Hai un ano que saíu o disco de debut de Grande Amore e ten a axenda chea de concertos para todo o verán. Falamos cun dos músicos galegos que saben como moverse na contorna de internet e atraer xente nova -e non tanto-
Hai xa un ano que saíu o disco debut de Nuno Pico -Grande Amore, de nome artístico-, de título homónimo. O verán trouxo, tras o parón da pandemia, a recuperación de concertos de músicos coma el, que ten unha axenda ben “completa” para as próximas semanas. Rock, punk, pop ou electrónica dos 80 únense neste traballo. Falamos co seu autor, un dos músicos galegos que saben como moverse na contorna de internet e atraer xente nova -e non tanto-.
Estás a ter moitos concertos?
Pois este verán está indo moi ben. Eu contaba con que, como o disco xa saíu o ano pasado, ao non ser novidade non tería moita cousa. Pero está acontecendo o contrario. Porque se están recuperando os concertos despois do parón da pandemia. E si, este verán vai ser moi completo.
Dicías nunha entrevista que o teu público é de 35 anos ou maior. Pode parecer que o teu público é máis novo…
“O meu público é fundamentalmente de 35 anos para arriba”
Polo que vexo nas estatísticas do Spotify e pola xente que me vén aos concertos podo dicir que o meu público é fundamentalmente de 35 anos para arriba. Quizais porque é unha música cun toque “antigo”, no sentido de que recorda a música dos 80. Pódese pensar, si, que teño un público máis novo pero, polo que eu percibo, non é así.
Cando deixaches de ser Nuno Pico para ser Grande Amore?
Cando empecei a sacar temas tiña que ter un nome. Usar Nuno, tipo cantautor, dábame apuro. Entón busquei un nome artístico. Pero non é para suplantar a miña personalidade: eu xa tento que non me devore o personaxe. De feito nas entrevistas a xente que me coñece máis xa sabe que son Nuno, pero xente que non me coñece chámame Grande Amore e resúltame moi raro.
Cando empezou entón Nuno a tocar?
Levo tocando instrumentos desde os 13 e en grupos desde os 16. Tocaba cos colegas en Burela. Ao chegar a Santiago xa empezamos a compoñer, tivemos Oh! Ayatollah…
O teu álbum debut foi Grande Amore. Un dos temas máis escoitados no Spotify é Esta pena que ás veces teño. En realidade, todo o disco fala de ti, de como te sentes, da vida cotiá…
“Nos concertos podo parecer máis botado para adiante, pero no día a día son bastante reservado, calado”
Ese é o tema máis escoitado e para min o mellor. O que dis é algo que xa teño comentado. Nos concertos podo parecer máis botado para adiante, pero no día a día son bastante reservado, calado, excepto cos meus amigos e coa xente coa que teño confianza. As cancións son unha forma de falar do que sinto. As letras son bastante “confesionais” -aínda que esa palabra non soe moi ben- por ese motivo, porque son a miña maneira de expresar certas cousas. É máis difícil que nunha conversa do día a día me poña a falar da pena que ás veces teño.
Pop, rock e electrónica dos 80. Así se presentaba o disco: mestura de post-punk e synth-punk. É o que querías facer?
Cando empecei a escoitar música escollida por min -non só a que escoitaban meus pais ou a que poñían pola tele-, o que máis me chamaba a atención eran as músicas colindantes aos 80. Esa estética. Poño como exemplo grupos como DAF. O de mesturar o rock coa electrónica xa o facía Iggy Pop, por exemplo. Para min foi algo que xurdiu de forma espontánea, sen responder tampouco a unha intención.
Vémonos no baño soa a ir aos baños do Maycar. A bos entendedores…
Ben, é unha historia baseada en feitos reais. Algo que me flipa é que a miña nai di que é a que máis lle gusta do disco porque é así moi animada…
Segue despois Perdón por ser tan sexy. Unha letra con moito humor, que é outra das características do disco.
“Hoxe non escribiría nin tolo Perdón por ser tan sexy”
Esta canción está feita desde fins de 2019. Pasáronnos moitas cousas a todos… Mais a verdade é que hoxe non a escribiría nin tolo. Na formulación musical está ben pero esa letra hoxe non a faría nin que me pagasen…
Tou pensando fala de deixar pasar o tempo para falar con alguén ata que xa é tarde. Ten que ver cun dos temas que fixeches con Ortiga, Papando, que tamén fala de deixar pasar o tempo sen actuar…
En Tou pensando quixen ser o máis sintético posible, dicindo as cousas cunhas poucas frases. En directo é máis punk, non tan psicodélica. Quedei moi contento co resultado. A día de hoxe é a que máis escoito do disco.
Jorge Martínez, Cásate comigo é unha homenaxe ao músico…
É, digamos, unha cantiga de amigo sobre un amor platónico total. Gústanme as letras de amor puro e idealizado, tipo adolescente. Sempre me gustou moito esa inocencia.
Non sei cantar ten que significar algo…
“Se puidese cantar como as Tanxugueiras firmaba, pero iso non pasa e hai que ir de fronte co que tes”
Penso que é a letra menos suxeita a distintas interpretacións posibles… Eu escóitome e penso, toco ben, pero ogallá soubese cantar ben. É unha descrición dunha situación. Se puidese cantar como as Tanxugueiras firmaba, pero iso non pasa e hai que ir de fronte co que tes.
Fóra fala de sentirse o raro.
Este tema e 25 son os máis representativos de como me sentía eu na época de antes da pandemia. Os meus amigos estaban marchando de Santiago. Era como a fin da xuventude, que che din que é a mellor época. E eu pensaba: pois tampouco foi para tanto. Xa es un adulto pero estás cheo de incertezas e agonías.
Vamos enchernos parece moi clara.
“Tentei que no disco non dominase tanto ese sentimento de pena, de rareza”
Pois tal como son eu, de darlles moitas voltas ás cousas, tentei que no disco non dominase tanto ese sentimento de pena, de rareza… Quixen que houbese unha parte máis podería dicir luminosa, ou festiva, máis despreocupada. Estamos moi contentos con esta canción. É a segunda que máis reproducións ten, e creo que é porque lle gusta a un público máis amplo.
Sacaches o disco con Ernie Records.
Publicámolo con Ernie Records e gravámolo con Hevi. Gravámolo entre o verán de 2019 e o verán de 2020. Un proceso longo do que saímos moi contentos.
Pois que luxo, gravar co Hevi.
“Hevi é a persoa da que máis aprendín musicalmente”
Xa gravaramos con el o primeiro disco de estudio de Ayatollah. Aprendín unha barbaridade de cousas con el. Era como estar na sala de Son Goku na que nun día pasa un ano, de todas as cousas que aprendía. É a persoa que coñecín da que máis aprendín musicalmente.
Antes fixeras o EP con Mundo Prestigio.
Si, no Spotify pode escoitarse Mundo Nuno, que é un single do EP con Mundo Prestigio. Ese tema, como Nunomanía, hoxe non o escribiría. O primeiro contacto con Mundo Prestigio foi Mundo Nuno. Eu quería saír do meu ton melancólico e facer como fan os rapeiros, indo de “como molo”. Mundo Nuno é o single que fixemos durante o confinamento e Nunomanía vai no EP.
Como foi traballar con Mundo Prestigio?
Moi ben. Eu xa os coñecía de antes porque xa fixeramos cousas xuntos. Sempre houbo moita afinidade persoal con eles. Aprendín tamén moito deles porque son uns músicos moi bos. Eu non teño as súas capacidades nese aspecto. Pero sempre houbo moita conexión humana. E con eles fixen un EP que non me atrevería a facer sen eles. Tampouco é que sexa hip-hop exactamente.
O outro disco compartido que tes é con Ortiga. Como foi a experiencia?
“Entendinme moi ben con Chicho a nivel humano”
Pois moi boa tamén. A Chicho coñecíao porque colaborei con el no primeiro disco de Ortiga. Entendinme moi ben con el a nivel humano, pero antes da pandemia non tivemos tempo: eu traballaba nun pub e el sempre estaba de xira. No confinamento foi cando atopamos tempo. O EP saíu moi rápido, foi moi fácil de facer.
Empeza cun tema sobre bailar agarrados. A xente nova fai iso aínda?
A letra é de Chicho, que é do universo da verbena. Eu nin pensaba que seguise existindo ese concepto.
NRKTM fala de amor. Outra vez o amor romántico.
Aos dous gústannos este tipo de letras de amor idealizado.
Papando era do que falabamos: tanto esperar en vez de papar.
É a canción que máis me gusta do EP. Escóitoo e penso: mira que ben. Todo o disco saíunos rápido, sen problemas.
Mondo Dolore, en italiano, é outra de amor. E Seis tamén é de amor.
En italiano tiña que ser de amor… Penso que este disco, en xeral, non é nin Ortiga nin eu individualmente, senón a mestura dos dous. A min gústame iso.
Fiesta chill é todo electrónico.
É o máis techno do EP. Funciona moi ben en directo. E aos dous lévanos á época na que iamos aos coches eléctricos. É moi evocador.
Hai un certo debate sobre o tema das letras políticas en galego. Como se fosen case unha obriga ata hai pouco. Que pensas ti?
“O feito de cantar en galego nun contexto no que cada vez se fala menos tamén te sitúa nunha posición”
Eu non creo que se trata de facer letras políticas ou non. The Clash facían moi boa música con letras políticas. Pero Dua Lipa tamén pode facer boa música sen letras políticas. Entendo que poida existir ese debate, pero eu non o vexo desde esa dicotomía. O que hai, para min, é cancións que están ben e cancións que non están ben. Non se trata de se son letras políticas ou non. Ti podes trasladar ás cancións a túa visión do mundo, ou non, aínda que sempre se vai notar algo. O feito de cantar en galego nun contexto no que cada vez se fala menos tamén te sitúa nunha posición. Ogallá estivese normalizado e non fose necesario, pero non é así.
A cuestión é que hai grupos, como Boyanka Kostova xa que falabamos de Chicho, que din que eles non se dedican á política -aínda que si hai política nas súas posicións ante a realidade- e que conseguen atraer moita xente nova cara a música en galego.
E está moi ben. Pero Public Enemy ou Rage Against the Machine teñen letras políticas e moito público. Nunca sabes que é o que vai atraer público. Esa non é, para min, a clave.