Dakidarría celebran os seus 18 anos de andaina cun novo disco, Colaxe, que é unha mostra dos distintos estilos, mensaxes sociais e políticas e actitudes que sempre caracterizaron a banda e que presentarán o venres 6 de maio na Sala Máster (Vigo) e o sábado 7 na Sala Malatesta (Santiago). Forza e resistencia con alegría, podería dicirse. Denuncia da inxustiza. Punk, rock, ska ou músicas urbanas. E unha comunidade de bandas amigas e de público tecida ao longo do tempo. Falamos con Gabri.
A palabra que pode definir Dakidarría é resistencia. Cal é o concepto de Colaxe?
“Resistencia, si, é un concepto que nos define como banda”
Pois tal cal Colaxe, porque despois de 18 anos de carreira da banda, bebendo de diferentes subculturas musicais, o que facemos é unha homenaxe ás mesmas sen mesturalas tanto como nos anteriores discos. Sempre nos caracterizamos por mesturar estilos. Este disco foi feito durante a pandemia e non puidemos facer ensaios. Tocamos os diferentes paus que nos motivan a cada un, cadaquén desde a súa casa. Por iso é un traballo que ao principio parecía moi heteroxéneo pero que despois fomos decatándonos de que tiña unha unidade, de que todo encaixaba como nun colaxe. Resistencia, si, é un concepto que nos define como banda.
Que subculturas son esas que citas?
A partir do punk-rock bebemos moito de diferentes estilos: o ska e o reggae, despois ritmos urbanos: electrónica, rock máis clásico… Fomos conformando un estilo propio cunha mestura de todas esas cousas.
Como foi entón o proceso de creación do disco?
Cada un traballou desde a súa casa. Foi cando estabamos encerradas con motivo da pandemia. Iamos enviándonos o que faciamos, a distancia, para poder poñelo en común. Así, os temas non cambiaron moito desde a maqueta. Despois, foi a primeira vez que traballamos sen produtor, o cal foi un reto moi grande. É un disco autoxestionado, gravado no noso propio estudo e cos nosos propios recursos. Acabamos de crear o noso propio estudo, A carpintería, no mesmo local onde estaba a carpintería do meu pai. Empezamos a poder gravar a partir de xaneiro do 2020. Durante o parón fomos compoñendo.
Até o abrente fala dunha nova de vida que vai comezar, confiando no futuro. En que está inspirada?
“Non queremos ter pendurado o estigma de grupo enfadado, porque se non afrontas as inxustizas desde o amor e desde a alegría acabas queimada”
É a canción de inicio do disco e dos directos, a de retomar a actividade despois da parada obrigatoria. É unha homenaxe á nosa xente, que nos dá calor desde hai tanto tempo, un público fiel que medra cada vez máis. Este é un tema de reencontro coa xente, desde o principio de rebeldía con alegría que nos define, pois sen alegría non concibimos a revolución. É unha máxima zapatista que nos acae moito como banda, que nos parece básica. Non queremos ter pendurado o estigma de grupo enfadado, porque se non afrontas as inxustizas desde o amor e desde a alegría acabas queimada. Hai outros xeitos de loitar, sacando o bo que temos e indo tecendo rede.
Arrasadeira fala de non caer no desalento e non renunciar a soñar. Ten relación co que acabas de comentar…
Somos unha banda implicada no activismo, na loita social. Para escribir a letra deste tema pensei en particular en dúas persoas que coñezo moi activistas. O seu compromiso fixo que se unisen moito, que xurdise moito amor, unha amizade moi forte entre elas. Porque loitas por convicción pero tamén porque tes a alguén ao teu lado tamén loitando. E por iso é moito máis difícil que desistas e que deixes de soñar con mudar as cousas.
Pobo de artistas é como nos chama Xurxo Souto aos galegos e galegas. Neste tema hai varias colaboracións…
“Para o vídeo deste tema xuntamos un monte de xente de diferentes paus musicais cantando xunta. Foron máis de 150 persoas de 80 bandas, todas cantando o mesmo retrouso”
É así como Xurxo Souto define o pobo galego, si, e parécenos unha definición marabillosa. É importante poñer en valor a diversidade e pluralidade das culturas que temos e a importancia da unión, da colaboración e do apoio mutuo para facernos cada vez máis fortes. Non caer na trampa da envexa, a competitividade, etc. Hai que poñer en valor tamén que hai 10 anos a situación da música que temos agora era impensable, en canto a calidade e variedade… E xa que desde arriba non nos apoian, teremos que organizarnos para apoiarnos entre nós. Para o vídeo deste tema xuntamos un monte de xente de diferentes paus musicais cantando xunta. Foron máis de 150 persoas de 80 bandas, todas cantando o mesmo retrouso. Un reencontro moi especial, en Bueu, no Aturuxo. Temos ademais a colaboración para este tema de O Rabelo e Tanxugueiras.
Dicías antes que xa que os de arriba non fan nada, hai que organizarse desde abaixo.
As institucións teñen a cultura galega abandonada. Estamos moi en precario, sobre todo na música de base. Hai moitas dificultades para profesionalizarse. Se unha banda está empezando e quere darse de alta para dar concertos non pode porque é imposible. Non hai apoios. Ao poder non lle interesa. Ao poder nunca lle interesou un pobo culto. Entón o que reivindicamos é que se nos xuntamos entre nós poderemos sacar as cousas adiante e conseguir non desaparecer.
“O que reivindicamos é que se nos xuntamos entre nós poderemos sacar as cousas adiante e conseguir non desaparecer”
Caminar con Vós ten que ver coas Nais da Praza de Maio. Como xurdiu?
Hai tres cancións do disco nas que colaborou na letra o batería da banda, Maki, e esta é unha delas. Parte dunha historia familiar, pois os pais da súa parella foron desaparecidos na ditadura arxentina. Conseguiron escapar e contábanlle a el historias. O batería escribiu, asi, o retrouso da canción, que eu completei cunha historia que une Galicia e Arxentina, a de Dionisia López Amado, unha muller de Cedeira que emigrou a Bos Aires. O seu fillo e a súa nora foron secuestrados e desaparecidos e ela foi unha das fundadoras das Nais da Praza de Maio. E non só iso, senón que foi unha muller que apoiou moitas causas sociais. E aquí ninguén sabe da súa existencia. Para este tema fixemos un traballo de investigación moi grande e moi bonito, falando con amigos e coa familia desta muller. E gustaríanos contribuír a que sexa recoñecida aquí. Estas son as historias que hai que contar e nós queremos poñer o noso gran de area.
Somos Nós é máis rockeira e fala tamén dos galegos e galegas como pobo.
A letra é unha adaptación de dous poemas de Manuel María. Cando eu era un chaval Manuel María asinoume un libro e eu quedei prendado daquel escritor que me asinaba a min un libro. Despois, sendo aínda un neno, empecei a lelo. Este tema tamén o fixemos entre o batería e eu. Penso que os poemas definen moi ben o que é o pobo galego, polo menos idealmente. A Galiza que queremos defender, que é unha forma de vivir máis que un territorio.
“A Galiza que queremos defender é unha forma de vivir máis que un territorio”
Salvatge é un tema en catalán.
O catalán é a miña lingua materna porque a miña nai é catalana. Eu tiña unha espiña cravada porque nunca fixera unha canción enteira en catalán. Nesta canción falo da relación que teño coa miña nai. Estivo moi ben, ademais, porque nos chamaron medios de comunicación de alí para preguntarnos por este tema.
Seguimos en pé! ten algo máis electrónico.
É que hai un pouco de todo no disco. Ao principio querían etiquetarnos pero era moi difícil. Punk-rock?. Non só. Ska? Non só. Sobre unha base punk hai detalles de aquí e de alá. Ultimamente tivemos máis inspiración de músicas urbanas, tamén pola incorporación de novos membros á banda. Pol xa nos fixo en anteriores discos arranxos electrónicos e agora entrou na banda como un membro máis. Levamos xa case 19 anos desde que comezamos no instituto de Nigrán e fomos incorporando moitas influencias.
“Hai cousas que parecían superadas pero esta democracia segue a apestar a franquismo”
Xa non é só a música punky que faciamos ao principio. Houbo un momento en que decidimos que non iamos pecharnos a nada. Neste tema temos ademais a colaboración de High Paw, que a leva ás musicas urbanas, ao hip hop. Esta canción foi gravada antes, con Iago Pico, e a letra reivindica a liberdade de expresión, porque hai cousas que parecían superadas pero esta democracia segue a apestar a franquismo. Están a tentar silenciar voces de artistas, entón teremos que berrar máis alto. O xeito de loitar contra a censura é que todas berremos máis alto.
A Vida Pirata é máis festeira. En todo o disco hai moitas colaboracións. Neste tema tedes a Boikot e a Evaristo Paramos.
Fíxonos moita ilusión contar coa colaboración de varios membros de Boikot e de Evaristo de La Polla Records. É unha canción moi festiva, moi divertida, como para dedicar á xente que está dous ou tres días nun festival dándoo todo.
Condenadas por Soñar parece dedicada ás presas independentistas.
Temos unha ligazón grande coas plataformas Ceivar e Que voltem para a casa. Aquí temos a colaboración de Inadaptats, de Cataluña, de En Tol Sarmiento, de Euskalherria, e de Menina Arroutada. Tamén é unha forma de expresar solidariedade entre pobos que están sufrindo este tipo de represión. E non nos referimos só aos independentistas.
Que Pidan Perdón fala da familia real. Aínda ides ir presos vós…
Dinnos iso bastantes veces. Dáste conta de que xa o temos normalizado? Que podes acabar en prisión por denunciar os roubos do poder, e non só da Familia Real. Recuperamos por fin o Pazo de Meirás e quedan moitas cousas por recuperar. Falamos dos Franco, dos banqueiros, das eléctricas… De todos os que nos rouban. Este tema é unha versión dunha canción da banda Rancid. E o que pedimos con ela é que devolvan o roubado ou que polo menos o roubo non quede impune.