O Goberno de Rueda argumentou que afectaba "á posición xurídica" dos galegos respecto dos beneficiados pola amnistía, pero o tribunal di que "esa diferenciación de trato responde a unha xustificación obxectiva e razoable"
A amnistía do Goberno de Pedro Sánchez ao independentismo catalán foi avalada polo Tribunal Constitucional, salvo correccións menores, en xuño do pasado ano, cando se coñeceu a primeira sentenza do alto tribunal rexeitando o recurso que formulara o PP. Pero houbo outros recursos que o Constitucional seguiu analizando durante este tempo, como o que presentou a Xunta. Hai tres semanas, o pasado 29 de xaneiro, o Constitucional comunicou que ese recurso tamén era rexeitado e agora coñécese o contido da sentenza que dá resposta ao Goberno galego.
A sentenza responde o recurso da Xunta remitíndose fundamentalmente ás argumentacións que xa deu tanto ao recurso do PP como a outro formulado por Aragón. Argumentos do PP que a Xunta chegou a plasmar nunha declaración institucional polo Día da Constitución de 2023 que publicitou en medios de comunicación con 35.000 euros.
A cuestión máis diferencial que formulaba o recurso do Goberno galego era, segundo a sentenza agora coñecida, que a amnistía afectaba "á posición xurídica dos españois, e polo tanto dos galegos, e destes respecto aos beneficiados pola amnistía decretada por esta lei".
A sentenza en resposta á Xunta, como a primeira que en xuño respondeu ao PP, conta con catro votos particulares discrepantes do sentir maioritario do tribunal
A resposta que dá o Constitucional á suposta vulneración do "principio de igualdade" alegada pola Xunta é a mesma que xa deu ao recurso do PP. A nova sentenza di que "a alegación de que o conxunto da lei recorrida vulnera o principio constitucional de igualdade, fundamentada no diferente tratamento dispensado entre aquelas persoas que cometeron determinados delitos no contexto delimitado pola lei e as que quedan á marxe da súa aplicación, foi rexeitada con esa formulación xeral [pola sentenza que respondeu ao PP], xa que esa diferenciación de trato responde, canto á súa causa e finalidade, a unha xustificación obxectiva e razoable".
Como xa sucedeu coa sentenza en resposta ao PP que avalou a amnistía, a sentenza en resposta ao recurso da Xunta, avalada por seis maxistrados e maxistradas, conta tamén con votos particulares doutros catro que consideran que debera ser declarada inconstitucional.