Pontón acusa o popular de quitar “ás novas xeracións a oportunidade e a liberdade de falar en galego” e o presidente respóndelle que non quere “unha sociedade monolingüe, nin en galego nin en castelán”
Unha foto da súa participación en 2009 nunha manifestación de Galicia Bilingüe contra a lingua galega foi o que atopou Alfonso Rueda na súa primeira sesión de control ao Goberno galego no Parlamento desde que é presidente. A imaxe foi amosada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao tempo que o acusaba de que “o PP estalle quitando ás novas xeracións a oportunidade e a liberdade de falar en galego”.
A resposta de Rueda foi insistir no “bilingüismo cordial” do seu antecesor. Tamén segurar que non quere “unha sociedade monolingüe, nin en galego nin en castelán”.
Pontón iniciou este mércores a súa primeira pregunta parlamentaria ao novo presidente da Xunta esgrimindo a fotografía e asegurando que “desde ese día ata hoxe o PP leva 13 anos atacando por terra, mar e aire o idioma galego”, incumprindo “o Estatuto, a Lei de Normalización e a Carta Europea das Linguas”, e “impoñendo o decreto da vergoña no ensino”. “Os nenos entran pola porta da escola falando galego e saen falando castelán”, dixo Pontón, reclamando para a súa propia filla “a oportunidade de falar en galego” que o sistema educativo está a condicionar con, por exemplo “a prohibición de usar o galego nas matemáticas, a física e química ou a tecnoloxía”.
Rueda asegurou que non concibe o galego "como un elemento de confrontación" pero Pontón lembroulle que estivo nunha manifestación que a buscaba
A resposta de Rueda foi asegurar que os populares “conciben o galego nunca como un elemento de confrontación e división e menos como unha escusa como fan vostedes para dar carnés de bos e malos galegos”. Sen referirse á manifestación de 2009, defendida polos propios convocantes como un claro acto de confrontación co daquela goberno de coalición de PSdeG e BNG, Rueda centrou a súa intervención en ofrecer datos positivos da situación do galego obviando os negativos.
O presidente asegurou que a súa postura é a de que calquera poida usar calquera lingua “sen imposicións nin de vostedes nin do outro extremo”, que non identificou. “Non queremos unha sociedade monolingüe, nin en galego nin en castelán”, sentenciou.
Na súa segunda intervención Pontón replicoulle que “quen sabe de confrontación é vostede, e aquí estaba nesta indigna manifestación en contra do galego de quen hoxe senta de rebote na presidencia da Xunta”. E engadiu que efectivamente os extremos tócanse xa que naquela manifestación de 2009 “anticipaban os pactos do PP coa extrema dereita”.
Na súa intervención final Rueda, na que asegurou que “queremos unha Galicia bilingüe”, insistiu en que “os que queremos o galego nos alegramos de que a nosa lingua sexa a que ten maiores índices de competencia de todas as oficiais” e reprochou a Pontón que na carta que vén de escribirlle con diversas reclamacións, que cifrou en “seis páxinas”, á lingua galega dedicou “cero liñas”.