Dereita e extrema dereita protestan contra a amnistía nunha marcha que xuntou a Feijóo, Ayuso ou Abascal

Feijóo, xunto a Díaz Ayuso, na manifestación contra a amnistía en Barcelona © PP

A dereita e a extrema dereita levaron este domingo a súa batalla contra unha posible lei de amnistía ás rúas de Barcelona. Uns 50.000 manifestantes segundo a Guárdia Urbana —300.000 segundo a organización— protestaron convocados por Societat Civil Catalana (SCC) nunha marcha á que acudiu o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que non se situou na cabeceira, onde si había outro político galego: o ex-alcalde da Coruña e ex-secretario xeral do PSdeG, Francisco Vázquez

O tamén ex-embaixador no Vaticano foi un dos persoeiros que levou a pancarta co lema principal da protesta: "Non no meu nome. Nin amnistía nin autodeterminación". Encabezou a marcha e interviu nos discursos nunha mobilización que tamén contou coa presenza do líder de Vox, Santiago Abascal e non xuntou, nin moito menos, tanta xente como a que hai seis anos se mobilizara moi masivamente contra o procés

Cabeceira da manifestación contra a amnistía en Barcelona, con Francisco Vázquez © SCC

"Puigdemont a prisión" foi unha das consignas nunha marcha con insultos a Pedro Sánchez e mesmo descualificacións a Felipe VI

Entre os carteis e as consignas, insultos e cornos pintados para Pedro Sánchez, peticións de "prisión" para Carles Puigdemont ou Junqueras e descualificacións mesmo contra o rei Felipe VI, ao que unha pancarta acusaba de "cómplice do golpe de estado ás urnas, á democracia e á vontade dos españois". Tamén lemas contra a vicepresidenta Yolanda Díaz ou contra Rufián nunha convocatoria moi lonxe das expectativas. 

Feijóo, xa antes de iniciarse a marcha, atacou unha posible amnistía porque "non busca reconciliación senón a presidencia do Goberno de España" e suporá, dixo, "unha transacción económica". Segundo o ex-presidente da Xunta, a posible lei de amnistía é "unha involución, unha decisión reaccionaria" que "debe ser condenada polos demócratas". 

Feijóo evitou a foto con Vox e asegurou que todos os presentes na marcha están "a favor da igualdade dos cidadáns"

Díxoo na mesma marcha que Santiago Abascal e moitos militantes de Vox. "Somos persoas que pensamos de forma distinta, que temos formulacións ideolóxicas non coincidentes pero que si estamos a favor da igualdade dos cidadáns", manifestou o líder do PP respecto da composición dunha marcha na que asegurou botar de menos o PSOE. "Non busco nin evito fotos", aclarou logo sobre se ía evitar coincidir co líder da ultradereita. Evitouno finalmente e non houbo fotografía conxunta. 

Feijóo, na marcha contra a amnistía en Barcelona © PP

"Está facendo negocio: a presidencia do Goberno despois de perder por sete votos independentistas", insistiu logo Feijóo, para asegurar que "a inmensa maioría dos españois" non acepta "este tipo de negocios, transaccións e prezos". 

Na manifestación estivo presente a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que posou xunto a Feijóo; o de Andalucía, Juanma Moreno; o da Rexión de Murcia, Fernando López Miras; e o de Aragón, Jorge Azcón, todos do PP, que tivo tamén presenza a través doutros líderes autonómicos. 

Non se soubo da presenza de cargos do PPdeG. Pero Alfonso Rueda, presidente do partido e da Xunta, asegurou nas súas redes sociais en apoio á marcha que "Galicia non vai permitir perder para que Pedro Sánchez gañe a súa investidura". "A igualdade entre todos os españois non se negocia, e moito menos quebrantando a Constitución. Falar de amnistía e referendo é defender aqueles que vulneraron as leis do Estado de Dereito", asegurou. 

"Deixamos de ser a maioría silenciosa. Non imos permitir que ningún Godoy estea por riba da Constitución. Só a soberanía popular pode mudar a Carta Magna que nos garante a supervivencia como pobo democrático", dixo desde a tribuna Francisco Vázquez. 

Francisco Vázquez intervén na marcha contra a amnistía en Barcelona © SCC

Desde o Goberno central, o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, cualificou a PP e Vox de "partidos nostálxicos do enfrontamento" por participar na marcha de SCC. "Aínda lembramos a incompetencia total coa que xestionaron a situación en Catalunya e a herdanza catastrófica que nos deixaron. Nós, sempre a favor do diálogo, a convivencia e a Constitución", engadiu. 

Mentres, Ayuso reprochaba que "por sete votos ninguén pode cambiar o destino dunha nación" e acusaba a Sánchez de levar España "a unha lea e dunha forma tirana". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.