A pandeireta co contrabaixo. A muiñeira coa cumbia. O pandeiro co ukelele ou o saxo co porco de goma. Así definen Tiruleque a mestura que caracteriza o seu traballo. Música tradicional galega, indiscutiblemente de festa, á que se foron engadindo outras influencias. Foron aló xa dúas décadas, que celebran cunha xira e cun disco, Tiruleque, 20 anos no camiño, en formato lámina con código de descarga. Falamos con Jose destes 20 anos de andaina.
Gravastes poucos discos na vosa traxectoria, mais un deles é o que celebra os 20 vosos 20 anos. Por que?
Pareceunos o momento. Unha oportunidade para coller repertorio de todos estes anos e xuntalo nun disco. Ademais un membro de Tiruleque foise, outro que foi fundador volveu entrar… Era unha mestura propicia para gravar un disco.
Estades cunha xira que xa comezou. Como vai?
A primeira data foi no Garufa, na Coruña, xogando na casa. Foi moi ben, a verdade. Despois da pandemia, ademais, foi unha oportunidade para os reencontros, o primeiro concerto do membro fundador que volveu… O xoves 5 de maio estaremos en Santiago nas Crechas, o domingo 8 en Ferrol nos Maios e o día 14 en Lugo no Clavicémbalo. E esperando novas datas.
Supoño que hai 20 anos non agardabades tirar tanto…
Eu empecei sobre o 2012 e os fundadores no 2002, pero eu non, non pensaba que fose durar tanto, e os outros supoño que aínda menos. Nós, ademais, facemos ao revés de como fan moitos outros músicos. Traballamos moito as pezas, dámoslles voltas, vemos como funcionan no directo e, se vai ben, cando temos pezas abondas lanzamos un novo disco.
Facedes música de festa, diso non hai dúbida, pero no disco non hai só música tradicional galega. Escóitanse, por exemplo, ritmos latinos. O cal tampouco é nada raro na música galega, coa influencia da emigración… Como dirías que foi evolucionando a vosa música?
“O grupo fundador son gaiteiros reiventados para tocar outro instrumento mais, a partir de aí, foron incorporándose influencias diversas”
Foi evolucionado un pouco desde o máis tradicional. O grupo fundador son gaiteiros reinventados para tocar outro instrumento mais, a partir de aí, foron incorporándose influencias diversas. Por exemplo, algo de jazz ou, si, ritmos latinos: a cumbia, o son cubano. Como dis, a música tradicional está ademais moi influenciada por outras músicas. Cando nós temos un ritmo máis tropical tendemos a levalo ao son cubano, a cumbia, e ademais a percusión que temos dá para iso.
Supoño que sodes músicos máis de foliada pero, por onde adoitades movermos? Tamén se vos pode ver en festivais…
Somos, si, fundamentalmente músicos de foliada e de festa. Logo na Coruña iamos ao Repichoca, o pub estratéxico da música tradicional, onde nos coñecemos e de onde saíu todo. Vamos a festivais de música tradicional e, fóra, fomos a Avilés, a Gijón, a Lorient… Aquí fomos a case todos os festivais, como Ortigueira por exemplo. E tamén nos gusta moito ir aos festivais que, con moito esforzo, organizan asociacións…
“Tamén nos gusta moito ir aos festivais que, con moito esforzo, organizan asociacións…”
Por que dicides que a música é un xeito de vertebración social e cultural?
A música non foi tradicionalmente máis que un enlace de sociabilidade, un xeito de socializar. Nós somos doutra época pero, ao final, o sentido é o mesmo. Nós tocamos para que a xente baile e cante. Necesitamos esa conexión. Haberá xente que prefire non bailar e entendémolo, pero para nós o bonito é que a xente se erga e baile.
Cal é a orixe do voso repertorio?
Fundamentalmente as fontes tradicionais e os cancioneiros xa publicados: o de Dorothé Schubarth, o de Casto Sampedro, o de Bal y Gay, o traballo fantástico que está facendo Acentral Folque… Nós tamén fixemos recolleitas a xente maior, polo que tamén tiramos de material que temos nós. Un de nós aparece cunha proposta, partíllaa co grupo, vemos como vai encaixando… Basicamente o que facemos é moita peneira. Buscamos moito. E ademais somos sete persoas que temos que poñernos de acordo…
Os temas do disco falan de festa e de sexo. Basicamente. Non sei que ten a música tradicional…
Moitas coplas teñen ese dobre sentido, esa retranca da que gostamos, si. Hai un tema de orixe portuguesa que trouxo Sergio e que nós levamos á cumbia e si, moita festa… Pero si: non escollemos eses temas que comentas de xeito consciente, pero saíu así. Ás veces tamén nos poñemos románticos…
Dicíao porque na música tradicional tamén hai outras cousas, pero hai moito diso, claro. Na vosa traxectoria atopástesvos con grandes mestres da música tradicional. Que aprendestes deles?
“Ás veces, ao principio, poden non entender por que preguntas xa que, se ti xa sabes tocar a gaita, que queres deles? Pero despois venche a cara, flipando por como tocan e entón entenden que falas en serio”
Unha vez Sergio e eu fomos a Arzúa e, despois de todo o día preguntando, non atopabamos a ninguén. Pero despois pasamos por unha aldea e empezou a soar unha gaita. Era Froilán, Xulio Froilán. Nós eramos uns rapaces que entón tiñamos 20 anos. E el abriunos as portas da súa casa, convidounos a tocar con el… Todo o que lle preguntabas acordábase, todo o transmitía… E realmente a nosa experiencia é esa. Atopas as portas abertas e dinche: isto é o que hai, aquí o tes. Ábroche a miña casa e aquí tes o que sei. Por iso tamén nós queremos facer o mesmo, queremos compartir o que temos. A música tradicional debe ser compartida.
Entón non observastes que a xente non lle dese importancia ao que sabía?
Nun primeiro momento pode que sexa esa a reacción, sobre todo noutra época. Tamén depende do sitio ao que vaias. A figura do gaiteiro pode ser moi valorada nun lugar e estar mal vista noutro. Si que ás veces, ao principio, poden non entender por que preguntas xa que, se ti xa sabes tocar a gaita, que queres deles? Pero despois venche a cara, flipando por como tocan e entón entenden que falas en serio, que desfrutas co que fan e que queres aprender deles. Entón ábrense totalmente.
Hai, ademais, unha transmisión que chegou á xente nova. É moi normal que, onde haxa música tradicional, haxa xente nova bailando.
Para min é unha cuestión cíclica. Cando eu empecei a tocar había unha especie de boom da gaita. Nunca se perdeu o fío. Antes foi o baile, agora o canto e a pandeireta… Houbo unha época en que as foliadas, as ruadas, etc, perdéranse, pero nos anos 90 houbo unha recuperación: bailes espontáneos, foliadas… Volveu a conexión da que falabamos antes e ademais produciuse unha conexión interxeracional. O que penso é que mentres a música se manteña de forma natural non se vai perder. Ademais é unha música que mestura ben con todo. Agora seguramente As Tanxugueiras farán que máis xente nova conecte coa música das pandeireteiras… Mentres estea viva, a música tradicional, non se vai perder. Se ademais as institucións se implicasen máis isto multiplicaríase.
“Mentres estea viva, a música tradicional, non se vai perder”
Para facer balance, que dirías que conseguistes e que non en 20 anos?
Conseguir, pois contribuír a que siga viva a música tradicional, dar a nosa visión da tradición e axudar a que siga viva a festa, o encontro. E o que non conseguísemos, pois teremos outros vinte anos para conseguilo. Non sei, para min é todo positivo.
Hai algo que queiras subliñar do disco?
Decidimos non sacar un CD físico, senón algo especial: unha lámina de Juanlu, o deseñador que traballou con nós no noso anterior disco, que leva un código de descarga. A lámina é fermosísima. No Garufa gustou moito. É algo diferente. O traballo de Juanlu Nacha e as ideas de Marta Horjales axudaron moito.