O pasado sábado, o Centro Galego de Bruxelas acolleu o festival 12 hores per la llibertat, un evento impulsado dende unha plataforma soberanista catalá con actuacións musicais e outras actividades culturais que tiña como pano de fondo a reivindicación da liberdade para os dirixentes independentistas de Catalunya encarcerados tras o referendo do 1-O do pasado ano. A entidade da diáspora galega alugou, como fixo tantas veces con multitude de colectivos, a súa coñecida sala La Tentation, en pleno centro da capital belga, malia os intentos da Xunta por impedir o acto, presionando os dirixentes da sociedade galega, que ratificaron en xunta directiva a celebración dun certame que o propio Feijóo lamentara non poder prohibir.
A Xunta intentou sen éxito anular o festival e cargou de novo contra o Centro Galego de Bruxelas unha vez celebrado
Celebrado o festival CityZen, que reuniu moreas de grupos que tocaron durante doce horas seguidas, a Secretaría Xeral de Emigración volveu cargar en declaracións a algún medio contra o evento, en especial contra a actuación de Valtònyc, mudado a Bélxica o pasado maio para evitar a entrada na cadea tras ser condenado a tres anos e medio por enaltecemento do terrorismo e inxurias á Corona nas letras das súas cancións. E mesmo apuntou o grupo de cantareiras galego-belgas Ialma, que acompañou o rapeiro mallorquín nunha xa divulgada versión de Bella Ciao.
Feijóo pediu á entidade galega que "rectificase" e seguise "fiel á identidade do galeguismo tolerante"
Tamén o presidente da Xunta teimou no tema. En Barcelona, durante unha recepción previa ao encontro da comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas no exterior, e ante dirixentes de varias entidades da diáspora galega, cargou contra a institución de Bruxelas. “Só esperamos que algún centro galego do exterior, que serviu de escaparate a ideas contrarias á convivencia, saiba rectificar para seguir fiel á identidade do galeguismo tolerante e fraternal”, dixo.
Pero o Centro Galego non ten nada que rectificar. Ou iso é o que manifesta. “Alugamos salas para vodas, para almorzos, para cursos de tango e de danzas árabes ou africanas… Para todo e todos porque somos multiculturais como a propia cidade”, di en declaracións a Praza.gal Miguel Palomo, presidente da entidade, que foi quen recibiu as presións desde a Xunta para que “fixera todo o posible para anular o festival”.
Foi Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración, o cargo máis activo nos intentos por conseguir que o CityZen non se realizase en La Tentation, aludindo tamén nas súas chamadas ao malestar do presidente Feijóo.
Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración, pediu ao Centro Galego que fixese "todo o posible para anular o festival"
A resposta de Palomo sempre foi a mesma. “O Centro Galego, como centro cultural sen ánimo de lucro, ten que respectar as leis belgas. Por moito que a Xunta nos solicite anular un acto ou rachar un contrato, as cousas non se poden facer así. Hai que respectar a lexislación”, explica quen aclara que son varias as razóns que levaron a entidade a nin tan sequera pensar en aceptar as presións.
“Dixémoslles que era imposible, non só polo pouco tempo que quedaba para o festival ou porque supoñía rachar un contrato asinado, senón porque era deixar xente sen acudir, xente sen actuar e facerlles perder o tempo”, explica Palomo, que non entende que se poida pretender censurar un acto porque as ideas que alí se expresen non concorden coas dun goberno.
"A xente ten todo o dereito a manifestar as súas opinións; non se pode impedir a libre expresión das ideas", di o presidente do Centro
“O contido do festival claro que tiña un contexto político porque a maioría dos grupos que actuaban eran cataláns, pero teñen todo o dereito a expresar as súas opinións. Desde un punto de vista democrático, non se pode impedir a libre expresión das ideas”, engade este galego que leva máis de 40 anos en Bruxelas.
“O Centro Galego non participou en mitin ningún; o único que fixemos foi alugar unha sala para un acto cunha visión política determinada, pero non se cometeu delito ningún nin houbo unha revolta”, engade quen cre que se “esaxeran” as cousas e que advirte da visión diferente que desde puntos de Europa se ten sobre a liberdade de pensamento ou ideolóxica. “Houbo unha ducia de grupos, viñeron 1.500 persoas e houbo quen se manifestou politicamente, tamén Valtònyc, que foi aceptado no conxunto da montaxe cultural”.
"Quen son eu para opooñerme a que Valtònyc actúe?"
Preguntado pola actuación do rapeiro mallorquín e as críticas desde a Xunta, Palomo pregúntase: “Quen son eu para opoñerme a que esta persoa actúe? Terá unha maneira de expresarse determinada ou polémica, pero é o público quen debe xulgalo. Non matou a ninguén”, asegura.
Ante quen sinala tamén o Centro Galego pola presenza de dirixentes políticos cataláns na súa sala, Palomo lembra que “a xustiza belga non recoñece ningún delito nesas persoas; andan libres polo país e poden realizar os actos que queiran sempre que respecten as leis belgas”.
“Queríamos deixar claro que o Goberno galego non se pode meter na autonomía dos centros galegos; non queremos ser o canciño de ninguén”
Alén diso, Palomo aclara que a resposta negativa ás presións da Xunta respondeu tamén a o intento “por dar unha mostra da nosa autonomía”. “Queríamos deixar claro que o Goberno galego non se pode meter na autonomía dos centros galegos; non queremos ser o canciño de ninguén”, insiste quen lembra que ten alugado a sala sinalada “a defensores de Palestina e defensores do Estado de Israel”. “Mesmo se o PP nos quere alugar a sala para un mitin político, alugarémoslla sen problema, previo pago para sufragar os gastos que nos supón mantén unha entidade que non ten fin lucrativo ningún”, explica.
Por último, lamenta que alguén poida poñer en dúbida a “lealdade e cariño” que o Centro Galego de Bruxelas mostrou sempre por Galicia e as súas institucións. “Fixemos máis de 1.000 representacións por toda Europa co noso grupo folclórico representando a Galicia e difundindo a súa cultura, a procesión de Santiago é a única relixiosa permitida polas autoridades belgas... Non se pode dubidar de nós”, remata.