou nada sobre a lingua. Só deu a coñecer un informe -documento sen valor xurídico ningún- que titulou Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Os seus trazos principais expuxéranos ante a prensa o daquela conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o propio presidente. Alberto Núñez Feijóo proclamou que Galicia se dispuña a "pasar dun decreto que abría a porta ao monolingüismo" e "no que se impoñía aos rapaces a lingua na que se tiñan que expresar" a outro baseado na "normalidade" a "cordialidade" e o "trilingüismo", porque introducía o inglés.

Feijóo e o daquela conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, presentando as "bases" do decreto plurilingüe o 30 de decembro de 2009 © Xoán Crespo

Naquela intervención pública -na que obviou mencionar que o que o Consello si aprobara fora pagar un millón de euros para mercar un informe sobre a fusión de Caixanova e Caixa Galicia- Feijóo tamén avanzou que o decreto recollería o cumprimento dunha promesa electoral: "os pais van decidir" a lingua do ensino, proclamou, mediante "unha consulta que se realizará cada catro anos e que orientará a repartición horaria" de materias entre linguas. Reproduciríase así a enquisa que a Consellería de Educación realizara nos meses previos e cuxos resultados íntegros non divulgara.  O carácter vinculante desa enquisa foi un dos aspectos do decreto que acabaría tombando a xustiza.

Tras aquel Consello -que en realidade, non aprobara nada sobre lingua- Feijóo tamén asegurara que "os pais van decidir" sobre a presenza de castelán e galego no ensino, pretensión despois tombada pola Xustiza

En realidade, o decreto non foi aprobado ata maio de 2010. Chegou ás aulas no curso 2011-2012, momento no que comezou a aplicarse o primeiro retroceso á promoción da lingua propia de Galicia no ensino dende a existencia da propia Xunta de Galicia. Contradíxose así o espírito da Lei de Normalización Lingüística, que sinala o carácter "progresivo" da recuperación do uso do idioma, e tamén a letra do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade aínda en tempos de Fraga e transcrito no anterior decreto sobre as linguas no ensino, o que en 2007 estipulou un mínimo do 50% das materias en  galego. Foi daquela cando Educación deu en admitir que en realidade, mentres afirmaba que o galego era maioritario no ensino detectara xusto o contrario.

Os resultados

Os resultados daquel recorte á protección do galego no ensino son obvios unha década despois, segundo recentes análises cuantitativas e cualitativas. Entre elas non está a avaliación formal dos resultados do decreto por parte da Xunta, que o Goberno galego sempre se resistiu a divulgar.

Así, por exemplo, o Consello da Cultura Galega acreditaba en 2017 como o mito da "imposición do galego" que o propio Feijóo contribuíra a axitar chegou a callar entre a poboación máis moza. Nun sentido semellante, a Real Academia Galega subliñaba o pasado 2018 que a escola está a actual como un axente "desgaleguizador".

O impacto daquel decreto vén de volver ser fortemente criticado polo Consello de Europa. "Alá os autores do informe", despachou o presidente

Análises como a da RAG foron recollidas polo Consello de Europa, que na súa última avaliación sobre o grao de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias reclamou a "inmediata" eliminación das "limitacións á docencia en galego". O presidente da Xunta, pola súa banda, optou por desdeñar o estudo: "Alá os autores do informe", despachou ao ser preguntado ao respecto.

Tamén os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística permiten observar que o uso da lingua enfraqueceu entre a poboación en idade escolar nesta década e se estancou entre as persoas que daquela estaban nas aulas do ensino público. Así, arredor do 20% das mozas e mozos que en 2018 tiñan entre 15 e 29 anos falan "sempre" en galego, proporción semellante á de hai unha década. No entanto, quen falan "máis galego que castelán" pasaron do 24% a apenas o 18% e quen utilizan o castelán "sempre" pasaron do 25% ao 31%.

O panorama correspóndese pouco co augurado con Feijóo aquel 30 de decembro de 2009, cando dera por feito un equilibrio entre idiomas grazas ao seu decreto. "Se hai desaxustes será probablemente por problemas pedagóxicos, non do decreto", dixera, trasladando así eventuais disfuncións a cada colexio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.