O petroleiro sen carga Minerva Nounou permanece a 28 millas da costa galega por unha avería nunha hélice. O buque, con bandeira de Malta, partiu de Xibraltar o pasado 7 de marzo e diríxese aos Países Baixos con 26 persoas como tripulación
Fálase
O deseñador gráfico, ilustrador e viñetista Luis Davila gaña o Premio Trasalba, que entrega a Fundación Otero Pedrayo. Destácase "a implicación" de Davila "na defensa da nosa lingua" e "a proximidade social das mensaxes que formula en defensa do galego". A acta do acordo subliña ademais "a calidade do humor gráfico e a popularidade das viñetas" de O Bichero, que "transmiten un compromiso e unha modernidade que sería moi do gusto de don Ramón". O acto de entrega celebrarase o vindeiro 25 de xuño
Na concentración convocada na Coruña pola Plataforma en Defensa da Pesca contra a instalación de parques eólicos mariños na costa galega, o BNG pediu a retirada do Plan de Ordenación de Espazo Marítimo (POEM) sinalando que asestará “un golpe mortal” á pesca e marisqueo. "Xa está ben de querer converter Galiza nunha colonia enerxética de Madrid", destaca a formación
A Casa Grande de Xanceda recolle o XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que entrega a USC. O galardón, entregado este venres, é unha homenaxe ao “soño de 50 anos de historia na Galicia rural” e supón un recoñecemento tamén "á filosofía de que a gandería pode ser ecolóxica e preservar os valores da paisaxe e de que pode ser rendible e crear empregos”
Pedro Sánchez anuncia a contratación de máis de 1.500 empregados en Navantia "durante os vindeiros anos" co que se "garantirá a actividade e carga de traballo en Ferrol, Cádiz e Cartagena". A ministra de Facenda, María Jesús Montero, aclarou logo que a eses empregos directos sumaráselle a creación de 15.600 indirectos
A Xunta formaliza a compra ao 'banco malo' por 3,5 millóns de 40 vivendas que xa tiña cedidas para alugueiro social. A Sareb evidencia que a operación se enmarca na súa política de "reducir a débeda avalada polo Estado", isto é, de compensar con novos fondos públicos, neste caso do Goberno galego, os fondos do rescate bancario. O Instituto Galego de Vivenda e Solo asinou este xoves as escrituras dos pisos, que tiña cedidos dende 2015.
Propoñen celebrar o Día do Naturalismo Galego o 9 de marzo, día do nacemento do Padre Sarmiento. Varias entidades, entre as que figuran a Real Academia Galega de Ciencias, o Consello da Cultura Galega, Adega, a Sociedade Galega de Historia Natural, o Grupo Naturalista Hábitat, Verdegaia e a Federación Ecoloxista Galega uníronse para presentar a iniciativa. "É unha vindicación do naturalismo galego, das persoas que levan moitos anos estudando e traballando en prol do noso medio, pero tamén para dar a coñecer a obra de Martín Sarmiento", asegura o naturalista Rafael Loureiro.
"Esperamos que o 9 de marzo, como o Día do Naturalismo Galego, sirva para iniciar un proceso de coñecemento do noso medio, que encete novos e máis profundos estudos naturalistas e científicos. Con esa información, rigorosa e de calidade, ogallá logremos protexer o que aínda se conserva e restaurar o xa estragado", salientan nun comunicado.
As empresas Resonac e Ignis propoñen a compra da antiga planta de Alcoa na Coruña. As actuais instalacións de Alu Ibérica, en venda no marco do proceso concursal por liquidación, serían a sede de varios proxectos, entre eles "unha planta de hidróxeno renovable".
Así soa Pelea, o novo de Grande Amore, unha "catarse imparable" que é o primeiro avance de II, o vindeiro disco do proxecto musical de Nuno Pico. No tema, explica o artista mariñao, saen "a relucir os demos internos que perseguen a toda unha xeración, o insoportable da situación, e a necesidade constante de rebelarse ante un sistema insostible". O tema está producido por Carlangas e o videoclip, de Xaime Miranda, foi gravado na parrillada San Pedro de Alfoz.
O Goberno de Navarra pecha co Estado a data para o traspaso definitivo das competencias de Tráfico o vindeiro xullo. Galicia ten aprobada dende 2007 unha lei para asumir esas competencias, que implicarían despregar a Policía galega. O PP apoiou o traspaso dúas veces, pero despois bloqueouno entre protestas de gardas civís presións da extrema dereita. O pasado novembro, ao fío do traspaso a Navarra, dixo consideralo "repugnante" a través de Miguel Tellado, vicesecretario de organización do partido e senador por Galicia.