Todos os conselleiros e conselleiras do goberno galego apoiaron este pasado venres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na lectura dunha declaración institucional contra o acordo alcanzado por PSOE e ERC para a investidura de Pedro Sánchez e, máis concretamente, contra o pacto que suporá a condonación de 16.300 millóns de débeda a Catalunya.
Con toda a solemnidade, ricto serio e apelando de novo a unha suposta aldraxe, o xefe do Executivo galego cualificou a medida acordada entre socialistas e independentistas cataláns de afectación "ao modelo territorial e ao peto dos galegos" e advertiu que Galicia, "leal pero non submisa", non ía "estar calada" nin ser unha "convidada de pedra".
No pazo de Raxoi, como noutros eventos aos que se lle pretende dotar de toda a solemnidade, Alfonso Rueda reclamou a convocatoria urxente da conferencia de presidentes autonómicos e calculou que o acordo sobre a débeda suporá "unha carga adicional de 400 euros por cada galego". Non fixo referencia á parte do pacto que aclara que esa condonación da débeda —dun 20%— é "extensible" ao resto de comunidades autónomas, ás aclaracións do Executivo de España e do delegado do Goberno sobre os beneficios que suporá tamén para o propio territorio ou aos detalles do pacto entre BNG e PSOE, no que ambos se comprometen a que calquera medida no ámbito financeiro que afecte a Catalunya terá unha compensación "análoga" no país.
No outono de catro anos e tamén no de hai oito, a Xunta emitiu tamén senllas declaracións institucionais en resposta a decisións políticas en ou sobre Catalunya
Logo, a Xunta difundiu íntegro texto da declaración institucional que fora antes retransmitida en directo polas canles das redes sociais do PP. O modus operandi non varía moito respecto doutras declaracións institucionais solemnes que nos últimos anos levou a cabo o Goberno galego, daquela co actual líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, como presidente. E todas coinciden en varias características: asumen o argumentario do Partido Popular, refírense a supostos agravios con Galicia en comparanza con beneficios a Catalunya e difúndense a poucos meses das seguintes eleccións autonómicas.
Vai a declaración institucional por lexislatura desde 2015. Catalunya adoita ser o leit motiv. Así ocorreu naquel outubro, a menos dun ano dos seguintes comicios autonómicos de 2016 e co procés catalán en pleno auxe. Un mes despois das eleccións catalás, Junts pel Sí e CUP acordaban unha declaración a prol da independencia, que o Parlament aprobaría nos primeiros días de novembro. Dous días despois daquel acordo entre as formacións catalás, o Consello da Xunta abordaba un texto contra o impulsado en Catalunya, que o propio presidente proclamou ao remate da xuntanza. A declaración de JxSi e CUP era un "desafío" ao Estado das Autonomías e "un intento fraudulento de liquidalo", afirmaba. Ao día seguinte, o 30 de outubro, o Goberno galego publicaba en espazos publicitarios de varios xornais impresos a súa declaración e agora vén de xustificar aquela campaña ante o Parlamento, pero sen revelar o seu custo.
Feijóo en dúas ocasións e agora Rueda advertiron do risco que corría o Estado das Autonomías e do suposto agravio a Galicia, asumindo o argumentario do PP
En xuño, ante a pregunta escrita do BNG sobre aquela declaración, a Xunta xustificaba a campaña no que consideraba "un desafío e mesmo un ataque" pola "deslealdade daqueles que pretenden botar por terra o esforzo colectivo de todo un país". A publicación do anuncio, dicía a resposta remitida dende a Secretaría Xeral de Medios, foi acordada naquela xuntanza do Consello para o "seu coñecemento por parte da cidadanía de Galicia" e "cumpre co establecido" na lei de publicidade institucional do Estado, segundo a cal "só se poderán promover campañas institucionais cando teñan —entre outros obxectivos— o da difusión e coñecemento dos valores e principios constitucionais", así como cando concorran "razóns de interese público e no exercicio de competencias propias".
Aquela declaración institucional aínda está pendurada na web do Goberno galego. Non así outra que chegou catro anos despois: tamén en outubro, tamén con Catalunya como protagonista e a poucos meses dunhas eleccións que acabarían celebrándose no xullo seguinte pola pandemia. Foi Feijóo o encargado de ler un texto no que o Goberno galego asumía como postura oficial propia varios dos argumentos que nos daquela empregaba o PP, desde pedir ao Goberno central que non descarte “ningunha medida” ata criticar que os socialistas “gobernen” cos independentistas.
Desa volta, a nova declaración institucional da Xunta emitíase, segundo sinalaba o propio Feijóo, non pola sentenza do Supremo ditada aqueles días, senón “con motivo dos disturbios” posteriores que se rexistraron en Catalunya. O propio texto centrábase en presentar a Galicia, e o Goberno da Xunta, como antítese do que estaba a ocorrer alí, asegurando que “Galicia é unha comunidade estable, unha comunidade centrada”, facendo así unha identificación entre as supostas virtudes que Feijóo se atribúe a si mesmo e o seu partido con toda Galicia.
No texto que lera Feijóo sinalábase que España viña de "superar unha nova proba” e que a sentenza do Supremo culminaba "unha resposta medida” ao "desafío" independentista. E a continuación asumía diversos argumentos que o PP empregaba naqueles días para criticar a actuación do Goberno central e o PSOE en Catalunya.
Agora, outros catro anos despois —tamén en outono e tamén sobre Catalunya— foi Alfonso Rueda o encargado de ler unha declaración institucional na que advirte do "presente e futuro territorial de España" e dun acordo que suporía "a modificación dos principios que guiaron a España autonómica das últimas décadas". Cunha elevada dose do argumentario repetido polo PP e o resto de comunidades autónomas gobernadas pola dereita.
"Na práctica, sería a transformación da España autonómica nun modelo de Estado asimétrico", sentenciou o presidente da Xunta. En outono, catro anos despois da última declaración institucional e de novo a poucos meses dunhas eleccións autonómicas. Cando sexan.