Oito anos poden ser un mundo. En agosto de 2014, a daquela chanceler alemá, Angela Merkel, asistía en Santiago a unha reunión de traballo hispano-alemá onde o que era presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, presumira dos recortes que o seu executivo levaba a cabo desde 2011 e prometíalle máis á líder xermana e, entón, tamén da UE.
Merkel agradecera a Rajoy as "duras reformas" acometidas, seguindo o ronsel da política de recortes e profunda austeridade marcada por Alemaña, nada que ver coa resposta que está a dar agora a UE á crise enerxética e de prezos, derivada da constante inflación e a guerra en Ucraína. Aquel cumio informal de 2014 chegaba a unha Galicia que roldaba as 250.000 persoas paradas e estaba por baixo do millón de afiliadas á Seguridade Social. E celebrouse nun Santiago tomado pola policía, que se empregou a fondo para que as protestas non estragasen a foto. Unha manifestación anti troika apoiada pola oposición galega -AGE e BNG- e a CIG, entre outros, acabou sendo reprimida por unha carga policial que derivou nalgunha leve lesión.
Os gobernos de España e Alemaña insistiron na alianza para impulsar o gasoduto Midcat e apremar a Francia, que se opón á iniciativa
Oito anos despois, Galicia volveu a acoller un cumio hispano-alemán. Desta vez, menos informal, coa presenza de quince ministros (oito por parte de España e sete por parte alemá) no que era o primeiro encontro bilateral ao máis alto nivel desde aquel de Compostela. Foi na Coruña, nunha soa tarde, e nel o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o chanceler alemán, Olaf Scholz, analizaron xunto ao resto de membros dos seus executivos os grandes asuntos na axenda europea, como a crise enerxética, a transición ecolóxica, a reforma do mercado enerxético ou a guerra en Ucraína. Todos destacaron as "excelentes" relacións entre ambos Estados.
Ambos gobernos insistiron na alianza para impulsar o gasoduto Midcat que facilitaría o envío de enerxía desde a península ao centro de Europa e, de paso, apremaron a Macron, que se opón desde Francia á iniciativa. "Seguiremos apremando por unha capacidade de interconexión da Península Ibérica para mellorar a súa contribución á seguridade do subministro a toda a UE; é de suma importancia", dise no plan de acción subscrito na Coruña, que tamén pon data para a súa construción: 2025.
Precisamente, no mesmo momento que Sánchez e Scholz se reunían, enfronte, na Porta Real, activistas de Greenpeace colgaban unha gran pancarta: "O diñeiro do Midcat para renovables xustas xa". A organización ecoloxista critica un proxecto "fósil, que distrae a atención, os esforzos e evita facer o que hai que facer: transitar ao futuro renovable".
"Estudarémolo", dixo Sánchez sobre o convite de Alemaña a unirse ao seu escudo antimísiles
Ao tempo, España e Alemaña comprometíanse tamén na Coruña a pular pola colaboración en materia de defensa e "fortalecer a cooperación UE-OTAN", aínda que pouco se dixo do escudo antimísiles que apareceu este mércores en varias portadas e propón o país xermano. "Estudarémolo", dixo Sánchez sobre unha iniciativa coa que Alemaña tamén busca unha maior independencia dos EUA en materia de defensa.
Malia que se agardaba unha fronte común para poñer prezo ao tope do gas, o plan de acción conxunto só fai referencia á necesidade dun "deseño a proba de futuro do mercado eléctrico europeo para asegurar o apoio á descarbonización do sector". Tamén se reitera a aposta pola "transición enerxética verde" e se insistiu, de ambas partes, en "cooperar estreitamente para que baixen os prezos da enerxía".
Do cumio de 2014 en Compostela, con gabanzas mutuas polos recortes, pasouse a deostar as políticas de austeridade
Un mundo desde aquel agosto de 2014, tamén en canto ao modelo económico e enerxético que o cambio climático e a crise de prezos está a reforzar. Do sol daquel verán de hai oito anos, ao orballo constante da Coruña; da defensa dos recortes, das reformas e as políticas de austeridade a deostar aquela senda e apostar por termar dos salarios da clase media para frear o avance da extrema dereita; dos conservadores Rajoy e Merkel -xa afastados da vida política- aos socialdemócratas Sánchez e Scholz. E das protestas e cargas daquel verán a uns arredores do cumio que, horas antes do seu comezo, non daban impresión de estar a piques de recibir todo un goberno xermano. Agás polo despregamento dun bo número de forzas de seguridade.
Peticións da alcaldesa e despregamento policial no centro da cidade
Xente facendo deporte, curiosos e despistados pasaban pola sede das xuntanzas, o Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) pouco antes da chegada dos dirixentes. Só a importante presenza policial e os ensaios dos himnos, que logo tocou a banda do Exército durante a revista das tropas previa ao encontro, alterou algo -nada fóra del- a vida cotiá no centro da Coruña. Os colectores de lixo pechados por motivos de seguridade ou os selos nos sumidoiros eran algúns dos outros síntomas da visita alemá, ademais da inusual presenza de vasoiras mecánicas apurando a limpeza, a renovación das zonas de xardín das medianas ou as grandes macetas con árbores ornamentais que desde hai días melloran a imaxe do centro da cidade.
Só a chegada da comitiva oficial obrigou a desaloxar as inmediacións do Palexco e da praza de María Pita, a onde acudiu antes do cumio Pedro Sánchez para visitar o palacio municipal, os portavoces dos grupos e a alcaldesa Inés Rey, que trasladou ao presidente do Goberno o interese do Concello en acoller a sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial en Galicia. "Trasladeille ao presidente a necesidade de manter o ritmo de investimentos públicos para mellorar os servizos nesta cidade", dixo a rexedora, que agradeceu á interlocución do Executivo central para "avanzar en asuntos que levaban décadas de atraso na cidade".
A clientela dos locais de hostalería máis próximos foi obrigada a permanecer dentro ata que o acto rematase e o exceso de celo policial provocou que un axente reprendese un viandante que insistía en cruzar Porta Real, na entrada da praza. Era cego: "Pero non ve que non vexo? Non levo o bastón por gusto!". Antes, noutro exceso, houbo un axente que decidiu apropiarse dalgunha acreditación de prensa sen motivo aparente e ao pouco de ser recollida, cominando algún xornalista a preguntar por ela máis tarde ou a quedar no mesmo lugar varias horas. Tamén a este redactor. Non houbo opción a debate ningún.
Algún apupo a Pedro Sánchez, tamén berros de "presidente, presidente" e mesmo algunha proclama contra a guerra acompañaron a chegada dos dous primeiros ministros e a foto de familia
Algún apupo a Pedro Sánchez, tamén berros de "presidente, presidente" e mesmo algunha proclama contra a guerra acompañaron a chegada dos dous primeiros ministros e a foto de familia coas galerías da Mariña de fondo.
Axiña acabou todo. Nin foron dous días de cumio, como se anunciara desde o Concello, nin unha reunión irrelevante, á vista dalgún tratamento oficial. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non formou parte finalmente da delegación do Goberno galego, que explica que foi convidado "a menos de 48 horas do acto" e que a súa axenda previa fixéralle "imposible" acudir, polo que enviou ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.