Galego, catalán e éuscaro. Gaita, txlaparta e gralla -entre outros instrumentos-. Inquedanzas semellantes: a defensa das linguas e culturas minorizadas, a liberdade de expresión ou o dereito a vivir no propio país, sen ter que emigrar e/ou exiliarse. E un mesmo amor pola música. Estes son os ingredientes dos que agromou ‘Gaizca Project’, o Galeusca musical, nacido entre Bruxelas, Manresa e Euskadi da man das galegas Ialma, o catalán Manu Sabaté e o vasco Iñaki Plaza. Falamos con Marisol, Verónica e Eva, de Ialma, aproveitando unha das súas visitas a Galiza.
Como xorde o proxecto?
Marisol: Pois quixemos festexar os 20 anos de Ialma con algo diferente, que non fose un disco recompilatorio. Pensamos, por iso, en facer cousas que xa de antes tiñamos ganas de facer. Botamos a andar, en concreto, dous proxectos: un é o disco ‘Alegria e Liberta’, con Lucilla Galeazzi, unha muller á que coñecemos cando comezabamos con Ialma. É unha artista moi especial: chámanlle a “pasionaria musical” e conta moitas cousas da historia política do seu país, Italia, nas súas cancións…E o outro proxecto é este, ‘Gaizca Project’.
Podemos resumir un pouco a súa historia?
Marisol: Primeiro coñecemos a Iñaki Plaza, no festival Fenêtre ouverte sur le Pays Basque, en Bruxelas. Iñaki convidounos a colaborar con el nun tema do seu último disco. E a partir de aí comezamos uns intercambios de ida e volta: primeiro nós gravamos con el, despois el colaborou con nós… Teño que dicir que algo que nos liga moito aos músicos é a amizade. A parte humana é algo moi importante, a así foi con Iñaki e con Manu.
“A parte humana é algo moi importante, a así foi con Iñaki e con Manu”
A Manu Sabaté coñecémolo Michel Schoonbroodt -o noso axente internacional- e eu -como directora do Centro Galego de Bruxelas e programadora do festival Brosella Folk & Jazz de Bélxica- na Fira Mediterrània de Manresa. No 2017 Ialma fomos convidadas á Fira, e alí Lluís Puig, o Conseller de Cultura da Generalitat, que agora está exiliado en Bruxelas, Michel e eu reunímonos con Manu e organizamos unha residencia de creación no Dansàneu-Festival de Cultures del Pirineu 2018.
Esa foi a primeira residencia, en Catalunya, e despois houbo outras. Na segunda estiveron os músicos sós, en Euskadi. Despois estivemos outra vez en Manresa, na Fira, onde presentamos Gaizca Project nun showcase para profesionais, e despois demos un concerto en Bruxelas no que gravamos un vídeo e presentamos xa os temas que estarán no primeiro disco.
Tamén espertastes interese no Womex…
Marisol: Ao Womex fomos promocionar Ialma, o noso último disco: ‘Alegria e liberta’. Pero o que notamos é que á xente, o que máis curiosidade lle espertaba, era o noso proxecto con Iñaki e Manu. Se cadra porque si houbera proxectos musicais compartidos entre dúas das nacións -Kepa Junkera e Galiza, por exemplo- pero se cadra non un disco gravado das tres nacións xuntas. A cousa foise dando así: ao principio cada parte levaba dous temas, despois outros dous…
Xuntades as tres linguas e as tres tradicións musicais. Foi moi complicado?
Marisol: Non tanto, unha vez que están máis ou menos identificados os ritmos. A jota, por exemplo, está nas tres nacións, e supoño que en todo o Estado español. E despois, se probas, por exemplo, a xuntar unha muiñeira coa txlaparta, ves que funciona, que cadran moi ben os ritmos. Tamén coincidimos en temas que nos interesan: a lingua, a emigración…
“Defendemos as linguas, e ademais cando explicamos que son linguas minorizadas e non minoritarias en Bruxelas enténdese ben, porque alí está o flamenco”
Verónica: defendemos as linguas, e ademais cando explicamos que son linguas minorizadas e non minoritarias en Bruxelas enténdese ben, porque alí está o flamenco. Si que nos preguntan ás veces por que non cantamos en castelán, que é a lingua que usamos para comunicarnos entre nós, claro, porque non sabemos éuscaro para falalo con Iñaki…
Marisol: en realidade, entre nós, falamos un pouco de todo. Falamos en francés, en catalán, e mesmo “inventamos” unha lingua así de broma… É unha experiencia moi bonita para nós. E ademais conseguimos crear un son novo: o acordeón, a gralla, a percusión… todo xunto. Aproveitamos o que pode achegar cadaquén, sen poñernos muros. Ademais, a música tradicional sempre tivo evolución. Nós só achegamos un chanzo máis.
“A música tradicional sempre tivo evolución. Nós só achegamos un chanzo máis”
Verónica: Tamén temos un batería, Kepa Calvo, e un guitarrista: Ciscu Cardona. Ciscu dicíanos que era moi fan de Maarten Decombel que, mira, é un dos músicos de ‘Alegria e Liberta’. Quero dicir que temos gustos e referencias semellantes, que escoitamos a mesma música.
Marisol: Ademais, démonos conta de que son ritmos que, case todos, pódense bailar. E a nós gústanos que a xente baile e participe. Tamén nos gusta facer intercambios: Verónica toca a txlaparta e Manu a gaita galega… Era un pouco o xogo de probar, a ver se te atreves? E si que se atreven, mesmo a facelo no escenario, diante do público. E sen ningún problema. Por que unha pandeireteira non vai tocar a txalaparta?
Falabades antes de temas, nas letras das cancións, coma a lingua ou a emigración. Un dos temas é moi de empoderamento feminino. Que máis hai nas letras?
“Houbo xente que nos dixo que eramos atrevidas por facer cousas con Valtonyc”
Marisol: Pois é un pouco o que falamos entre nós cada día....
Verónica: O tema que citas fala de que, se unha muller non quere nada, un home non ten por que seguir insistindo e molestando. Somos, claro, feministas, e falamos de cousas que sentimos a necesidade de falar como mulleres. Temos outro tema, en catalán, que fala de xente que se ve obrigada a marchar do seu país. E iso é algo que está pasando: en Bruxelas temos a Lluís Puig, a Valtonyc…
Marisol: é unha historia que se repite, a emigración e o exilio. E nós non imos meternos en decisións políticas, que tampouco nos chega moita información sobre o tema, pero pensamos que, polo menos, que se cumpran uns mínimos…
Verónica: Claro, polo menos que haxa liberdade de expresión. Houbo xente que nos dixo que eramos atrevidas por facer cousas con Valtonyc. Non sei, se cadra os que estamos fóra temos máis liberdade…
Marisol: Si, se cadra nós, por estar en Bruxelas, podemos expresar o que a xente no país non ten liberdade para dicir.
“Máis alá da política, defendemos que polo menos haxa liberdade de expresión”
Verónica: En Bruxelas está Valtonyc, está Lluís, está Adri (o técnico de son), que tampouco puido voltar, que o acusaron de terrorista por participar nos CDR… E, como che diciamos, nós se cadra non sabemos moito do que está a pasar pero, máis alá da política, defendemos que polo menos haxa liberdade de expresión.
O disco sairá cara o verán. Pensades facer xira? Porque non vai ser doado coordinar axendas.
Marisol: non vai ser fácil, pero todos poñémoslle moitas ganas e consideramos o proxecto prioritario dentro dos nosos compromisos artísticos. Ademais, teremos algunha axuda das institucións para as viaxes: do Ramón Llul para os cataláns, do Etxepare para os vascos, nós do WBI (Wallonia Brussels International).
Verónica: Tamén hai un tema, no disco -xa que antes falabamos de como vai ser o disco- que é de ‘Alegria e Liberta’.
Marisol: E un tema tradicional vasco.
En éuscaro.
Eva: Si, tivemos que ensaiar moito. Ao principio é difícil, pero despois queda ben na cabeza… Ademais, non é nada raro en Ialma compartir con outras músicas...
Verónica: Si, estamos tan afeitas e facer cousas con músicos de todos os lados que se cadra aprender letras en éuscaro xa non nos custou tanto.
“Era a primeira vez que había público das tres nacións: galegos, vascos e cataláns todos xuntos”
Marisol: A presentación do disco en Bruxelas foi moi bonita, nese sentido. Era a primeira vez que había público das tres nacións: galegos, vascos e cataláns todos xuntos. E tamén se notaba en a que reaccionaba máis o público de cada sitio… Tamén foi unha descuberta para moita xente belga que era a primeira vez que vía algúns dos instrumentos…
O proxecto chamábase, nun principio, Galeuscat. Mudastes o nome para Gaizca Project. Galeusca é moitas cousas: ademais dos varios encontros históricos entre partidos galegos, vascos e cataláns, na actualidade é unha federación de escritores, por exemplo. Quixestes continuar esa tradición do lado da música?
Verónica: Si, claro, pero tivemos que mudar o nome. Nós engadímoslle a t, pero aínda así confundíase.
“Quixemos buscar un nome que permitise identificar o proxecto máis a nivel musical”
Marisol; Si, quixemos buscar un nome que permitise identificar o proxecto máis a nivel musical. Chamándonos Galeuscat era máis difícil diferencialo. Ademais, gaizca significa, en éuscaro, salvar, e con iso ten que ver o noso proyecto: con coidar as nosas linguas, as nosas tradicións, as nosas culturas, nun mundo de globalización no que queda moito por facer coas culturas minorizadas. O galego fálase cada vez menos nas escolas…
Eva: Eu mesma, non falo moi ben o galego. Nun principio tiñamos clases na Fundación Galicia-Europa, pero despois suprimíronas.
Marisol: Si, claro. Nós mesmas non falamos moi ben o galego. Tamén porque nos colles o primeiro día despois de aterrizar. Cando levamos aquí uns días xa o falamos mellor.
Faládelo mellor ca moita xente que vive aquí. Non tedes maneira de aprendelo en Bruxelas, entón? No Centro Galego, digo.
Marisol: É que non hai alumnos abondos. Xa é difícil na clase de baile… E así, claro, é difícil que se transmita a lingua. Coas letras en galego axúdanos Brais Fernández, que sempre entende moi ben o que queremos transmitir…
Algo máis que queirades dicir?
Marisol: Pois que sería moi bo vir presentar o disco aquí. O 1 de xuño estaremos no festival Compostela, en Bruxelas, e estamos organizando a xira, a ver se podemos presentar o disco nas tres nacións.