En plena campaña dos populares contra a amnistía o Goberno galego publicou en xornais un posicionamento institucional que replica lemas como "convivencia e xustiza van sempre da man" ou "defender a dignidade de Galicia"
O 3 de novembro o Goberno galego secundou o seu presidente, Alfonso Rueda, na lectura dunha declaración institucional sobre Catalunya que replicou os argumentos e lemas do PP contra a amnistía ás persoas implicadas no procés e supostos privilexios económicos concedidos polo Goberno de España. Un mes máis tarde eses mesmos argumentos e lemas foron plasmados pola Xunta noutra declaración institucional máis breve polo Día da Constitución. Esa declaración foi publicada o 6 de decembro en varios xornais en papel, unha campaña na que a Xunta gastou cando menos 35.000 euros.
A declaración institucional lida por Rueda o 3 de novembro criticaba que Pedro Sánchez estivese a negociar "de xeito bilateral" os "lazos de fraternidade que unen a uns españois con outros", "a credibilidade das institucións e do imperio da lei" ou "a igualdade entre todos os cidadáns". Un mes despois, a declaración publicada nos xornais o Día da Constitución salienta que esta serve para "consolidar a igualdade entre todos os galegos e os demais españois" os "lazos de fraternidade" e "a credibilidade das institucións".
A declaración do Día da Constitución segue dicindo que a Constitución favoreceu en Galicia "servizos públicos en mellora constante, desenvolvemento económico equilibrado e vocación de equilibrio territorial". Un mes antes a declaración sobre Catalunya criticaba que supostas concesións económicas á Generalitat serían equivalentes a "o que custa prestar todos os servizos públicos desenvolvidos pola Xunta" durante máis dun ano.
"Non nos convencerán de que o prezo da convivencia pasa por sacrificar a igualdade entre españois", dicía a declaración do 3 de novembro, mentres que a do 6 de decembro incidía en que "convivencia e xustiza van sempre da man". E se a primeira declaración do Goberno galego remataba cun "defenderemos a dignidade de Galicia", a dun máis tarde dicía que a Constitución "é o compromiso cotián de defender a dignidade de Galicia".
Porén, si hai unha diferenza entre a declaración institucional do 3 de novembro e a do 6 de decembro. Entre unha e outra o 15 de novembro o presidente Sánchez apelou, no seu debate de investidura, a erguer fronte ás forzas de dereitas "un muro de tolerancia, convivencia e democracia". Así que a declaración do Día da Constitución engade que esta "consagra un país con máis pontes para unirnos que muros para separarnos".
Non é a primeira vez que o Goberno galego traslada argumentarios do PP sobre Catalunya a declaracións institucionais da Xunta, algo que xa fixo por exemplo en 2015 ou 2019
A propia Xunta resaltou coa tipografía os conceptos fundamentais da declaración polo Día da Constitución que se repiten a respecto da declaración dun mes antes sobre Catalunya, conceptos que veñen sendo empregados polo PP nos seus argumentarios políticos. A declaración institucional así configurada foi publicada o 6 de decembro en varios xornais en papel e agora o Goberno galego vén de facer público, na súa web de contratación, o pagado a cada empresa, reproducido na táboa que acompaña esta información cos contratos divulgados ata o momento e que poderían ser máis ante a demora e fragmentación coas que a Xunta adoita publicar este tipo de información.
Esta non é a primeira vez que o Goberno galego traslada argumentarios do PP sobre Catalunya a declaracións institucionais da Xunta lidas polo seu presidente e publicadas en xornais en papel. Xa sucedeu, por exemplo, en 2015 e 2019. Porén, a Lei 29/2005 de publicidade e comunicación institucional prohibe mensaxes ou campañas que poidan "inducir a confusión cos símbolos, ideas, expresións, deseños ou imaxes empregadas por calquera formación política".