A inflación mantívose estancada en Galicia durante o pasado mes de febreiro, cun incremento dos prezos do 6,4% respecto do mesmo mes do ano anterior, catro décimas máis que no conxunto do Estado (6%). Repítese así a suba interanual xa rexistrada en xaneiro e febreiro, segundo os datos publicados este martes polo INE.
Unha vez máis a suba no prezo dos alimentos condiciona a carestía da vida en Galicia e no Estado, malia que 2023 comezou coa aplicación da rebaixa do IVE na alimentación básica, unha medida aprobada polo Goberno central cunha duración de seis meses pola que alimentos gravados ao 4% de IVE pasaron ao 0% e a pasta e o aceite, do 10% ao 5%.
O prezo dos alimentos repuntou en febreiro: aumentou un 1,6% respecto ao mes anterior e xa é un 16,6% máis caro que hai un ano malia a rebaixa de impostos
Con todo, no pasado mes de febreiro os alimentos aumentaron o seu prezo un 1,6% en Galicia (un 2% no conxunto do Estado), que se sitúa actualmente un 16,6% por riba do de un ano antes, a mesma taxa interanual no país e na media de España.
En febreiro, en global, os prezos aumentaron oito décimas en Galicia, case o mesmo incremento que experimentaron no conxunto do Estado (0,9%). Aínda que lixeiras, as subas no importe con respecto ao mes anterior foron comúns en case todos os grupos en Galicia, agás no vestido e calzado (-2,1%) e no transporte (-0,7%).
En canto á electricidade, gas e outros combustibles, o seu prezo é un 15,8% inferior ao de hai un ano, pero no último mes experimentou unha repunta do 7,4% en Galicia. No que ten que ver en particular aos carburantes e combustibles, o descenso do seu prezo en febreiro foi do 2,6% aínda que seguen a ser case un 5% máis caros que doce meses atrás.
O prezo dos alimentos está a ser un das grandes problemas nos últimos meses. No último ano ou ano e medio o custo de gran parte dos produtos básicos aumentou de forma moi importante, xerando grandes problemas para moitas familias, obrigadas a recortar os gastos máis básicos.
A supresión do IVE para o pan "común", leite, queixo, ovos ou froitas e verduras (que anteriormente tiñan un imposto sobre o valor engadido do 4%) e a redución do 10% ao 5% para o aceite e a pasta tiveron un efecto inmediato nos datos do IPC de xaneiro aínda que, iso si, foi inferior ao propio descenso no tipo impositivo. Non foi así en febreiro.
No pasado mes, o pan encareceuse un 1,1% no mes de febreiro, o leite un 2%, os ovos un 0,3%, o aceite un 2,8%, os legumes e hortalizas un 10,6% e as froitas un 4,2%. Así, o prezo de moitos destes alimentos segue a ser moito máis elevado do que era hai doce meses; por exemplo, os ovos son un 34% máis caros que hai un ano, o leite custa un 30,7% máis, o aceite un 32,7% máis e os cereais un 20,5%.
Malia o descenso do IVE, os legumes e hortalizas encarecéronse un 10,6% en febreiro e as froitas, un 4,2%
O azucre continúa a ser o produto que máis se encarece en termos interanuais (un 61,8% máis) e no último mes destaca o aumento experimentado polos legumes e as hortalizas, que son un 23,4% máis caras que hai un ano, ou polo aceite, que xa é un 32,7% máis caro. No lado contrario, en febreiro destaca o importante descenso no prezo do peixe (-8,1%), aínda que non foi tanto como noutros anos.
A inflación subxacente, o índice máis fiable para a evolución dos prezos, aumenta do 8% o 8,2% en Galicia
Ademais, a auga mineral, refrescos e zumos son xa un 16% máis caros que hai un ano, logo dunha nova suba en febreiro do 5,5%.
Por outra banda, a denominada inflación subxacente, que non inclúe alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, aumenta dende o 8% ata o 8,2% en Galicia e do 7,5% ao 7,6% no conxunto do Estado, mantendo a tendencia de ascenso que aínda non se detivo. Este índice é considerado habitualmente máis fiable para seguir a evolución dos prezos no medio e no longo prazo, pois é máis estable que o índice xeral, que está máis suxeito a subas e baixadas puntuais.
A suba nos alimentos frescos
O Ministerio de Asuntos Económicos destacou o encarecemento en febreiro, sobre todo, dos alimentos frescos. "Legumes e hortalizas, e tamén froitas frescas, experimentaron unha redución puntual da oferta como consecuencia dunhas condicións climáticas desfavorables en España e noutros países comunitarios, o que provoca un incremento de prezos polo aumento da demanda internacional", di o departamento que dirixe Nadia Calviño.
O ministro de Agricultura, Luis Planas, afirmara o mes pasado que había "razóns para pensar que o IPC dos alimentos tocara teito". As reducións do IVE en numerosos produtos básicos semellaba apuntar esa tendencia, segundo o Executivo central, pero os prezos do mercado veñen de comer esa rebaixa.