O grupo, composto por catro cantareiras fillas da emigración nacidas en Bruxelas, realizará cinco concertos en Pontevedra, Vigo, Vilalba, As Pontes e O Rosal
Nestes tempos nos que a música galega estivo preto de ser protagonista no Festival de Eurovisión cómpre lembrar a participación no ano 2003 de Urban Trad (que acadou a segunda posición con "Sanomi") representando a Bélxica. Naquela formación estaba Verónica Codesal, filla de emigrantes de Guitiriz en Bruxelas, o que espertou en Galicia un movemento de apoio á canción belga, que naquela ocasión obtivo os 12 puntos achegados por España.
Codesal é unha das catro integrantes do grupo Ialma, composto por catro cantareiras fillas da emigración nacidas en Bruxelas que publicou sete discos e levou a música galega feita en Bélxica a festivais de toda Europa, dende Lorient a Ortigueira. Ialma regresa a Galicia nunha minixira de cinco concertos nos que a figura de Rosalía de Castro será protagonista.
Nestes tempos nos que a música galega estivo preto de ser protagonista no Festival de Eurovisión cómpre lembrar a participación no ano 2003 de Urban Trad representando a Bélxica. Naquela formación estaba Verónica Codesal, de Ialma
O 23 de febreiro Ialma actuarán en Pontevedra, o 24 en Vigo e o 25 en Vilalba, ofrecendo tres concertos dedicados á poeta. Ademais, o 26 de febreiro ofrecerán un concerto nas Pontes e o 27 no Rosal, con temas tirados de "Camiño", o seu último disco publicado. Ademais, o 22 de febreiro as integrantes de Ialma participarán nunha foliada no bar A Gramola de Compostela.
Os concertos de Pontevedra e Vigo forman parte da 'Gala de Rosalía' organizada pola Deputación de Pontevedra e que se enmarca no resto de actividades coordinadas polos departamentos de Lingua e Cultura ao redor da figura da poeta e que inclúen outros eventos literarios e mesmo gastronómicos.
As integrantes de Ialma destacan o seu vínculo con Rosalía: "O grupo Ialma proxéctase e recoñécese en Rosalía, Fillas de emigrantes refuxiados en Bélxica, con situacións e historias dramáticas dos nosos avós, avoas, pais e nais"
As integrantes de Ialma destacan o seu vínculo con Rosalía: "O grupo Ialma proxéctase e recoñécese en Rosalía, Fillas de emigrantes refuxiados en Bélxica, con situacións e historias dramáticas dos nosos avós, avoas, pais e nais". "Contáronnos pouco a pouco con moito medo os seus sufrimentos pero tamén o amor polo seu país, do que cada ano falaban da volta. Transmitíronnos valores como o de falar a nosa lingua, intentaban gardar e ensinarnos as súas costumes galegas e os cantares, que sempre estiveron presentes coma unha forza do porvir", destacan.
"A través do noso concerto, contamos a nosa historia e a de tantos emigrantes. Unha historia que se repite en calquera emigración galega e non galega"
"Rosalía míranos, identifícanos, conta a nosa historia, a nosa lingua. As mulleres son o centro das súas obras, somos loitadoras, xustiza social, somos un desafío para un mundo desigual. Rosalía conta os nosos valores como son as nosas tradicións, sentimentos, costumes, os nosos traxes a nosas músicas, a natureza, os paxaros, o sol o aire o vento. Rosalía fala da emigración que segue a ser unha realidade que se repite tanto pola situación política, social como económica", afirman.
"A través do noso concerto, contamos a nosa historia e a de tantos emigrantes. Unha historia que se repite en calquera emigración galega e non galega", engaden e conclúen que "o noso proxecto é como o de Rosalía: un horizonte de esperanza".
Hai cinco anos falamos con Marisol Palomo, unha das integrantes de Ialma, nunha entrevista na que destacaba que "queremos transmitir unha mensaxe positiva sobre o galego como unha lingua que pode ir onde queira"
Hai cinco anos falamos con Marisol Palomo, unha das integrantes de Ialma, nunha entrevista na que destacaba que "queremos transmitir unha mensaxe positiva sobre o galego como unha lingua que pode ir onde queira". Pouco despois o grupo participou no festival 12 hores per la llibertat, un evento impulsado dende unha plataforma soberanista catalá que o Centro Galego de Bruxelas acolleu con actuacións musicais e culturais no que se reivindicou tamén a liberdade dos dirixentes independentistas de Catalunya encarcerados. O Goberno galego tentou prohibir o festival, un momento no que elas salientaban entrevista con Praza.gal que grupos de Galicia lles dicían "que somos bravas e valentes por dicir o que eles non poden".
As integrantes de Ialma forman parte tamén de ‘Gaizca Project’, unha caste de Galeusca musical, nacido entre Bruxelas, Manresa e Euskadi coa inclusión do catalán Manu Sabaté e o vasco Iñaki Plaza