O presidente divide a Secretaría Xeral de Educación e FP en dúas direccións xerais de rango inferior e anuncia novos departamentos para industria, emprego e fondos europeos
Hai pouco máis de ano e medio, a finais de 2020, tras as últimas eleccións galegas, Feijóo decidiu cesar á súa ata daquela conselleira de Educación, Carmen Pomar, que levaba no cargo apenas dous anos, e unificar esa consellería coa de Cultura, ás ordes de Román Rodríguez. Os cambios chegaron a varios postos inferiores, no que supuxo unha remodelación da cúpula directiva da área de Educación. Agora, ano e medio despois, Rueda vén de decidir novas mudanzas nese departamento no marco dos cambios que está a realizar no seu novo Goberno a respecto do herdado de Feijóo.

O Consello da Xunta deste mércores acordou, entre outras mudanzas, dividir a ata agora Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional en dúas direccións xerais distintas de rango inferior. José Luis Mira Lema, un veterano que ata agora era secretario xeral, pasa a ser director xeral de FP, cargo similar ao que xa lle dera Manuel Fraga en 1996, mentres que a nova directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa será Judith Fernández Novoa, ata agora xefa territorial en Ourense.
Pola súa banda, na vicepresidencia económica créase unha nova Secretaría Xeral de Industria, mentres que na Consellería de Emprego e Igualdade a ata agora Dirección Xeral de Emprego aumenta de rango a Secretaría Xeral, mentres que se crea unha nova Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, con Margarita Ardao Rodríguez á fronte

As mudanzas deste mércores tamén inclúen que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) pase de depender da Presidencia da Xunta a facelo da Consellería de Facenda, na que se crea unha dirección xeral específica para a xestión de fondos europeos. Pola contra, pasarán a depender do departamento do propio presidente as áreas de Turismo, Asesoría Xurídica e o Diario Oficial de Galicia, que ata agora dependían da Vicepresidencia Primeira.
Fan a mesma mudanza as delegacións da Xunta no exterior, que agora pasarán a depender de Emigración, departamento adscrito á Presidencia. E a Axencia da Industria Forestal, que ata agora dependía da vicepresidencia económica, pasará a facelo da Consellería de Medio Rural.
O Consello tamén aprobou un cambio de nomes á fronte dun departamento que non muda de competencias, de xeito que cesa como directora xeral de Pesca Mercedes Rodríguez Moreda e asume o cargo Antonio Basanta Fernández, ata agora xefe de gabinete da conselleira.