O búmerang lingüístico vénlle de volta a Feijóo dez anos despois da súa cruzada electoral

Feijóo, no plenario extraordinario da RAG polo Día das Letras do 2019 en Cotobade CC-BY-SA Xunta

O vindeiro 30 de decembro cumpriranse 10 anos dende que a Xunta citou por sorpresa e nun horario inédito á prensa na nova sala de prensa do complexo de San Caetano. Alberto Núñez Feijóo ía estrear a instalación que sinalara dende a oposición como mostra do suposto "luxo asiático" do que gozara o fugaz goberno de PSdeG e BNG. E íao facer para anunciar as "bases" dun futuro "decreto do plurilingüismo" que substituíse a norma que, dende dous anos antes, fixaba un mínimo do 50% das materias escolares en galego, desenvolvendo o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade en tempos de Fraga.

O vindeiro día 30 cumpriranse 10 anos do día en que Feijóo anunciou o inicio da contrarreforma lingüística; aquel día a Xunta non aprobara nada ligado á lingua, pero si unha achega dun millón de euros para un informe sobre as caixas que non fixo pública

En realidade, aquel Consello non aprobou absolutamente nada a respecto da lingua. Só tivera sobre a mesa un informe para escenificar o inicio dun proceso que non tería consecuencia xurídica ningunha ata seis meses despois, cando si comezou a contrarreforma. O que si aprobara fora pagar un millón de euros á consultora KPMG para elaborar un informe sobre a fusión de Caixa Galicia e Caixanova, que a Xunta impulsaba. Pero o goberno de Feijóo non revelara nada ao respecto.

Dez anos despois daquel simbólico acto, no que a posta en escena da fin dunha suposta "imposición" do galego e dun "modelo monolingüe" no ensino público -dixera Feijóo- servira para tapar unha operación económica aínda por aclarar, a cruzada lingüística que o PP galego emprendera naquel tempo regresa, a xeito de búmerang político, contra o presidente da Xunta. Faino por dúas vías. Unha, a da constatación internacional de que o seu decreto plurilingüe prexudicou notablemente ao galego nas aulas. Outra, que non lle serviu para acalmar á extrema dereita da que pode acabar dependendo o Goberno galego en 2020.

Manifestación de Queremos Galego o 21 de xaneiro de 2010, en pleno proceso de elaboración do novo decreto CC-BY-SA BNG

O Consello de Europa constata os "límites" ao galego no ensino

O reproche europeo máis recente -que non o primeiro- chegaba nos primeiros días de decembro. Nunha nova avaliación do grao de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, tratado internacional rubricado polo Reino de España no ano 2001, con Aznar no Goberno central, o Comité de Expertos constatou diversos incumprimentos en Galicia derivados daquela medida inaugural de Feijóo. 

O Consello de Europa constata o incumprimento da Carta das Linguas e reprocha atrancos como o veto a "impartir as grandes materias científicas en galego"

"A presenza do galego é insuficiente no ensino, especialmente a nivel preescolar", destacou a revisión do Consello de Europa, que pediu ás claras "eliminar as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación precisos", recollendo de xeito case literal as reclamacións que lle transmitira a Real Academia Galega. En Galicia, lamenta o documento, segue a estar legalmente vetado "impartir as grandes materias científicas en galego" e "ningún centro de preescolar, primaria ou secundaria" ten a posibilidade de ensino integral ou maioritariamente en galego.

Como tamén advertiran ao Consello entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística, a entidade supranacional constata a súa preocupación polos "últimos estudos sociolingüísticos" nos que quedou en evidenica que "a transmisión do idioma de pais a fillos xa non está garantida". Este treito do estudo refírese aos datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), que nas grandes cifras amosaban que o galego resiste como lingua maioritaria da metade da poboación, se ben unha ollada polo miúdo acredita que esa resistencia se asenta, fundamentalmente, na poboación maior de 50 anos.

Esa quebra da transmisión xeracional do galego acreditou con números o que a realidade cotiá xa amosaba nos tempos en que o PP de Galicia, ante o temor á irrupción da daquela incipiente UPyD no electorado urbano, axitou a pantasma da suposta "imposición" do galego e teóricos riscos para a supervivencia do castelán en Galicia. Non en van, entre a poboación de 15 a 29 anos, a que daquela transitaba polo ensino obrigatorio, quen falan en galego "sempre" ou "máis galego que castelán" apenas superan o 18% e quen o fan "sempre" en castelán" ou "máis" en castelán superan o 30%.

As críticas pola (extrema) dereita

Política Lingüística veu apostando nos últimos tempos pola "dinamización" do galego en eidos como o deporte ou as actividades de lecer

Diante destas cifras, a Secretaría Xeral de Política Lingüística do Goberno galego, dirixida por Valentín García -de perfil político notablemente afastado das teorías da "imposición"- vén apostando dende hai meses pola "dinamización" do idioma entre a mocidade en eidos alleos ás aulas, tales como o deporte ou as actividades de lecer. Esas son as bases do plan elaborado ao respecto por este departamento, que pon tamén o foco na xente nova neofalante, a que foi educada en castelán e opta por pasar ao galego despois da infancia.

O búmerang vén de volta por dúas vías, unha delas máis arriscada para as políticas públicas de promoción do galego

Medidas coma estas, algunhas semellantes ás que eran sinaladas polo propio PPdeG na oposición como parte dun proxecto político nacionalista e "monolingüe" son as que agora suscitan críticas contra os de Feijóo entre as filas da extrema dereita de Vox. Cargos como Santiago Abascal ou o deputado e concelleiro madrileño Javier Ortega Smith atacan ao presidente da Xunta dende hai meses asegurando que, en realidade, é un "nacionalista" galego no ámbito lingüístico. 

O búmerang vén de volta pero unha das vías preséntase como máis arriscada para as políticas públicas de promoción do galego que a outra: na contorna do PPdeG xa poucos se atreven a desbotar que, unha vez amortizado Ciudadanos, a única posibilidade de que a esquerda non goberne Galicia a partir de 2020 pase, precisamente, por Vox.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.