Domingo Fontán, protagonista no Día da Ciencia e nas escolas

Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán Dominio Público Praza Pública

O vindeiro luns 8 de outubro celébrase o Día da Ciencia en Galicia, que nesta ocasión homenaxeará a Domingo Fontán, científico, matemático e xeógrafo. Só cinco días antes, este pasado mércores, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentou a unidade didáctica destinada aos centros educativos galegos coa queu se pretende difundir entre a mocidade e a sociedade galega en xeral a importancia da figura do autor da emblemática Carta Xeométrica de Galicia.

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea este luns a Domingo Fontán e a súa 'Carta Xeométrica de Galicia'

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará os actos de homenaxe en Santiago para homenaxear o autor do primeiro mapa construído no Estado utilizando medidas xeodésicas rigorosas con base científica. "Unha obra inxente, de gran trascendencia para o desenvolvemento de Galicia, básica para a articulación do territorio da rexión, para o trazado das vías de comunicación, para referenciar xeograficamente a poboación e demais recursos de interese", destaca a RAGC. 

Tamén destacou a súa figura o CCG na presentación dunha unidade didáctica que recolle "o legado desta figura relevante da ciencia do noso país". “Foi un home do seu tempo que non escatimou poñer o seu coñecemento ao servizo do país e que permitiu enlazar a cultura humanista coa cultura científica” destacou Rosario Álvarez, presidenta do CCG no acto de presentación no que estaban presentes tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias; Miguel Ángel Ríos; e a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, coordinadora da obra xunto a Xosé A. Fraga Vázquez.

O Consello da Cultura Galega presentou a unidade didáctica dedicada a Fontán, da que se distribuirán 1.000 exemplares nos colexios e que se pode descargar vía web

A unidade didáctica conta cunha tiraxe de mil exemplares que se van distribuír entre os centros educativos de todo país. A publicación xa se pode descargar no sitio web do Consello da Cultura Galega. A súa elaboración iniciouse en 2017 no momento en que se cumprían 200 anos desde que Fontán empezara o proceso de elaboración da Carta Xeométrica de Galicia

Precisamente, este vindeiro luns 8, ao coincidir co 230º aniversario do seu nacemento, a unidade didáctica que terá a súa aplicación práctica no CEIP Domingo Fontán de Portas, lugar de nacemento do matemático e humanista, onde se poderá xogar e redescubrir Galicia da man do seu legado.

A unidade didáctica, dispoñible tamén en liña, fai un percorrido pola vida e a obra de Fontán, e enmárcao tamén na destacada xeración de científicos que deu Galicia entre finais do século XVIII e a primeira metade do XIX. Ademais, o proxecto recolle tamén unha serie de actividades e problemas para resolver nas aulas, un xeito ameno e divulgativo para que os mozos e mozas galegas coñezan mellor a valía do científico nacido en Porta do Conde. O volume péchase cunha longa lista de bibliografía para ampliar os coñecementos sobre Fontán.

Na elaboración da unidade didáctica participaron tamén os expertos Margarita Barral (USC), Gonzalo Méndez Martínez (UVigo), e os profesores de Matemáticas no ensino secundario Víctor Pollán Fernández, Julio Rodríguez Taboada (profesor de Matemáticas de Secundaria).

Domingo Fontán Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.