CRISE DE PREZOS | A inflación mantívose estancada en Galicia durante o mes de febreiro, un incremento dos prezos do 6,4% a respecto do mesmo mes do ano anterior, catro décimas máis que no conxunto do Estado (6%). Mentres, o prezo dos alimentos está actualmente un 16,6% por riba do de doce meses antes, a mesma taxa interanual en Galicia que na media estatal.
Fálase
Un contratista da Garda Civil mediou para eliminar de internet noticias críticas con Arsenio Fernández de Mesa. Segundo unha investigación do xornal El País e o consorcio xornalístico Forbidden Stories, a través da empresa Eliminalia trataron de suprimir informacións nunha decena de medios relativas a asuntos como a remuneración de Fernández de Mesa como conselleiro de Red Eléctrica, o seu controvertido retrato tras deixar de ser director xeral da Garda Civil ou o seu pasado ultradereitista en Ferrol. Sempre segundo o publicado por El País, o que fora delegado do Goberno de España en Galicia nega que contratase os servizos desta empresa. Na imaxe, De Mesa na súa etapa á fronte do Instituto Armado, durante o Goberno do PP de Mariano Rajoy.
A segunda moción de censura de Vox contra Pedro Sánchez, agora co ex-membro do PCE e do CDS Ramón Tamames como candidato, comezará a debaterse o día 21 e votarase na xornada seguinte. Así o confirmou este luns a presidenta do Congreso, Meritxell Batet. A primeira moción de censura de Vox, con Santiago Abascal como aspirante, acabou sendo en 2020 a que acumulou máis rexeitamentos de todas as formuladas dende a Constitución de 1978: 298 votos en contra e só 52 a prol, os da propia formación de extrema dereita. Previsiblemente, esta terá menos votos en contra porque o PP de Alberto Núñez Feijóo, ao contrario do sucedido con Pablo Casado, prevé absterse e non votar en contra. Na imaxe, Tamames durante unha entrevista recente en RTVE.
Dúas décadas despois a Xunta inclúe os primeiros 400 espazos no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia. O DOG publica este luns a relación de zonas, que pode ser actualizada en calquera momento. Preme aquí para consultares o mapa interactivo
- AMPLIAMOS 👉 Dúas décadas despois a Xunta inclúe os primeiros 400 espazos no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia
- HEMEROTECA (4/4/2021) | A Xunta admite que aínda non protexeu ningunha zona húmida coa figura legal galega que creou hai vinte anos
- HEMEROTECA (21/1/2023) | O PP gábase de levar "anos traballando" no Inventario de Zonas Húmidas, creado por lei en 2001 e aínda sen espazos inscritos
O Minerva Nounou, petroleiro sen carga que este sábado sufriu unha avaría nunha hélice cando navegaba a 28 millas da costa galega, moi preto das Illas Cíes, acaba de chegar ao Porto de Vigo, remolcado polo buque Don Inda. O barco con bandeira de Malta e cunha tripulación de 26 persoas quedou amarrado ao Peirao de Trasatlánticos ata solucionar os problemas que lle impedían navegar.
O petroleiro sen carga Minerva Nounou permanece a 28 millas da costa galega por unha avería nunha hélice. O buque, con bandeira de Malta, partiu de Xibraltar o pasado 7 de marzo e diríxese aos Países Baixos con 26 persoas como tripulación
O deseñador gráfico, ilustrador e viñetista Luis Davila gaña o Premio Trasalba, que entrega a Fundación Otero Pedrayo. Destácase "a implicación" de Davila "na defensa da nosa lingua" e "a proximidade social das mensaxes que formula en defensa do galego". A acta do acordo subliña ademais "a calidade do humor gráfico e a popularidade das viñetas" de O Bichero, que "transmiten un compromiso e unha modernidade que sería moi do gusto de don Ramón". O acto de entrega celebrarase o vindeiro 25 de xuño
Na concentración convocada na Coruña pola Plataforma en Defensa da Pesca contra a instalación de parques eólicos mariños na costa galega, o BNG pediu a retirada do Plan de Ordenación de Espazo Marítimo (POEM) sinalando que asestará “un golpe mortal” á pesca e marisqueo. "Xa está ben de querer converter Galiza nunha colonia enerxética de Madrid", destaca a formación
A Casa Grande de Xanceda recolle o XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que entrega a USC. O galardón, entregado este venres, é unha homenaxe ao “soño de 50 anos de historia na Galicia rural” e supón un recoñecemento tamén "á filosofía de que a gandería pode ser ecolóxica e preservar os valores da paisaxe e de que pode ser rendible e crear empregos”
Pedro Sánchez anuncia a contratación de máis de 1.500 empregados en Navantia "durante os vindeiros anos" co que se "garantirá a actividade e carga de traballo en Ferrol, Cádiz e Cartagena". A ministra de Facenda, María Jesús Montero, aclarou logo que a eses empregos directos sumaráselle a creación de 15.600 indirectos