O PP acompañou o seu retorno ao Goberno galego, hai unha década, con promesas de diversas restricións á lingua galega na Administración, moi especialmente no ensino. Algunhas daquelas medidas foron perdendo énfase -cando menos, no eido simbólico- nos últimos anos, pero outras seguen vixentes e asentadas. Moi especialmente no caso do ensino e do decreto que, en 2010, substituíu ao que desenvolvía o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, asegurando un mínimo do 50% das materias en galego.
O Consello de Europa pide que "de inmediato se eliminen as limitacións á docencia en galego" nun informe que a RAG aplaude e Feijóo desdeña
Esa norma foi especialmente criticada por diversas entidades de defensa da lingua e tamén por institucións como o Consello de Europa, que a pasada semana volvía cargar abertamente contra a Xunta por "limitar" a docencia en galego. No seu informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, tratado institucional subscrito polo Reino de España en 2001, a entidade supranacional pedía ademais que "de inmediato se eliminen as limitacións á docencia en galego en todos os niveis do ensino".
Na Presidencia da Xunta ese diagnóstico foi acollido con desdén. "Alá os autores do informe", despachou Alberto Núñez Feijóo, mentres dende San Caetano se reiteraba que eses autores descoñecen a realidade galega. No entanto, este luns unha das institucións do país que achegou información ao Comité de Expertos que elaborou o informe, a Real Academia Galega, constataba que o reflectido no documento foi o recollido en Galicia e instaba a Xunta a actuar en consecuencia.
As conclusións do Consello van na liña das manifestadas pola propia RAG a esta entidade supranacional, subliña
Conclusións como a necesidade de "eliminar as limitacións do ensino en galego en Galicia", sinala a RAG, van na liña das "manifestadas no informe que esta institución presentou no seu día ante o Comité de Expertos do Consello de Europa". Nel, subliña a institución que preside Víctor Freixanes, a Academia pedía ademais que o Comité de Ministros do Consello de Europa aprobase, como así fixo, unha "recomendación específica para que o Goberno galego remova os obstáculos normativos que impiden o establecemento dunha oferta educativa completa ou principalmente en lingua galega".
O Consello de Europa deixa claro que "a normativa sobre o uso do galego vixente no noso país se atopa en flagrante contradición" coa Carta Europea das Linguas, salienta a RAG
O que piden, subliña a RAG, non é máis que o cumprimento do estipulado na Carta das Linguas, compromiso que "non só non foi cumprido". Ben ao contrario, lamentan, dende 2010 "a normativa sobre o uso do galego vixente no noso país atópase en flagrante contradición con el". Non en van, censuran, "restrinxe o uso a un máximo do 50% do currículo", cifra que xa mingua ata "unha porcentaxe menor nos centros plurilingües", quedando ademais "totalmente excluído" en "materias como as matemáticas, a física e a química".
Dada a necesidade de cumprir a Carta, pero tamén tendo en conta o que a RAG define como un "alarmante retroceso do noso idioma na poboación infantil e na mocidade", a institución académica volve pedir que a Xunta siga "as recomendacións" do informe do Consello. "É hora -conclúe-. de honrar os compromisos contemplados na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias para que Galicia se dote dun modelo educativo que garanta os dereitos dos galegofalantes e asegure a vitalidade do noso idioma".