Rajoy promételle máis recortes a Merkel con Santiago como plató

Merkel e Rajoy, co arcebispo de Santiago na Catedral © Goberno de España

"Seguiremos pola senda reformista". Mariano Rajoy culminou a súa reunión informal coa chanceler alemá en Santiago sacando peito polas "reformas estruturais", os recortes aplicados polo seu Goberno desde 2011. "Non nos deixaremos levar pola autocompracencia" agora que "empezamos a ver os froitos das reformas que acometemos", garantiu o xefe do Goberno de España ante Angela Merkel. Entre eses froitos, parece, está un posto para Luis de Guindos na presidencia do Eurogrupo, ratificado nun encontro no que Compostela e Galicia tiveron o papel de mero pletó.

Tras un paseo por un tramo do Camiño de Santiago e unha cea nunha cara marisquería da capital galega Merkel e Rajoy compareceron xuntos ante a prensa para, esencialmente, asegurar que a receita de pasar a tesoira non só funciona, senón que é, en palabras do presidente español, a "única forma de preservar os niveis de protección social que a sociedade española merece". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, seguiu dende a primeira fila dos asentos da prensa como o seu xefe de filas explicou que non é o momento de "acabar coas políticas de austeridade", senón de seguir por un camiño que xa deriva nunha "mellora substancial da economía".

A chanceler parabeniza a Rajoy polas dúas "duras reformas"

A chanceler, que minutos antes se fundira nunha aperta coa imaxe do Apóstolo Santiago na catedral compostelá -a visita foi adiantada media hora para evitar a coincidencia coas protestas cidadás-, comparte "a opinión de Mariano Rajoy". É un "malentendido" que "para o crecemento se precisen máis cartos". "Non é certo", afirma entre felicitacións a Rajoy polas "duras reformas" aprobadas e o "gran ímpeto" á hora de aplicalas. O Executivo do PP, di a líder alemá, creou os alicerces" para que o Estado marche ben cun crecemento económico que é "o primeiro indicio" de que se poderá diminuír o paro.

Apoio a De Guindos, sen veto para Cañete

Entre os resultados tanxibles que Rajoy saca dos actos nos que Galicia e o seu goberno exerceron como meros espectadores -Feijóo tivo un papel secundario en todo momento e na rolda de prensa abordouse a actualidade estatal e a catalá, pero non a galega- figura o apoio para dirixir a zona euro a quen hoxe é ministro de Economía e, antes, dirixente de Lehman Brothers ata que o xigante financeiro crebou. Luís de Guindos "foi un ministro de Economía excelente en tempos difíciles", sinala Merkel, por iso "cando remate o prazo do actual apoiaremos a súa candidatura".

De Guindos, ex directivo de Lehman Brothers, terá apoio de Merkel para dirixir o Eurogrupo

Merkel é menos entusiasta en relación coa entrada de Miguel Arias Cañete na nova Comisión Europea, a outra petición de Rajoy para a novo organigrama comunitario. Das palabras da chanceler despréndese que o cabeza de lista dos populares españois non sufrirá o veto alemán, pero que sexa ou non comisario dependerá do presidente, Jean Claude Juncker, que xa ten sobre a súa mesa unha carta de Rajoy "propóndoo como candidato", lembrou ante Merkel.

Protestas e cargas policiais

A Policía cargou con dureza contra a protesta anti troika

O intercambio de eloxios, os paseos, o ritual apostólico e as promesas de cargos e recortes producíronse nunha Compostela tomada pola Policía, que se empregou a fondo para que as protestas non estragasen a foto. Nin sequera Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei (Lugo) asasinado polos franquistas en 1936, púidose achegar a Merkel para entregarlle unha carta na que pedía que Alemaña se desculpase pola colaboración co golpe de Franco.

A carta de Rivas tivo que quedar na recepción do Hostal dos Reis Católicos, onde se celebraba a rolda de prensa. Máis lonxe, nas rúas adxacentes, tivo que quedar a manifestación anti troika apoiada pola CIG e apoiada por organizacións da oposición galega como AGE e o BNG. A protesta, que tentou sen éxito achegase á Praza do Obradoiro, terminou reprimida por unha carga policial na que, entre outros, resultou lesionado o portavoz municipal do Bloque, Rubén Cela.

Rolda de prensa de Merkel e Rajoy © Goberno de España
Protesta anti troika na Praza da Quintana CC-BY-SA BNG Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.