O pasado sábado, o Centro Galego de Bruxelas acolleu o festival 12 hores per la llibertat, un evento impulsado dende unha plataforma soberanista catalá con actuacións musicais e culturais no que se reivindicou tamén a liberdade dos dirixentes independentistas de Catalunya encarcerados. La Tentation, sede da entidade da diáspora galega alugou unha das súas salas malia os intentos da Xunta por impedir o acto, presionando os dirixentes da sociedade galega, que ratificaron en xunta directiva a celebración dun certame que o propio Feijóo lamentara non poder prohibire e cuxo presidente respondeu con contundencia ao Goberno galego en Praza.gal. As críticas do Executivo autonómico sinalaron tamén a Ialma, grupo musical de cantareiras galego-belgas, tras a súa actuación co rapeiro Valtònyc.
Como recibiron no grupo as críticas chegadas desde Galicia?
Cando gravamos con Valtònyc o tema Bella Ciao foi simplemente pola liberdade de expresión. Que Ialma cantase con el, como fixemos o outro día en Bruxelas, foi unha forma de apoialo, como símbolo, como un representante máis dos artistas que sofren a mesma situación, a de ter problemas coa xustiza por unha canción ou obra, cando a liberdade de expresión debería estar garantida, polo menos así é en Europa. Logo, Valtònyc ten un estilo rapeiro, provocador, esa maneira de ser de todos os rapeiros… Pero iso é cousa del, non nosa. Cantar con el é unha maneira de apoiar a liberdade e os diferentes camiños artísticos, pero as súas actitudes, o de queimar fotos e esas cousas que fai, son cousas del e non nosas. A nós non se nos pode chamar radiciais como fixeron nalgúns medios.
"Cantamos con Valtònyc para apoiar a liberdade de expresión, que debería estar garantida; o seu estilo provocador é cousa del, non nosa"
Séntense ofendidas?
Nós cantamos sempre cancións tradicionais ou propias dunha maneira moi poética, falando da emigración, como no noso último traballo, da vida dos nosos pais. Imos por outro camiño diferente e non poden chamarnos radicais nin asimilarnos á causa catalá. Somos un grupo de cantareiras nacidas da emigración e temos unha causa cultural, que tamén é unha forma de facer política, claro que si, por todo o que temos vivido. Cantamos a nosa historia e logo cadaquén cre nela ou non, pero nunca fomos por aí levantando o puño nas manifestacións nin militamos en ningún partido político. Quen intenta asimilarnos con iso debería desmentilo se coñece a nosa traxectoria, pero nin nós nin a xente do Centro Galego de Bruxelas imos calar.
"Nin nós nin o Centro Galego imos calar; non se nos pode chamar radicais"
Por que din que non calarán?
Non imos calar porque non estamos de acordo co que algún xornal transmitiu ou co que dixo o PP. Todos os centros galegos dependen da Consellería de Presidencia porque a Secretaría Xeral de Emigración depende tamén dela. Xa dimitín da presidencia do Centro Galego de Bruxelas hai anos logo de representalo en Cuba, nun acto da emigración no que o único que nos pedían era facer fotos con Feijóo, posar con el ante as tumbas dos galegos ilustres que alí hai enterrados... Todo eran cousas que xa estaban preparadas e determinadas. Retireime; os centros galegos tiñan que escoitar e calar sobre o que di a Xunta porque, senón, non recibían subvencións. A min iso non me gustaba.
"A Xunta chamou por teléfono pero non fixo advertencia ningunha por escrito, senón na prensa"
Como foron as presións ao Centro Galego de Bruxelas polo acto de colectivos cataláns?
Por escrito non as recibiron, pero si houbo chamadas telefónicas desde a Secretaría Xeral de Emigración, ademais das advertencias nas declaracións na prensa. Pero en ningún momento a Xunta de Galicia escribiu ao Centro Galego advertindo de que ían quitar as subvencións ou alertando sobre un discurso radical nin nada diso… Son máis listos: primeiro sacan os titulares nos medios pero non se mollan transmitindo directamente o mesmo que din nos xornais. Logo, se te queixas, dirán que é cousa dos medios e que eles non dixeron nada. Moito titular, pero alí non se recibiu carta ningunha. Primeiro chamaron dun xornal e logo chamaron de Emigración.
Chamáronas a vostedes polo seu apoio a Valtònyc?
Ao grupo Ialma non o chamaron nunca. Valtònyc convidounos a cantar con el Bella Ciao, o tema que xa gravaramos conxuntamente. Non fixemos discurso político ningún, así que non nos poden catalogar de radicais nin acusarnos de facer apoloxía política. O que si fixemos foi apoiar un artista e todos os artistas; apoiámolo a el como representante de todos aqueles que en España están ameazados de cárcere ou que teñen que ir a xuízo polas súas obras.
"Apoiamos a Valtònyc como representante de todos aqueles que en España están ameazados de cárcere ou que teñen que ir a xuízo polas súas obras"
Facer política tampouco é delito...
Por suposto que non. Se o PP quixera alugar a sala para facer un mitin político ou unha rolda de prensa, teríanlla alugado igual. La Tentation está en pleno centro de Bruxelas e, cada vez que hai eleccións en Bélxica, a sala é alugada por políticos de calquera tendencia e cor. A xente aluga o espazo e se alí queren facerse reivindicacións políticas, fanse e listo. Con todo, no certame da pasada fin de semana case non as houbo, moi poucas…
E se as houbo?
Hóuboa, por exemplo, no momento que a eurodeputada Ana Miranda interviu, pero o único que fixo foi amosar o seu apoio. Logo, nin tan sequera houbo discursos nas presentacións dos grupos, que actuaban un tras doutro. Foron doce horas de música e para os mitins políticos houbo colectivos cataláns que alugaron o Teatro Nacional, na mesma rúa pero que non ten nada que ver co Centro Galego. Foi alí onde se fixo un acto pola República catalá, pero non houbo actos así no Centro Galego.
Séntense doídas, parece.
Claro que nos amola, moléstanos que se tire por un titular impactante tratando de transmitir unha idea que non é por ter que ver con tendencias políticas que non lle son acorde a quen o publica.
""Non nos poden identificar con ningún partido político, aínda que reivindicar a nosa cultura tamén é política"
Temen algunha represalia?
Espero que isto non prexudique ao grupo porque nós o que facemos, basicamente, son proxectos culturais. Agora estamos metidas nun próximo que se chama Galeuscat e no que colaboramos con artistas de Catalunya e Euskadi nunha especie de mestura cultural. Se todo vai normal, Ialma ten previsto actuar en Luar, na TVG, o vindeiro mes de febreiro e supoño que estas noticias que saíron non nos prexudicarán nin influirán. Nas nosas cancións falamos das mulleres, da emigración, dos refuxionados… Falamos da realidade que vivimos neste mundo cada día.
"Grupos de Galicia dinnos que somos bravas e valentes por dicir o que eles non poden"
Que lles din desde Galicia?
O que nos din os grupos de Galicia, onde temos moitos amigos, é que somos moi bravas e moi valentes por dicir e facer cousas que eles non poden. Se cadra desde aquí vemos as cousas con outra mirada e podemos permitirnos dicir cousas que artistas ou xente en Galicia quere dicir pero non pode… Senón non nos dirían que somos valentes por facelo. Pero que nos chamen radicais ou nos asimilen con partidos cataláns? Pois non. Son os cataláns os que teñen que decidir o que vai vir no futuro para Catalunya, pero que non nos metan a nós nese saco. Nós o que temos que defender é a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa xente. E intentámolo facer dunha maneira moi poética. Non nos poden identificar con ningún partido político, aínda que reivindicar a nosa cultura tamén é política.