A pasada semana Alberto Núñez Feijóo laiouse abertamente de que a Xunta teña "moitas dificultades para prohibir" o festival 12 hores per la llibertat, un evento impulsado dende unha plataforma soberanista catalá para o vindeiro 8 de decembro con actuacións musicais e outras actividades culturais que ten como pano de fondo a reivindicación da liberdade para os dirixentes independentistas de Catalunya encarcerados tras o referendo do 1-O do pasado ano. O festival celébrase na sala La Tentation, o espazo cultural do Centro Galego de Bruxelas, que na súa dilatada traxectoria acolleu multitude de actos culturais e que aluga habitualmente as súas salas para actividades culturais e sociais.
Aínda que o Centro Galego non tivo "noticias directas do presidente da Xunta", subliña que "xornalistas e persoas achegadas á Xunta aconséllannos suspender os actos previstos"
A resposta do presidente a preguntas dos xornalistas ao fío dunhas poucas novas nalgún xornal críticas coa celebración do evento. As verbas de Feijóo chegaron ao centro dos galegos emigrados na capital comunitaria, que o pasado luns reuniu á súa directiva para reafirmarse na súa decisión. Aínda que ao Centro Galego non chegaron "noticias directas do presidente da Xunta", explican nun comunicado, "parece ser que don Alberto Núñez Feijóo non aproba o feito de que alugásemos os nosos locais de La Tentation aos organizadores do festival CityZen". Sábeno, detallan, porque "xornalistas e persoas achegadas á Xunta aconséllannos suspender os actos previstos".
Efectivamente, reafirman dende o Centro, os actos do 8 de decembro están "organizados por un colectivo de defensa das liberdades dos presos e exiliados cataláns" e a directiva da institución "estima que tanto os exiliados políticos como o rapeiro Valtonyc poderán actuar nos locais de La Tentation". Farano, agregan, "amparándose no principio da liberdade de expresión democrática".
"Tanto os exiliados políticos como o rapeiro Valtonyc poderán actuar nos locais de La Tentation amparándose no principio da liberdade de expresión democrática"
O Centro Galego de Bruxelas aproveita, asemade, para lembrar a súa ampla traxectoria cultural durante os últimos 40 anos, nos que "demostrou a súa independencia política e cultural. Así, detallan, esa "filosofía de actuación cultural" foi "aprobada polas autoridades belgas", baixo cuxo control como "entidade sen fins lucrativos" presentan cada ano "unha declaración fiscal" supervisada profesionalmente na que detallan gastos e ingresos, entre eles "cotizacións dos socios", "entradas por alugueiro de salas a entidades socioculturais, políticas e comerciais" ou as subvencións de organismos públicos dese país, así como do Consulado de España e da propia Xunta, especifican -algunhas das máis recentes son 3.570 euros para conservación do seu patrimonio cultural en 2017 ou outros 4.485 para gastos de funcionamento no mesmo ano-
"Sinto mágoa polos que utilizan os correos para nos insultar; véselles a rabia de non poder utilizar argumentos veraces e caen na brutalidade"
A directiva do centro, acrecentan, conta con 4 persoas asalariadas e outras 10 voluntarias e no conxunto do centro, arredor de 30 persoas realizan labores voluntarios. Do seu traballo, lembran, emanaron dende os anos 80 do século pasado diversos recoñecementos públicos, varios premios e moitas actuacións internacionais. "Sínto mágoa -di o presidente fundador da institución, Miguel Palomo- polos que os menos, non estando de acordo connosco, utilizan os correos electrónicos para nos insultar". Dese xeito, matiza, "véselles a rabia de non poder utilizar argumentos veraces e caen na brutalidade dunha perversa ignorancia".
Así e todo, agrega Palomo, cómpre tamén agradecer "a todos, os máis" que "nos aplauden e nos animan a seguir traballando en pro de Galicia". "Moitas grazas, irmáns na terra"; despide o texto.